26/10/2011

A urxente e necesaria prioridade: a república do ben común

Antonio Fuertes Esteban de ATTAC Acordem. Traducido para o galego por nós. Tirado de BANKomún 15 (aquí).

O sistema democrático está moi por baixo de mínimos, non cumpre a súa función principal: prover a democracia. Cada vez somos máis cidadáns e cidadás os que exclamamos que o sistema que nos contén non é unha democracia xa que quen conta non é o pobo, senón unha minoría de "aristócratas", esta vez non da nobreza, senón do diñeiro. Os actuais títulos aristocráticos non teñen que ver con cohortes, ducados ou condados, senón con presidencias, consellos de grandes institucións financeiras e lugares de privilexio nas institucións políticas e económicas globais.

A morna e vixiada democracia no Estado español, supeditada á aceptación da Monarquía parlamentaria si, ou si, e controlada pola súa oligarquía financeira, quitouse a máscara coincidindo co baile de máscaras dos escenarios políticos globais, onde sempre prevalece a falsidade aristocrática do Poder espido, o do diñeiro.

Pasar do Estado de natureza ao Estado social foi necesario para vehicular os valores humanos e para iso ninguén até o momento inventou nada que supere ao contrato social. Este contrato social non podía ser doutra forma que entre iguais, iguais en sustancia, iguais en dereitos, iguais ante as oportunidades, iguais ante a lei. Só deste feito igualitario podía emerxer na comunidade un sentido de pertenza necesario para que a política alcanzase os seus mellores logros. Ser súbdito asóciase hoxe a épocas pasadas nas que a liberdade só alcanzábase por berce e non por cidadanía e onde o cetro que investía ao monarca tiña atributos divinos.

Para que este contrato social tomase carta de natureza houbo que elevalo á categoría de lei e proclamar a igualdade de todos os integrantes da comunidade política ante ela. Que se non podería merecer o noso respecto e a nosa colaboración? Esta é a base das repúblicas modernas, das constitucións Francesa e Americana a finais do S. XVIII.

Os valores republicanos impregnaron, na súa orixe, as primeiras constitucións democráticas modernas, as das democracias chamadas representativas. A tradición republicana, que na súa acepción de esquerda ten o seu mellor valedor en O contrato social de J. J Rousseau, ten como valor fundamental a estabilidade da "polis", estabilidade que só pode xerarse da libre aceptación do contrato político e social por parte da grande parte da cidadanía. Esta aceptación só pode darse mediante unhas condicións do pacto sistémico e legal onde o principio supremo que guíe a acción política sexa o ben común, e onde o principio de autoridade estea fundamentado e complementado coa libre aceptación do contrato e na participación de todos na acción democrática e nos beneficios dela derivados.

Os valores proclamados da República foron, liberdade, igualdade e fraternidade; valores necesarios para a cohesión e estabilidade da comunidade política. Estes valores republicanos ían reforzar a democracia representativa e o seu sistema político, xerando sentido de pertenza a unha comunidade en dereitos e en deberes. Con todo a deriva democrática hai séculos deixou de representar estes valores e iso debido a que os valores individualistas foron desprazando aos colectivos. Estes valores individualistas que é innegábel, que do mesmo xeito que os colectivos poden xerarse, albergarse e eclosionar no ser humano (de ambas as tendencias a historia ofrécenos episodios) foron espertados polo liberalismo decimonónico, mediante o seu marco sociopolítico de competencia entre individuos, e intereses de faccións e bandeiras. O escenario político, na visión liberal, non apelaba á comunidade senón á individualidade e ás faccións; non promovía a colaboración, senón á competencia. Nestas circunstancias Como promover unha comunidade política estábel e cohesionada?

Na comunidade sistémica democrática os valores republicanos fóronse debilitando e substituíndo por outro tres valores que predominan nas sociedades actuais, Individualismo posesivo, competitividade e consumo irresponsábel. Atrás quedou o sentido do ben común, cada un busca no mercado competitivo o seu propio ben, moitas veces en contra do ben alleo ou colectivo e da sustentabilidade do planeta.

A loita emancipadora dos sectores e as clases desfavorecidas e oprimidas no sistema liberal-capitalista, conseguiron avances importantes durante o S. XIX e XX, avances que, non debemos esquecer sufriron a maior regresión da historia de forma plebiscitaria en 1933 con Adolf Hitler. Isto debe de facernos pensar que a democracia, entendida como goberno do pobo elixido en sufraxio, se non vai acompañada de valores republicanos, pode justificar as formas políticas máis monstruosas. A democracia, como moitos autores da democracia sinalaron non se justifica unicamente nos seus procedementos, senón que tamén ten que ser democracia substancial baseada en logros sociais e valores humanos.

A reconsideración do contrato social deu os seus mellores froitos despois da Segunda Gran Guerra, coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e co denominado Estado social e democrático de dereito. É a volta do liberalismo como doutrina económica e a súa prevalencia mundial desde hai máis de 3 décadas o que constituíu de novo a regresión económica, social e de lexitimidade política actual.

O capitalismo denominado "De rostro humano" ou social-democracia, responde o pacto social de post-guerra e veu significar no mundo desenvolvido 3 décadas continuadas de estabilidade política e social. A volta ao fundamentalismo do mercado ou capitalista dáse e xustifícase da man das teorías do re-nacido liberalismo, o ultraliberalismo. Este conseguiu derrubar os valores democráticos republicanos e por tanto acabar coa estabilidade e cohesión política e social, ao mesmo tempo que secuestrou á democracia.

As formas políticas actuais, coa globalización financeira, son fundamentalmente non democráticas. Isto é patente polo feito de que as institucións financeiras internacionais (BM, FMI, OMC) e organismos de gobernanza global como o G-20, ou rexional como o Consello Europeo, non sendo elixidos pola cidadanía, constitúen hoxe os auténticos centros decisorios na globalización. O problema engadido é que todos estes organismos de gobernanza adoptan as doutrinas neoliberais como as únicas posíbeis, e iso en prexuízo dos sistemas democráticos dos Estados-nación e dos pobos.

A gran brecha social que se dá nos Estados entre as clases altas e as baixas, non pode xerar cohesión social nin sentido de pertenza e cidadanía e isto corroe continuamente os alicerces democráticos. Pero tampouco a brecha global entre países ricos e países pobres pode facelo, nesta globalización marcadamente desigual e inxusta.

Con todo no noso Estado seguimos mantendo vestixios pre-modernos e arcaicos como unha monarquía, que a pesar de ser constitucional e expresar que quere ser de todos os españois, alíñase coa grande Banca, permítese o luxo de pertencer ao Club de poder global de Bildelberg ou monta a recepción e a foto oficial de todos os poderes corporativos deste país cos reis no Palacio Real.

Nó, xa non debemos manter formas pre-democráticas como a monarquía. Unha monarquía que na súa esencia significa status e que ten prerrogativas que non se poden equiparar ás do resto dos seus "mortais" súbditos. A lei xa non pode manter o privilexio de herdanza, nin albergar poderes non elixidos. A democracia supeditarase ao contrato social efectivo, á estabilidade dos polis, aos valores e a cultura republicana e ao ben común.

A democracia será republicana ou non será e iso a escala local e global, e a cidadanía ten que presionar para que se constitúan poderes democráticos, republicanos e sociais a distintos niveis. Ese é o reto do noso século, esa nosa loita.

Un referendum e un novo período constituínte son necesarios !
VIVA A DEMOCRACIA REPUBLICANA!

Nenhum comentário: