Michael Hudson. Artigo tirado de aquí. A tradución desde o castellano para o galego-portugués corre pola nosa conta.
(...)para iso é para o que agora mesmo parecen servir os partidos socialistas e socialdemócratas en Europa: para apertar as porcas até extremos aos que xamais poderían atraverse os partidos conservadores. A deflación salarial irá da man da deflación de débeda e dos aumentos de impostos, a fin de encoller as economías.
Votando NON no referendo do 9 de abril o que a poboación islandesa di aos negociadores financeiros de Europa é: 'Boa xogada! Pero non estamos dispostos a secundala. O voso xogo de acredores acabouse. De ningunha nación pode esperarse que cometa suicidio financeiro ao estilo irlandés, encartándose á depresión económica e obrigando a unha boa parte da súa poboación traballadora a emigrar, simplemente para compensar a depositantes de bancos polos crimes ou as neglixencias dos seus banqueiros'.
Onte, 9 de abril de 2011, o pobo islandés volveu a dicir "Non" nun referendo da maior importancia, non só para os destinos da economía e aínda da nación setentrional, senón para o futuro da democracia e da economía do continente europeo. O pobo islandés tiña que votar sobre o frívolo e pouco meditado acordo ao que o goberno verde e socialdemócrata chegara coa UE para facerse cargo das enormes débedas contraídas con clientes privados británicos e holandeses polo banco privado Icesave. Asombra o espectáculo, común a toda Europa, duns Parlamentos máis e máis divorciados da opinión pública e o crecente descrédito do que deu en chamarse a "clase política". Neste artigo, escrito coa súa lucidez e perspicacia habituais dous días antes de que se celebrase o referendo e á mantenta do mesmo, Michael Hudson analiza o que anda en xogo na economía e na política europeas dos nosos días.
Un combate de época desenvólvese este fin de semana en Islandia. O sábado, 9 de abril, os islandeses votan en referendo se someten ou non a súa econonomía a décadas de miseria, bancarrota e emigración forzosa da súa forza laboral. Polo menos, ese é o programa defendido pola actual coalición gobernante de Verdes e Socialdemócratas, que urxen a votar Si ao rescate do banco Icesave. A súa política de rendición financeira trágase o cabildeo do Banco Central Europeo a favor dunha desregulación neoliberal que levou á burbulla inmobiliaria e ao endebedamento apalancado, presentándoa coma se dunha historia de éxitos se tratase, e non, como é o caso, dun proceso que terminou por levar a Islandia á servidume por débeda. A verdade é que se tratou dunha xigantesca fraude bancaria, dunha orxía de ventaxistas que xogaban con información interna privilexiada: os executivos bancarios prestábanse o diñeiro a si mesmos, deixando unha casca baleira: así, dicían, funcionan os "mercados libres". Recomendábase o endebedamento como vía para facerse rico. O prezo que pagou Islandia foi un esborralle do 70% do valor das súas vivendas (nun país no que [como en España] os debedores hipotecarios son persoalmente responsables da súa débeda, calquera que chegue a ser o valor da vivenda), un PIB en caída libre, un crecente desemprego, quebras e desafiuzamentos.
Para pór o voto do sábado 9 en perspectiva, vale a pena ver que cousas parecidas foron pasando no último ano en toda Europa. Para non iniciados, durante ese ano popularizouse un novo acrónimo, PIIGS, para referirse a Portugal, Irlanda, Italia, Grecia e España.
Grecia
A erupción comezou en Grecia. Unha das herdanzas do réxime dos coroneis foi a evasión fiscal dos ricos. Iso levou a déficits orzamentarios, e os bancos de Wall Street axudaron ao goberno [conservador grego] a esconder a súa débeda pública nunha contabilidade lixo de "libre empresa". Logo, os acredores alemáns e franceses fixeron unha fortuna elevando as taxas de interese que Grecia tiña que pagar polo seu acrecido risco crediticio.
Díxoselle a Grecia que tiña que levantar os ingresos fiscais con impostos aos traballadores e facendo pagar máis polos servizos públicos. Iso aumenta o custo da vida e o custo de facer negocios, quitando competitividade á economía. A resposta de manual neoliberal é esta: hai que converter á economía toda nunha enorme colección de postos de peaxe. A idea é atacar o emprego público rebaixando os salarios dos funcionarios, a fin de presionar á baixa os salarios do sector privado, á vez que se recortan servizos sociais básicos e elévase o custo da vida introducindo cargos de peaxe nas autoestradas e noutras infraestruturas básicas.
Os Tigres Bálticos foron pioneiros niso, e deberían ser unha advertencia para o resto de Europa. Letonia bateu todas as marcas en 2008-09 cando, encartándose aos ditados do Comisario europeo de economía e moeda, Joaquín Almunia, destruíu un 25% do seu PIB e recortou os salarios públicos nun 30%. Letonia non recuperará os niveis pre-crise de PIB que tiña en 2007 até polo menos 2016: toda unha década perdida, malgastada nunha penitencia financeira resultante de crer nas fantasías neoliberais de que a súa burbulla inmobiliaria era un proceso prometedor de rebosante éxitos.
No outono de 2009, o primeiro ministro socialista George Papandreu prometeu nun cume da UE que Grecia non crebaría por causa dun volume de débeda de 298 mil millóns de euros, pero advertiu: "Nós non chegamos ao poder para desmantelar o Estado social. Non serán os traballadores asalariados quen paguen por esta situación: nin conxelaremos salarios nin, moito menos, os recortaremos". Con todo, para iso é para o que agora mesmo parecen servir os partidos socialistas e socialdemócratas: para apertar as porcas até extremos aos que xamais poderían atraverse os partidos conservadores. A deflación salarial vai da man da deflación de débeda e dos aumentos de impostos, a fin de encoller as economías.
O programa da UE e do FMI inspira a versión actual das desordes inducidas polo FMI en América Latina nos 70 e 80 do século pasado. Almunia, o verdugo da economía letona, esixiu unhas "reformas" que pasaban por recortes na asistencia sanitaria, nas pensións e no emprego público, "reformas" acompañadas dunha proliferación de impostos, gravames e peaxes de estrada e noutras infraestruturas básicas. [Almunia é militante do PSOE; N. do blogger].
A palabra "reforma" converteuse nun eufemismo para falar da xibarización do sector público e da privatización de activos públicos, liquidados a prezo de ganga en beneficio dos acredores. Esa política inspirou en Grecia unha rebelión de desobediencia civil ("eu non pago") que terminou por converterse nun "movemento antiausteridade de alcance nacional. Os partidarios dese movemento néganse a pagar as peaxes das autoestradas; en Atenas, sóbense sen billete ao metro e aos autobuses para protestar contra un 'inxusto' aumento de 40% nas viaxes". (Kerin Hope, "Greeks adopt 'won't pay' attitude," Financial Times, 10 marzo 2011.) Nin que dicir ten que os policías simpatizan o bastante co movemento como para absterse de pór multas.
Un artigo aparecido en [o rotativo parisiense] Le Monde acusou o plan da UE e o FMI de "cabalgar por encima das máis elementais regras da democracia. De pórse por obra ese plan, resultaría nun colapaso da economía e dos ingresos da xente sen precedentes en Europa desde os anos 30. Salta igualmente á vista a colusión entre os mercados, os bancos centrais e os gobernos para facer pagar aos pobos a factura do capricho arbitrario do sistema".
Irlanda
Irlanda é a economía máis golpeada da Eurozona. O partido inveteradamente gobernante, o liberal Fianna Fail [en coalición cos Verdes] aceptou no seu día incorporar as perdas bancarias á contabilidade pública, impondo o que ten o aspecto de converterse en décadas de austeridade (e na maior emigración forzosa desde a Fame negra da Pataca, a mediados do século XIX). Os votantes responderon botando do goberno ao partido liberal -que perdeu dous terzos dos seus escanos no Parlamento- e facendo desaparecer do panorama político ao Partido Verde, mentres o principal partido opositor, o democristián Fine Gael, prometía a finais do pasado novembro renegociar un préstamo de rescate da UE e o FMI por un montante de 115 mil millóns de dólares e o correspondente programa de austeridade.
Un editorial do Financial Times referiuse ao paquete de rescate como "un eufemismo para a destrución financeira" como a degradación dunha nación á condición de "escravitude escriturada". Os euroburócratas "pretenden que o contribuínte irlandés bote máis diñeiro nos buracos abertos polos bancos privados. Como parte do rescate, Dublín terá que ir consumindo un fondo de pensións creado nos días en que Berlín e París estaban a violar as regras de Mastricht (...) mentres se sacraliza os tedores de bonos e as apresuradas liquidacións de activos aumentan o risco de que perdas aínda maiores sexan cargadas sobre as costas do contribuínte". O único que auguran as promesas da UE de renegociar o acordo son concesións enganosas que non lograrán resgatar os traballadores e a industria irlandeses de ter que pagar a factura dos préstamos temerariamente concedidos pola banca privada nacional. As opcións de Irlanda, así pois, redúcense ou a rexeitar ou a aceptar as esixencias da Comisión Europea de "salvar a integridade dos banqueiros" a expensas do traballo e da industria. A cousa lembra a soada sentenza de William Nassau Senior -o que sucedeu a Malthus na cátedra do East India College- cando, informado de que na Fame negra da Pataca morreran en Irlanda un millón de persoas, repuxo impertérrito: "Non son suficientes". Xa se ve que a teoría económica lixo dos neoliberais goza dun longo pedigrí.
Alterouse radicalmente a idea da soberanía nacional, e aínda o suposto básico subxacente a toda a teoría política: a premisa de que os gobernos actúan conforme ao interese nacional.
Calcúlase que os xuros servidos polo goberno irlandés -por un monto de 10 mil millóns de euros- absorverán 80% dos ingresos fiscais recadados polo goberno en 2010. Iso está máis aló da capacidade de supervivencia de calquera Estado ou de calquera economía. Significa que todo o crecemento vai ir a parar, como tributo, á UE por rescatar a temerarios banqueiros alemáns, e doutros países, que nin sequera se decataron do feito aparantemente palmario de que as débedas que non se poden pagar, nunca se pagan. O problema é que, mentres van decatándose diso, as economías serán destruídas, os activos aventados, o capital esquilmado, e o traballo obrigado a emigrar. Letonia é o emblema de todo iso, cun terzo da súa poboación entre 20 e 40 anos que xa emigrou ou valora facelo nos próximos anos.
A arxentinización de Europa
O pesadelo da UE é que os votantes poidan espertar como terminaron espertando os arxentinos cando se lles anunciou oficialmente que os consellos neoliberais que lles deran os asesores estadounidenses e do FMI destruíran a economíaa arxentina. O pago da débeda era imposíbel. E chegados a ese punto, non tivo Arxentina demasiadas dificultades para depreciar en 70% o valor da débeda contraída con acredores estranxeiros. A súa economía está agora en auxe, precisamente porque, emancipada dos seus corvos financeiros, volve ser digna de crédito.
Algo moi parecido ocorreu en América Latina e outros países do Terceiro Mundo logo de que México anunciase que non podería pagar a súa débeda exterior en 1982. Produciuse unha onda de quebras, o que xerou negociacións para a depreciación da débeda, culminando cos bonos Brady. Os EUA e outros acredores calcularon con realismo o que os debedores estaban en condicións de pagar. E substituíron os vellos créditos bancarios, irresponsabelmente concedidos, por novos bonos. Os EUA e outros membros do FMI consideraron todo un éxito esas depreciacións.
Pero a Irlanda, Grecia e Islandia cóntanselles agora historias terroríficas sobre o que podería ocorrer, se os seus gobernos negásense a cometer suicidio financeiro. Témese, claro, a rebelión dos debedores, o que levaría á Eurozona a desmembrarse pola resistencia a que as economías financiarizadas entreguen durante anos e anos todo o seu excedente aos acredores, someténdose ás esixencias bancarias de sacrificar toda unha xeración á austeridade, o encollemento e a emigración.
O referendo islandés e o pesadelo da Comisión europea: a rebelión dos debedores
E ese é o asunto que se dirime este sábado [9 de abril de 2011] no referendo islandés. É a cuestión á que se enfronta o conxunto dos votantes europeos: teñen as economías dos nosos días que suxeitarse aos bancos e resgatalos con recursos públicos de empréstimos temerariamente concedidos? Ou hai que purgar o sistema financeiro para que, ao revés, sirva á economía e contribúa a elevar os niveis de vida, no canto de impor austeridade?
Parece unha ironía que os partidos socialistas (España, Grecia), o Partido Laborista británico e varios partidos socialdemócratas desprazáronse cara ao extremo probanquero dereitista do espectro político, comprometéndose a impor unha austeridade hostil ao mundo do traballo, non só en Europa, senón tamén en Nova Zelanda (o emblema das privatizacións thatcheritas nos 90) e aínda Australia. A política de redución dos servizos sociais públicos e de apostar polas privatizacións é diametralmente oposta ás súas posicións de hai un século. Como chegaron a divorciarse a tal punto dos traballadores, os seus orixinarios votantes? Diríase que a súa función actual é a de impor calquera política dereitista que os partidos conservadores non se atreverían a desenvolver: un pouco como Obama, neutralizador de posíbeis alternativas do Partido Demócrata ao cabiledeo Republicano a favor de políticas económicas a Rubin [o soado alto executivo do banco privado Goldman Sachs que, como secreterio do Tesouro norteamericano, determinou toda a política económica dos gobernos de Bill Clinton; T.].
Incauta credulidade? Poida que ese fose o caso en Rusia, cuxos dirixentes parecían ter pouca idea de como defenderse dos destrutivos consellos dos mozos de Harvard e de Jeffery Sachs. Pero hai algo menos incauto e máis intencional na política do Partido Laborista británico de pasar a Thatcher pola dereita en punto a privatización de ferrocarrís e outras infraestruturas económicas chave a través da súa "Sociedade Público-Privado". É a actitude que levou á Gordon Brown a esgrimir a ameaza de bloquear a entrada de Islandia na UE, se os votantes islandeses se opuñan a resgatar o que non era senón o fracaso da neoliberal axencia británica aseguradora de bancos á hora de previr que os báncsters saqueasen Icesave. O pasado fin de semana, medio millón de cidadáns británicos marcharon polas rúas de Londres protestando contra os anunciados recortes de servizos sociais, educación e transporte, así como contra os aumentos de impostos destinados a pagar os rescates de Gordon Brown de bancos privados como o Northern Rock e o Royal Bank of Scottland. A carga soportarana os traballadores e a industria, non a clase financeira británica. O Daily Express, un diario de tirada nacional sempre disposto a lanzar campañas, está agora desenvolvendo unha ruidosa campaña para que o Reino Unido abandone a UE aducindo sobre pouco máis ou menos as mesmas razóns polas que até agora se abstivo o país de entrar na Eurozona monetaria.
Que poderían razoabelmente esperar Islandia e outros países debedores de pagar a súa débeda, especialmente nos tempos que corren? O acordo proposto daría a Gran Bretaña e a Holanda máis do que lles darían as directrices da UE. Islandia ten robustos argumentos xurídicos para plantarse. As advertencias dos socialdemócratas e os verdes islandeses sobre a UE son tan esaxeradas, que lle levan a un a maliciar se os deputados do Althing [o parlamento islandés] non estarán simplemente buscando evitar unha investigación sobre o que realmente ocorreu cos depósitos do Landbanki Icesave. A Oficina de Fraude británica púxose ultimamente máis seria na investigación do que ocorreu co diñeiro, e empezou a deter a exdirectores. Vivimos tempos realmente estraños, cun goberno islandés [socialdemócrata e verde!] resignado a cargar a mala débeda de bancos privados na contabilidade pública islandesa.
O problema é que, canto máis encolla a economía de Islandia, tanto máis imposíbel lle resultará pagar a débeda externa. O goberno islandés esmolea con desesperación a entrada na UE, sen preguntarse sequera que custo ten iso. O custo: esborrallaríase a taxa de cambio da coroa islandesa, encollería a economía islandesa e os traballadores novos islandeses veríanse forzados a emigrar en busca de postos de traballo e para evitar as quebras e os desafiuzamentos resultantes da suxeción a políticas de austeridade.
Ninguén coñece realmente a profundidade do buraco. O goberno islandés nin sequera tentou realizar unha análise serio de riscos. O que está claro é que a UE e o FMI foron irresponsabelmente optimistas. Cada informe estatístico novo resulta "sorprendente" e "inesperado". Sobre a base das hipóteses de traballo do FMI acerca da evolución da taxa de cambio da coroa islandesa até finais de 2009, por exemplo, o persoal do FMI fixo proxeccións, segundo as cales a débeda exterior bruta sería do 160% do PIB. Para dicilo todo, engadiron que unha ulterior depreciación da taxa de cambio de 30% podería chegar a causar un aumento importante daquela proporción da débeda. E iso é o que ocorreu. En novembro de 2008, o FMI avisou de que a débeda externa que proxectara para fins de 2009 podería chegar a alcazar 249% do PIB, un nivel que consideraba "claramente insustentábel". Porén o actual nivel da débeda foi estimado xa en 260% do PIB islandés, e iso aínda sen incluír, entre outras, a débeda de Icesave que o goberno quere asumir.
Os acredores nada perden impartindo os consellos da teoría económica lixo. Mostráronse moi dispostos a alentar ás economías a destruírse a si propias no proceso de tratar de pagar: algo así como aplaudir aos traballadores das plantas nucleares por ir apagar un incendio no medio de radiacións. No caso de Irlanda, a UE cominou ao seu goberno [verdi-liberal] a responsabilizarse de empréstimos bancarios privados que, ao final, resultaron valer só 30% (si, 30%: non é un erratum mecanográfico) do prezo de mercado estimado. Dixo que iso podía facerse ·acilmente". O goberno verdi-liberal aceptou. Consecuencia: a práctica desaparición do Partido Verde irlandés e, o que é moito máis importante, a condena da economía irlandesa a polo menos dúas décadas de miseria, emigración e bancarrota.
O que empeora o problema é que a débeda contraída en moeda estranxeira non se paga a partir do PIB (cuxas transaccións se realizan en moeda nacional), senón a partir dos beneficios da exportación máis as ganancias resultantes da liquidación de activos públicos comprados por investidores estranxeiros. Para Islandia, a cuestión sería que volume de produtos e servizos -e de recursos naturais e empresas- nacionais comprarían británicos e holandeses.
Suponse que é responsabilidade dos acredores colaborar cos debedores e negociar os pagos en exportacións. No canto diso, os actuais acredores limítanse a esixir aos gobernos que vendan a prezos de liquidación terras, recursos minerais, infraestruturas básicas e monopolios naturais para pagar aos acredores estranxeiros. Eses activos resultan confiscados no que, en efecto, é un procedemento pre-bancarrota. Os novos compradores, entón, converten a economía toda nunha rede de postos de peaxe, elevando as cargas de acceso ao transporte, ao servizo telefónico e a outros servizos privatizados.
Un estaría tentado a pensar que a resposta normal dun goberno nestes casos de negociación da débeda externa sería nomear unha comisión de expertos que avaliase a posición da economía, a fin de ponderar a capacidade de pago das débedas contraídas no estranxeiro e de formular os termos dun acordo conforme á propia capacidade de pago. Pero non houbo tal cousa. O Althing [parlamento islandés] limitouse simplemente a aceptar as esixencias do Reino Unido e de Holanda sen a menor negociación. Nin sequera levantou protesta polo feito de que británicos e holandeses sigan adiantando os mangos do reloxo dos intereses nas cargas que están a esixir.
Votando NON no referendo do 9 de abril, o que a poboación islandesa vai dicir aos negociadores financeiros de Europa é: "Boa xogada! Pero non estamos dispostos a secundala. O voso xogo de acredores acabouse. De ningunha nación pode esperarse que cometa suicidio financeiro ao estilo irlandés, encartándose á depresión económica e obrigando a unha boa parte da súa poboación traballadora a emigrar, simplemente para compensar a depositantes de bancos polos crimes ou as neglixencias dos seus banqueiros".
O incalificábel papel xogado polas axencias de cualificación do risco
As axencias de cualificación crediticia trataron de apoiar os esforzos do Althing por amedrentar á poboación islandesa para que vote "Si". O pasado 23 de febreiro, Moody's ameazaba: "se se rexeita o acordo, o máis probábel é que rebaixemos a cualificación de Islandia até Ba1, ou menos". Se os votantes aprobasen o acordo, en cambio, "o máis probábel é que cambiásemos a actual cualificación do goberno en Baa3, de negativa a estábel", á vista dun probábel "recorte nos restantes 1.100 millóns de dólares comprometidos polos outros países nórdicos e probablemente tamén dun adiamento do programa do FMI para Islandia".
Talvez non moitos islandeses decátanse de que as axencias de cualificación son, na práctica, lobistas dos seus clientes, o sector financeiro. Un pensaría que perderon definitivamente a súa reputación de honradez -non digamos de competencia- cando cualificaron cunha tripla AAA hipotécalas lixo que desencadearon a actual catástrofe financeira global. A explicación é que o fixeron todo por diñeiro. Non son máis honradas que Arthur Andersen, a desaparecida compañía auditora que aprobou, como se lembrará, a contabilidade lixo de Enron.
A idea que eu me forxei das axencias de cualificación déboa en non pequena medida á historia que me contou Dennis Kucinich de cando era alcalde de Cleveland, Ohio. Os bancos e algúns dos principais clientes destes puxeran os ollos na privatización da empresa pública de electricidade. Os privatizadores querían comprala a crédito (cuns intereses fiscalmente deducíbeis, que privaban ao goberno de recadar os correspondentes ingresos fiscais) e aumentar drasticamente os prezos para poder pagar exorbitantes remuneracións aos seus executivos, ultraxantes honorarios de subscrición do crédito aos bancos e unhas bonitas compensacións ás axencias de cualificación. Os bancos pedíronlle ao alcalde Kucinich que lles vendese o banco municipal, prometendo axudarlle a ser gobernador se traizoaba ao seu electorado.
Kucinich dixo "Non". Así que os bancos recorreron aos seus cans de presa, as axencias de cualificación. Ameazaron estas con degradar a cualificación de Cleveland para que non puidese manter o equilibrio nos empréstitos normais que tiña cos bancos. Chegaron a dicirlle: "Sóltenos a súa compañía enerxética ou arruinarémoslle as finanzas da cidade".
Kuzinich volveu negarse. E os bancos cumpriron as súas ameazas, pero o alcalde salvara á cidade de ver esquilmados os seus ingresos con cargas de privatización predatoria. Ao seu debido tempo, os votantes levaron a Kucinich ao Congreso, e terminou sendo un canditado á presidencia.
Volvendo ao problema das axencias de cualificación crediticia, como pode chegar a crer ninguén que aceptar pagar unha débeda de monto impagábel mellorará a cualificación crediticia de Islandia? Os investidores aprenderon a depender do seu propio sentido común ao perder centenares de miles de millóns de dólares por causa das temerarias estimacións das axencias de cualificación. As axencias de cualificación conseguiron eludir a persecución penal alegando que na letra pequena dos seus contratos dise que non fan senón dar unha "opinión", non unha análise realista no que puidesen fundarse honradas responsabilidades profesionais.
A experiencia arxentina debería servir aquí de modelo, ao ilustrar como a significativa depreciación da débeda exterior pode contribuír a aumentar, non a diminuír, a credibilidade dunha economía. E no atinente a posíbeis preitos xudiciais, lémbrese que un dos axiomas básicos do Dereito Internacional Público é que ningún país soberano pode ser obrigado a cometer suicidio financeiro con medidas de austeridade financeira que o poñan ao bordo do abismo da emigración forzosa dos seus traballadores e o retroceso demográfico. As nacións son entidades soberanas.
Islandia e Portugal, outro país da Eurozona tombado polos seus bancos
De modo que, tanto xurídica como moralmente, estaría mal que os cidadáns islandeses tivesen que empregar o resto das súas vidas en pagar unhas débedas que, lonxe de ser asunto seu, deberían ser un asunto para dirimido entre a Oficina Británica da Fraude Financeira Grave e as axencias británicas de seguros bancarios. O que deciden os votos no referendo islandés do 9 de abril é que prezo está disposta a pagar Islandia para entrar na UE. Na práctica, e na medida en que a Eurozona se enfronta a unha crise xerada polos debedores PIIGS, a cuestión é: que tipo de UE vai saír do actual conflito entre acredores e debedores? Hai medo de que a Eurozona se desmembre en calquera caso. Así que o actual goberno socialdemócrata e verde islandés poida que estea a buscar entrar como membro dunha realidade ilusoria, unha realidade en proceso de desmembración, polo menos se se mantén no seu actual extremismo neoliberal. Precisamente onte (quinta-feria, xoves, 7 de abril), un editorial do Financial Times comentaba isto que segue á mantenta da prematura rendición de Portugal ás esixencias da UE:
Outro país da Eurozona tombado polos seus bancos. A comezos desta semana, os bancos portugueses ameazaban cunha retardación da compra de bonos, a menos que o goberno custodio buscase axudas financeiras noutros países da Unión Europea (...) Lisboa debería manterse firme na súa posición (...) debería resistirse ás esixencias dos bancos: buscar un crédito-ponte inmediata. (...) Ao facelo tan fácil e prontamente, o goberno arríscase a aliernarse de maneira total a uns mercados alarmados. E iso podería prexudicar o resultado de negociacións persuasorias a máis longo prazo.
O goberno custodio carece da autoridade moral e da autoridade política para determinar desta forma o futuro de Portugal. Non debería abandonar os mercados con tanta precipitación. Porque o que iso podería significar nos meses vindeiros son intereses máis altos nas emisións de débeda pública, máis altos, en calquera caso, do que podería ser o caso se o goberno non metese a man axiña que? O momento adecuado para optar a un rescate externo debería ser ao final dun debate nacional".
O mesmo debería valer para Islandia. Se observamos o ocorrido durante o pasado ano, diríase que a nación islandesa foi usada a modo de (cruel) experimento psicolóxico e político para ver canto está disposta a pagar unha poboación, sen merecerllo, polo que banqueiros ventaxistas roubaron ou se emprestaron a si mesmos.
O actual goberno socialdemócrata e verde islandés parece terse desacoplado do que é bo para os votantes e para a supervivencia mesma da economía de Islandia. Por iso desafía o axioma básico de toda ciencia social e de toda teoría económica, e é a saber: que as nacións actúan no seu mellor interese propio. Tamén é o axioma da democracia: os electores decátanse dos seus intereses e votan en consecuencia para elixir a representantes que apliquen políticas conformes a eses intereses. Para o politólogo, isto é toda unha anomalía. Como explicar que un parlamento nacional actúe en interese de acredores británicos e holandeses, antes que en interese do seu propio país, acusado de ter débedas que os votantes doutros países sacáronse de encima derrubando precisamente a gobernos dispostos a facelas súas?
Nenhum comentário:
Postar um comentário