23/11/2011

¡Fue pa habernos matao!

Tirado de A furada do Trasno (aquí).

Así verbalizaba, nese invento diabólico que se chama twitter, un militante do BNG con responsabilidades orgánicas, o seu emocional suspiro de alivio ao coñecer os resultados na noite electoral.

En esencia, o mesmo argumento que se desprende da valoración dos resultados que hoxe fai Guillerme Vázquez. Mantemos os dous deputados en Madrid, salvamos os mobles. Análise conservadora e acomodaticia de quen non aspira a outra cousa que a manter a maquinaria -chiringuito- en funcionamento.

Para qué intentar explicar cómo cun PSOE en descomposición non se é quen de recoller ningún deses desencantados. Para qué entrar a analizar as causas da perda xeneralizada de votos. Para qué explicar cómo as series históricas van demostrando que se avanza decididamente cara a marxinalidade electoral -en practicamente tódalas cidades se está xa por debaixo do 10%-, como xa auguramos hai tempo neste blog. O importante é que a pesar do Tsunami azul se mantén a representación en Madrid. Misión cumprida. E non insista en preguntarme polos erros cometidos porque non houbo erros... (Guillerme, dixit).

 Pobre balance crítico para unha formación política que historicamente se reclamaba transformadora, e antes revolucionaria. E que precisamente conserva ese nivel de votos grazas á fidelidade inquebrantábel de moitos dos que se identificaban, hai anos, con ese ideal transformador e radical, e que hoxe manteñen o seu voto por puro sentimentalismo ou, o que é peor, por apego a unha determinada simboloxía.

Claro que vendo a proposta coa que o BNG enfrontou estas eleccións, o resultado é para estar máis que satisfeitos, porque realmente era "pa habernos matao".

Sen propostas, sen discurso, máis aló de vender o importante que é "ter deputados en Madrid". Sen liderado, con tódolos respectos para Guillerme Vázquez non ten ningunha das cualidades que se lle supoñen a un líder político. Sen practicamente ningunha cara nova na lista de candidatos. Ofrécese unha imaxe plana de proxecto esgotado.

 É evidente que resulta imprescindíbel e urxente un amplo debate ideolóxico. Neste blog temos escrito algo sobre as incongruencias do discurso no actual contexto (remitimos ao lector, se lle quedan azos, a algunhas das entradas de hai tempo clasificadas no tema nacionalismo).

E tampouco vale, por extemporánea, e con todo o afecto para Xosé Manuel Beiras, a reacción a touro pasado dos críticos de dentro, sexan irmandiños ou máis Galiza...

Non nos "hemos matao" de milagre, pero leva camiño de morrer de morte natural...

Nenhum comentário: