17/12/2011

Beiras: "Eu loito con esperanza e por iso non desertarei"

Nova tirada de Galicia Confidencial (aquí).

Un Beiras emocionado, case ata as bágoas, conmoveu a case un milleiro de persoas nunha emotiva homenaxe. O histórico líder nacionalista volveu apelar o sentido de "irmandade" do nacionalismo galego para saír da crise na que se atopa e para facerlle fronte ao "poder fascista" do PP.

 Unha lembranza escrita nun caderno infantil, "nos que escribía con quince anos, cousas de vellos", fixo erguerse ao milleiro de persoas que este sábado encheron o Auditorio de Galicia convocados para homenaxear, precisamente, a un dos referentes do nacionalismo galego. "Eu loito con esperanza e por iso nunca desertarei", dixo nun berro que acalaron as ovacións

Nun discurso emocionado no que se lle entrecortaba a voz pola emoción, subliñou que, a pesar de todo, o nacionalismo "non está aínda derrotado". "É a hora da cidadanía e temos que recuperar esa soberanía popular e romper cun sistema aberrante. É a hora dos principios e prácticas republicanas e da lealdade ao cidadán común. Este é o momento no que estamos e só quero ser o espello de todos vós e ser esa conciencia activa desta nación de Breogán", destacou.

"Soberanía"

Por iso, animou ás novas xeracións a tomar o relevo das vellas xeracións para construír ese proxecto "soberanista e social". "Eu estarei nesa loita con vós, nun proxecto común de toda a sociedade galega, agás os poderes oligárquicos... E nesa loita estarei sempre, mentres teña ánimo", suliñou.

Aos seus 75 anos, Xosé Manuel demostrou ter a vitalidade coa que se iniciou en política nos anos sesenta, aínda que recoñeceu que leva unhas semanas "mal". "Levo unhas semanas nas que tiven que pelexar cunha pantasma que se chama depresión e que somaticei cunha serie de síntomas de cansanzo, fatiga e bronquite. E hoxe, grazas a este acto, pois a rexeneración que levo reclamando para todas as organizacións do nacionalismo produciuse hoxe", dixo emocionado.

Comezou pedindo auga porque a súa voz era débil e quebrada. "Estou abrumado e conmovido. Estou coma un flan. Coma se tivera que facer a primeira comuñón e nervioso como cando me tiven que avaliar no instituto", apuntou. "Por iso non farei un mitin, un discurso, unha soflama... Serei sincero e falarei co corazón aberto sen perder o meu compoñente racional por culpa dos meus sentimentos, porque sabedes que son moi emotivo".

Recuperar a "irmandade"

Pero, a pesar da súa aparente racionalidade e a pesar de non querer dar un mitin, triunfou o Beiras sentimental e o Beiras político. E ante unha situación difícil do nacionalismo --el mesmo dixo que marcharía do BNG se a finais de xaneiro non se refunda-- reclamou a recuperación do espírito da "fraternidade e irmandade" que mantiveron sempre as Irmandades dá Fala e o galeguismo histórico para facer fronte ao "poder fascista".

Así, lembrou que esa xeración se movía por "valores" e non por "intereses" e que a súa ética era a "auténtica revolución das irmandades e das burguesías" fronte á "nobreza bárbara". Neste sentido, lembrou as cartas cruzadas do seu pai, o galeguista Manuel Beiras, con outros insignes personaxes galeguistas como Otero Pedrayo, Abraia, Paco da Rega ou Ricardo Carballo Calero. "Eles, a pesar das súas diferenzas, eran irmáns", puntualizou.

"Seremos falsos e mentireiros e traizoaremos a loita da Bóveda, Rosalía, Castelao, Faraldo, se non utilizamos esa irmandade", insitiu aludindo, novamente, á situación interna do nacionalismo galego sobre a que pesan ameazas de fractura.

"Hai sitio para todos"

E, aludindo á situación interna do BNG, citou a frase de Castelao de "hai sitio para todos" para tentar unir ao nacionalismo e loitar para terminar coa "brigada de demolición do PP". Confesou que, durante toda a súa homenaxe, acordouse de Valentín Arias, compañeiro dos primeiros anos do PSG nos anos 60 xa falecido, e tamén de todos os "amigos" daqueles anos de loitas políticas... dos "pexegos, upegallos ou peixes", como se denominaban aos militantes do PSG, UPG e PCG. "Só podo aceptar esta homenaxe como unha homenaxe a toda unha xeración" que relanzou o galeguismo e, posteriormente, o nacionalismo.

O acto 'A beira de Beiras' contou coa presenza de numerosos amigos do líder nacionalista --políticos, escritores, poetas, académicos e mesmo empresarios-; actuacións musicais a cargo de Javier Vázquez Grela, Nando Casal e Roi Casal, entre outros, e de recitación de poesías a cargo dos literatos Xosé María Álvarez Cáccamo e Miguel Anxo Fernán Lanuxe, amigos do homenaxeado. Manuel Caamaño, profesor de arquitectura e ex dirixente político, foi o encargado de pronunciar a 'laudatio' a Beiras e Victor Freixanes, editor de Galaxia, presentou o libro de homenaxe a Beiras que, dixo, "nace no territorio dos afectos e do agarimo".

O libro consta de tres partes. A primeira aborda a súa obra principal, "o atraso económico de Galicia", a segunda parte céntrase no aspecto da personalidade de Beiras, e a terceira, a máis extensa, reúne varios ensaios sobre distintos temas de actualidade de Galicia.

Nenhum comentário: