03/03/2011

Protestos chegam a Suazilándia

Artigo tirado de aquí. A tradución é nosa. África ergue-se contra os tiranos e o imperialismo como já antes o figera  América Latina.

 
A oposición en Suazilandia planifica un levantamento popular "inspirado no Norte de África" contra o réxime totalitario do rei Mswati II. E o momento parece oportuno, xa que os recortes orzamentarios están a levar a redución de salarios. Diferentes grupos da oposición en Suazilandia - todo ilegais xa que non se permite oposición no reino - uníronse ao convocar un "levantamento nacional en Suazilandia" que dará comezo con marchas de protesta o 12 de abril. Segundo informaron a afrol News, o obxectivo é, nin máis nin menos, que obrigar a abdicación do rei Mswati e a instauración da democracia no pequeno país da África Austral.

A oposición de Suazilándia, dentro e fóra do reino, xa creou mesmo un grupo na rede social Facebook e no que se tentan expor os obxectivos da sublevación.

"Inspirado nas revoltas do Norte de África e o feito de que a economía de Suazilándia está polo chan, o pobo de Suazilándia ten a vontade de encher o 12 de abril as rúas das dúas cidades do país para protestar e non se irá até que o rei de Suazilándia tome medidas e poña o poder en mans dun goberno de transición, que preparará as primeiras eleccións libres e xustas no país baixo un goberno multipartidista desde 1973", explica o movemento de protesta.

Aínda que o acceso a Internet é moi limitado en pobre reino, e moito menos os usuarios de Facebook, o grupo xa conta con ao redor de 600 seguidores e un gran tráfico masivo, con numerosos comentarios de apoio.

Os responsábeis do grupo din que "non están afiliados a ningún partido político, sindicato ou formación política. Din ser "a voz do pobo na rúa, que está enfermo e canso do mal goberno e o réxime de Suazilándia". Porén o grupo xa conta co apoio dos movementos políticos na súa petición de protesta.

Máis importante que a acción levada a cabo en Facebook, a prevista protesta masiva está a conseguir certa cobertura, aínda que limitada, na prensa de Suazilándia, suxeita a unha forte censura, de modo que a súa mensaxe está a ser difundindo á poboación suazi. O diario Times of Swaziland, o único xornal independente do país, polo xeral está obrigado a autocensurar este tipo de informacións para evitar as represalias do réxime, mais optou por tomar o gran risco de informar os plans de protesta.

A convocatoria da protesta, que comezou como unha pequena acción en Facebook, está a empezar a obter o apoio dos principais grupos disidentes de Suazilándia. Tamén o destacado e influente movemento sindical de Suazilándia - aínda que está ilegalizado - está a comezar a unirse á convocatoria de protestas.

O principal aliado internacional dos sindicatos de Suazilándia, o sindicato surafricano COSATU, xa se lanzou no seu apoio. O grupo Rede de Solidariedade con Swazilandia (SSN) de COSATU afirmou hoxe en declaracións a afrol News o seu apoio "incondicional" ás protestas multitudinarias e que ten a intención de "facer contribucións concretas para que estas protestas teñan éxito".

E o certo é que o momento para unha protesta masiva en Suazilándia, apoiada polos sindicatos, é mellor que nunca. Debido aos gastos excesivos do rei e o crecente illamento internacional por mor das masivas violacións dos dereitos humanos, o goberno de Suazilándia acaba de anunciar importantes recortes orzamentarios.

O Goberno ten previsto despedir a até 7.000 funcionarios e recortar os salarios de moitos máis empregados públicos, ademais de facer máis recortes no gasto social. Os recortes orzamentarios previstos están a empezar a causar furor na clase media e obreira de Suazilandia. Isto pode ser a última pinga que faltaba para que estale a revolución no país, que tradicionalmente é bastante pacífico.

Porén o goberno tamén parece prepararse ante a posibilidade, cada vez maior, de protestas multitudinarias. Mentres todos os sectores prevén grandes recortes orzamentarios, o Ministerio de Defensa de Suazilándia vai rexistrar un gran crecemento orzamentario.

Este asunto, durante o debate orzamentario, provocou que a parlamentaria Khangezile Dlamini preguntase ao ministro de Facenda se o goberno prevé un levantamento popular. "Por que a asignación de tanto diñeiro para Defensa, a menos que, por suposto, estamos a anticipar que vai ocorrer aquí o que está a suceder en Exipto e Libia?" preguntou Dlamini ironicamente.

Á súa vez, o Goberno tamén está a tratar de limitar o acceso á información sobre a convocatoria de protestas. A semana pasada, o primeiro ministro de Suazilandia advertía aos medios de comunicación locais acerca de "mentiras difundidas en Facebook", instando a non difundir ese tipo de "mentiras". O primeiro ministro anunciou que a policía ía reforzar o control das contas en Facebook.

Con todo, Qalakaliboli Dlamini, columnista de Times of Swaziland, non cre que o goberno teña capacidade de vixiar actividades individuais deste tipo. O columnista opina que goberno "mente" ao anunciar que vixiará as contas en Facebook e que isto só ten a "intención de crear medo" aos máis débiles do país, que "deben atreverse a enviar comentarios honestos e veraces".

Nenhum comentário: