27/10/2011

27-O en defensa da sanidade pública

Artigo tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí).

O Encontro Irmandiño apoia as manifestacións e a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa e promoción da sanidade pública galega. 26/10/2011

O Encontro Irmandiño apoia a Iniciativa Lexislativa Popular e as manifestacións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública para o día 27 de outubro en todas as áreas sanitarias. En defensa do carácter público da sanidade, pola xestión pública e directa dos servizos sanitarios, polo fortalecemento da Atención Primaria e polo mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias.

A Iniciativa subscrita por representantes de todas as organizacións que integran SOS propón catro puntos:
1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde de todos os galegos.

2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galicia.

3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesíbel, equitativo e eficiente.

4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.

Unha vez presentada no Parlamento, SOS e as organizacións que a apoian recollerán firmas por toda Galiza aproveitando esta actividade para explicar e debater coa cidadanía as políticas de recorte e privatización que esta levan a cabo a Consellería de Sanidade e a Xunta de Galiza

Tamén se convocaron mobilizacións para o día 27 de outubro, en todas as áreas sanitarias en defensa da sanidade pública e contra os recortes de recursos sanitarios da Xunta.

Nenhum comentário: