25/11/2011

Posición e marco de referencia

Raul Asegurado Pérez. O autor é integrante de Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño. O artigo foi publicado no "Punto do Encontro" do site do Encontro Irmandiño.

Imaxe da III AN do Encontro Irmandiño. Na mesa, de esquerda a dereita, Pepe Constenla, Paula Vázquez Verao, Concha Trigo, Ramón Mouriño, Lois Eiré Diéguez "Palleiro" e Raul Asegurado Pérez. Todos eles son membros da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño.


Estamos nun momento, como país, de máxima importancia para a nosa propria supervivencia; o nacionalismo galego poucas veces tivo un momento nos últimos trinta anos de tanta convulsión interna que podemos diagnosticar en catro síntomas evidentes:

1.       1.- Estamos imbuídos nunha espiral centrífuga producida por un aparato orgánico dirixente que non permite abrirse cara a sociedade galega, repartíndose cargos políticos segundo as circunstancias institucionais, fortalecendo e apoiando referentes orgánicos e non sociais nos diferentes períodos eleitorais. Naufragando na pretensión de acumular forzas internas alén da propria organización, controlando movementos sociais e sindicais que levou a grandes enfrontamentos na última década e provocando mesmo escisións de todo tipo polo país. Deixando totalmente esquecido que o verdadeiro motor dunha organización política de esquerdas, e máis se esta é concebida como unha fronte de unidade nacional, debe ser a cidadanía máis dinámica que pretende impor unha nova hexemonía en toda a sociedade. A defensa da natureza dos seus recursos e dos seus límites, dos dereitos civís e sociais, dos dereitos da muller, da organización da participación cívica, das propostas económicas desde un paradigma socialista, do posicionamento ante situacións internacionais provocadas pola lóxica da dominación, da defensa de valores republicáns…, en definitiva, a construción do socialismo ecofeminista estase a dar hoxe en moita maior medida nos límites externos do BNG, límites externos que deben proseguir, no respeito da autonomía entre os movementos sociais e as organizacións políticas, mais que coido, non delimitados por uns grosos muros de separación, de indiferenza e incluso desprezo polo aparato orgánico dirixente. Senón que deben ter unha relación contínua e de mutua impregnación, pois até hai unha década, estas organizacións autónomas estaban constituídas fundamentalmente pola masa social, pola militancia, do bng e xente moi próxima, a día de hoxe xa non é así, e se ben moitos e moitas militantes do bng seguen a traballar nestas organizacións é imposíbel atopar un mínimo de cercanía, de puntos de encontro para escoitar e debater na organización política. Facendo que este traballo sexa máis duro se cabe e distanciando á base da militancia coa súa propia organización política.

2.       2.- A esquerda nacional galega cada vez máis autónoma e con grados de politización maior que se distancia a cada momento máis e máis da fronte nacionalista concebida para ser o seu referente político, e evidenciando síntomas de orfandade política cada vez máis innegábeis. Os centros sociais do país, as organizacións culturais, as cooperativas de consumo, as experiencias de finanzas éticas, as radios comarcais autónomas, as organizacións pacifistas e humanitarias, os foros sociais, as acións en defensa dos dereitos doutros povos,e un longo etcétera, están sendo artellados desde a esquerda social e nacional galega, sen ningún medo e con valentía ante quen unha e outra vez os tenta deslexitimar con todo tipo de adxetivos. A esquerda social nacional galega é o mellor que ten o nacionalismo galego no seu conxunto porque é o elemento referencial do noso país e da nosa posibilidade de existencia como tal; a esquerda social nacional galega é o suxeito deste país, o suxeito hexemónico que pode facer que deixemos de sermos unha clase subalterna; o bng en canto a súa ación eleitoral debe ser única e exclusivamente un elemento instrumental para acadar esta hexemonía. Unha e outra vez fica demostrado na última década en cada proceso eleitoral; se a construción hexemónica do nacionalismo galego para o proceso de emancipación social, política e económica deste país se basea no aparato político estamos só condenados a loitar unha e outra vez para subsistir; se pola contrario, os procesos eleitorais e a ación institucional valesen para impulsar o traballo e afortalecer os esforzos dxs que día a día loitan mollándose os pés e ensuciándose as mans en todas as esferas da sociedade, entón o bng sería novamente un elemento útil para o país e para conquistar a capacidade total do pontencial ao que estamos chamados, que non é outro que conquistar unha pequena aresta europea que chamamos Galiza que proxecte ao mundo unha forma de ser própia socialista e ecofeminista, que erga uns valores republicanos finiquitados nas institucións internacionais.

