21/11/2011

"O BNG está moi enfermo"

Redacción.

O antigo portavoz nacional do BNG e líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, congratulouse hoxe en Compostela de que o BNG manteña os seus dous deputados no Congreso tal e como onte se sinalaba no site do EI. No entanto, e como xa se adiantaba na web do EI (onde se anunciaba esta rolda de imprensa de Beiras) unha lectura pormenorizada dos resultados evidencia que a frente está "moi enferma".

Beiras lembrou que o BNG perdeu 30.000 votos nun contexto en que medran todas as forzas de esquerda polo esborralle do PSOE. É evidente xa que logo que existe unha urxente necesidade de refundar o BNG e se non se recuperar o pluralismo o EI xa non terá sitio no BNG. Beiras tampouco poupou críticas con Guillerme Vázquez que calificou os resultados de onte de "magníficos". Segundo o portavoz do Encontro: "ou está pitoño ou di o que lle mandan, co cal non está ao servizo da Galiza senón dun aparato". Amais, sentenciou que "eu mesmo votei con esa chave mental", facendo referencia aos milleiros de cidadáns galegos e cidadás galegas que votaron ao BNG aínda cando coñecen a situación de podredume que vive a frente.

Segundo Xosé Manuel Beiras os membros do Encontro deixarán a frente se esta non se refunda e se non se consolida unha "rexeneración democrática" interna no proceso asemblear que vai até xaneiro e que culminará no plenario do último fin de semana de xaneiro. Esta afirmación vai en consonancia cos acordos asembleares da III asemblea nacional do Encontro Irmandiño, cando este se constituíu en partido. Aliás, Beiras afirmou que non ten medo das "dificultades" de emprender un camiño en solitario fóra do BNG: "Se non se logra, nós non temos sitio no BNG". A decisión do EI, en todo caso, tomarase após a AN do BNG en xaneiro.

Nenhum comentário: