Vai para dez anos que eu fora convidado a dar unha conferencia na UNED de Madrid encol de "Nación, estado e cidadanía". Convirtina logo nun ensaio, posteriormente publicado (1). Nil escribía: "Se observamos o Estado actual, e o modelo conforme ao que está deseñado nos nosos ámbitos cultural-políticos -e na actualidade exportado á case totalidade do planeta- e se sometemos a contraste as características do modelo (...) coa realidade socio-política, ese contraste fai pensar que estamos perante unha crise moi seria e mesmo, moitas veces, teño a impresión de que estamos a vivir os prolegómenos da emerxencia dun novo deseño (...), aínda que de momento non se ve o perfil do que vai vir (...). É dicir, estamos vivindo as postrimerías dos límites de posíbel correspondencia entre o deseño modélico de superestrutura xurídico-política vixente e a realidade da estrutura social e da base económica desa realidade, e estamos, creo, nos prolegómenos dunhas mutacións moi importantes que quizais dentro dun cuarto de século acaben de transformar por completo o que hoxe aínda se considera como modelo universal de Estado, e que xa hoxe me parece obsoleto (...). E este plantexamento lévame a esquematizar en catro dimensións os problemas cardinais da relación entre modelo e realidade, e entre a superestrutura xurídico-política hoxe vixente e a realidade socio-política actual." Veleiquí o enunciado que eu facía desas catro dimensións: "Por unha parte está a relación entre Estado e nación, e aí sitúase unha das temáticas candentes: as "cuestións nacionais". Por outra parte está a relación entre Estado e clases sociais ou estrutura social. No terceiro lugar, entre o Estado e a base económica. E finalmente entre Estado e cidadanía -e aí emerxe tamén outro dos temas cruciais destas sesións."
Poucos anos despois apliquei ese esquema, un algo modificado, á análise do que daquela entendía eu ser unha crise -irreversíbel- do modelo político-constitucional do Estado español. Coido que, dun tempo para acó, coa "axuda" do abalón da crise económica, esoutra crise que eu abesullaba, a do deseño constitucional dese Estado, acabou por se tornar evidente, e mesmo ten desembocado nun auténtico proceso de descomposición do rexime político instaurado na Constitución de 1978. Velaí por qué releo hoxe os apontamentos desa miña análise e ouso sometelos á vosa benevolente consideración.
As catro dimensións que lle eu vía -e vexo- á crise do deseño constitucional do Estado español e, pola mesma, ao rexime político así constituído, eran -e son- éstas: primeira, o modelo "Estado das autonomías"; segunda, o modelo "Estado social de dereito"; terceira: o modelo "economía social de mercado"; e cuarta: o modelo de "integración en Europa". As tres primeiras correspondíanse coa proxeción no "caso español" das respeitivas dimensións da crise xenérica do actual modelo de Estado na sua relación coa nación como realidade socio-política, coa estrutura de clases e coa base económica. A cuarta, en troques, introducía no escenario o deturpado proceso de integración europea e o aberrantemente antidemocrático edificio da Unión Europea no que desembocara -ou sexa, o actual IVº Reich... sen Wehrmacht, sustituída pola OTAN. Por outra banda, a crise da relación entre Estado e cidadanía latexaba e agurgullaba en todas e cada unha desas catro dimensións -e moi singularmente na subversión do "Estado social de dereito".
Catro dimensións: val dicir, xa que logo, catro perspectivas que amosan catro facianas da crise do modelo político-constitucional do Estado español. A primeira é a da vertebración interna do feito plurinacional. A segunda, a da vertebración dos tres poderes do modelo liberal-burgués de Estado, tanto entre si -ou sexa, no que atinxe á sua separación e xerarquía- canto coa cidadanía como titular da soberanía política -exercizo efectivo da soberanía popular e prática da democracia participativa e representativa. A terceira, a da vertebración social e vixencia do benestar - "Estado-providencia", welfare-state. E a cuarta, a da vertebración externa -nunha "integración" europea merecente de tal denominación e, correlativamente, nunha "orde mundial" económica e política. A conclusión era que, nesas catro perspectivas, a Constitución española deixara de estar real e cabalmente vixente -e mesmo, no cárcere institucional da UE, a soberanía "española" convirtírase nunha "soberanía de cartón". Ergo, o rexime político, práticamente inorde, estaba en proceso de descomposición. Estáo aínda máis evidentemente agora. Vexámolo, sequer só sexa nunhas poucas instantáneas.
O modelo "Estado das autonomías", primeiro. Nunca valeu, nen sequer en orixe, para resolver o artellamento das catro nacións realmente existentes como suxeitos xurídico-políticos de soberanía popular colectiva na única fórmula axeitada en teoría do estado, ou sexa, un proceso constituínte cara un pacto federal-confederal... ou a independencia de cada quen -como, por caso, Croacia, Eslovenia e demáis estados non-serbios (non-serviam!) na dinamitada Confederación Iugoslava, por certo consumada coa benzón apostólica dos mesmos hipócritas que eiquí nos negan esa posibilidade. Ese modelo de "auto-anemización" só valeu para confinar a tres desas nacións en gaiolas de simios no zoolóxico celtíbero, mentres a cuarta divertíase en lles dar bananas a traveso das reixas. Mais dicíannos -lembrádesvos?- que era unha fórmula dinámica para un proceso de "federalización" do Estado. Vaites, vaites: pois agora nen bananas queren darnos. Ese modelo está evidentemente esgotado. En dous casos, por saturación e colapso: Euskadi e Catalunya, dende a escenificación dos respeitivos esperpentos do vade retro ao "Plan Ibarretxe" nas Cortes e do "Estatut" no TC -que, por certo tamén, siñificaron tácitamente a abolición fáctica das normas contidas no art. 166 (combinado co 87.2) do Tit. X que "regula" a reforma constitucional. E, no terceiro, por inanición: na Colonia Interior Galega (CIG), rexida por forzas políticas de ocupación durante vintecinco dos trinta anos que leva de existencia vexetativa -ises si que son okupas, e non os do Obradoiro. Así que non nos veñan marear a perdiz con reformas estatutarias ilusorias -agás pra equiparar as "auto-anemias" provincio-rexionais ás das "nacionalidades históricas", claro.
O modelo "Estado social de dereito", logo. Está subvertido nos valores que o definen, e convirtido, por obra do poder político servo dos poderes "fácticos" , en "Estado penal". Abonda lér o art. 1.1 : "España constitúese nun Estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político". Cúmplese taxativamente, non si?. Úlos, eses "valores superiores"?. Pois claro: na impunidade dos corruptos -e dos corruptores-, no denigrante espeitáculo da maxistratura, nun TS que dicta sentencias anticonstitucionais, nos tamén anticonstitucionais "estados de excepción fragmentarios" -como o de Euskadi baixo a Lei de Partidos e outros menos rechamantes- , na conversión de certos segmentos da clase traballadora en "policias sen soldo" -ou en delatores forzosos-, na volatilización da democracia participativa, na substitución fáctica do rexime de democracia representativa polo da oligarquía, na represión ou o caso omiso ao exercizo cívico dos dereitos de folga, manifestacion e análogos, e así seguido. Douvos unha mostra. O art. 24.1 di: "Tódalas persoas teñen dereito a obter a tutela efectiva dos xuices e tribunais no exercizo dos seus dereitos e intereses lexítimos, sen que, en ningún caso, se poida producir indefensión". Que llelo digan, por exemplo, aos familiares das vítimas do xenocidio franquista, aos carentes de medios económicos pra se defenderen eficientemente nos tribunais mentres os magnates corruptos saen libres baixo fianzas millonarias nun sistema de xustiza disque gratuita -e continuade vós mesm@s coa conta.
O modelo "economía social de mercado" -o famoso "Garantir (...) unha orde económica e social xusta", do preámbulo constitucional. Pois ese modelo está suplantado polo darwinismo social legalizado ao servizo da "omnipotens lex" dos "mercados", é dicir, da plutocracia financeiro-especuladora global e local. Limitareime a enumerarvos unha escolma de artigos da constitución que considero fácticamente abolidos ou en trance de abolición. Velaeiquí: a.31 (sistema tributario xusto e baseado na progresividade); a.37 (negociación laboral colectiva e conflito colectivo); a.38 (liberdade de empresa de acordo coas esixencias da planificación); a.39 (protección social, económica e xurídica da familia); a.40 (progreso social e distribución da renda rexional e persoal máis equitativa, e tamén política de pleno emprego); a.41 (rexime público de seguridade social que garanta asistencia e prestacións sociais suficientes perante situacións de necesidade); a.43 (sanidade pública, coas medidas preventivas e as prestacións e servizos necesarios); a.128 (riqueza privada subordinada ao interés xeral, e iniciativa pública na actividade económica); a.131 (planificación da actividade económica xeral, coa participación das Comunidades Autónomas). E, pra rematar a escolma, esta brincadeira obscena no a.130: atención particular ao desenvolvemento "da agricultura, da gandería, da pesca e da artesanía, co fin de equiparar o nivel de vida de todolos españois" -velaí, seica, o fundamento constitucional da política de exterminio da Galiza labrega e mariñeira.
Do modelo "europeu", qué vou dicirvos que non saibades. Só remitirvos aos infortunadamente proféticos documentos elaborados e difundidos polo BNG cando do parto da UE no Tratado de Maastricht, vai xa pra dous decenios. E recomendarvos a leitura do recente "discurso" do xefe do Banco Europeu, un tal Trichet - eu adoito chamalo Tricheur, que en francés siñifica trampulleiro- no que, entre outras lindezas, propugna que a UE poida vetar as políticas de calquer estado membro que sexan "absurdas" -enténdase, defensoras dos dereitos sociais dos cidadáns no canto do dereito de pernada dos plutócratas. Así que, perante este panorama, cidadáns do común: todos á rua!.
-----
(1) Vede "Nación, Estado e Cidadanía", en XMB, Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Espiral Maior, 2008.
Nenhum comentário:
Postar um comentário