3.       3.- Instaurados nun réxime de dominación capitalista, onde a política é só unha ferramenta dos intereses privados das novas oligarquías, o traballo institucional cobra un dobre valor discursivo. Non seren disonantes, xenuínos, atípicos nas institucións estanos facendo ser cada vez máis uns peleles, eis este o motivo do desarraigo xeracional que estamos vivir na sociedade respeito da política. Ou facemos que a política sexa algo referencial evidenciando que vale para opoñerse a esta lóxica, ou desaparecemos, como paulatinamente estamos a desaparecer en cada proceso elitoral e na valoración deslexitimadora de todos os informes sociolóxicos por parte da cidadanía.

4.       4.- A toma de posturas na nosa organización en vez de ser exemplificante da diversidade e mesmo da construción dun ideal común nas contradicións innatas a toda vida intelixente, están a converterse nun absurdo, tal vez dado pola diverxencia das posicións tomadas e polo diferente marco de referencia tomado. A posición de partida e a direción que se toma están intimamente vencelladas ao marco referencial ao que se pretende respostar e é tempo de delucidar se esta direción é inequivocamente diverxente ou aínda hai espazo para un proceso de converxencia. Para isto debe valer o proceso asemblear que temos. Non para facer concesións que arrastren desconfianzas e forzar unha toma de postura forzada e incómoda para as partes. Tal vez, o mellor que poidamos facer para a cohesión do proceso emancipador sexa pasar por varias etapas de distanciamento, sabendo que uns e outros non somos inimigos senón diferentes e que esa diferenza a día de hoxe non pode coexistir nunha mesma organización mais si en apoios puntuais nas institucións, en festas comúns e en debates de profundización diagnóstica e propositiva. Para que vale estar enleados en debates internos infrutíferos namentres a cidadanía se distancia máis e máis da virtude política?

Estes catro síntomas diagnostican un momento histórico clave, en termos de feblezas e potencialidades do desafío político; a imposición de crenzas, percepcións, explicacións e valores do exercer hexemónico capitalista lévamos a construír un discurso combativo moitas veces con pouca claridade e con evidentes contradicións, mais na Galiza, o proxecto común valeu para que emerxeran varias leturas e interpretacións das interpelacións que emanan do paradigma capitalista a todos os niveis, institucional, social, económico, cultural, etc…, mais se a diagnose de que o bng está cada vez máis pechado en si mesmo, as leituras esclarecedoras poden ser dúas: por unha banda as que afianzan esta estretexia, como fixeran as congregacións contemplativas no baixo medievo, como única forma de vivir no que se acredita; e por tanto emerxe a outra que conleva que por vocación, outra sensibilidade precisa para esa vivencia no que se acredita estar impregnadas de todo o que se move na sociedade, coas súas imperfecións e impurezas, asumindo uns riscos que a primeira non quere correr, entón o proxecto común converteuse na casa paternal e muitos e muitas fillas precisan emanciparse, para tal vez, máis adiante, cando a relación pase de ser paterno-filial a ser unicamente fraternal atoparse, de novo, en procesos e en circunstancias diferentes.
Son dúas respostas que ao longo da historia e en diversos eidos se deron, non sempre excluíntes pero moitas veces distantes. A resposta a todo o que se nos esixe pode non ser só unha destas dúas e si unha multiplicidade de cores cromáticas, mais hoxe faise imposíbel as dúas se todo segue igual no BNG. Ou este proceso asemblear racha de cheio todas as dinámicas centrífugas nas que levamos imbuidos unha década, ou a forza centrípeta dos que acreditamos que o marco de referencia é outro e que o centro de expansión discursiva é a base social da esquerda nacional galega e non o aparato, deberemos con humildade e valentía dar resposta ao que fondamente acreditamos e levaranos a noutro espazo de posición inicial.

Nenhum comentário: