20/12/2011

Crise económica e aumento dos suicidios: unha relación demostrada

Sergi Raventós. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós. Sergi Raventós é Diplomado en Traballo Social e Licenciado en Socioloxía, traballa nunha fundación sociosanitaria e é membro da Xunta da Rede Renda Básica (www.redrentabasica.org).



As consecuencias que está a ter a crise e concretamente o desemprego na saúde foron tratadas en máis dunha ocasión en diversos artigos na prensa e en revistas máis especializadas. Máis especificamente tratouse dos efectos negativos do desemprego na saúde mental, do que cada vez hai máis abundancia de indicadores: aumento de visitas médicas relacionadas con problemas de ansiedade, elevados casos de depresión, aumento do alcoholismo e outras drogodependencias,  incremento de casos de violencia, aumento de consumo de medicamentos antidepresivos e ansiolíticos, etc. Existe unha relación moi directa entre as crises económicas, o desemprego e o empeoramento da saúde mental. Un dato: a media de persoas con problemas psicolóxicos entre os desempregados é dun 34%; en cambio entre as persoas con emprego é do 16%. Outra constatación é que canto maior é a duración do período de desemprego son maiores as consecuencias negativas sobre a saúde mental.

Segundo unha enquisa recente, a calidade de vida dos cidadáns do Reino de España empeorou debido á baixada dos seus ingresos económicos e a que a súa saúde deteriorouse.  Tamén existe unha relación entre a protección social e a saúde mental. A protección social é un bo protector da saúde mental; é o caso de ter unha prestación de paro que exerce de factor determinante entre ter mellor ou peor saúde mental no caso de estar desempregado [1].  Nos países con maior protección social como é o caso de Suecia,  os índices de suicidio non están correlacionados co desemprego a diferenza do Reino de España, onde os índices de suicidio e desemprego van ao unísono [2]. Pero entre os datos sobre a deterioración da saúde mental en tempos de crises hai un que é moi destacado e que algúns artigos de prensa nos últimos días [3] puxeron de manifesto: o aumento alarmante dos casos de suicidio. O suicidio é unha das formas de morte máis estendida no mundo superando aos mortos por accidente de tráfico, terrorismo e violencia machista, mais aínda que un millón de persoas suicídese cada ano segundo a OMS (maioritariamente homes) é un tipo de morte que padeceu desde sempre un grande tabú Unha das razóns deste tabú é o efecto contaxio analizado hai moitos anos en De a Contagion do suicide de Paul Moreau de Tours (1875) e A contagion du meurtre de Paul Aubry (1896). Contaxio que provocarían determinadas figuras públicas influentes ou celebridades como cantantes de rock ou mesmo líderes sectarios que arrastran a multitudes e que poden provocar algún efecto entre os seus seguidores. Porén como analizaron algúns autores parece moi fráxil esta argumentación pois  é "absurdo outorgarlle a este unhas capacidades contaxiosas máis perigosas que as desoutro tipo de violencia exercida sobre segundas e terceiras persoas, aquela que, paradoxalmente, abarrota os medios de comunicación"[4]. Este tabú foi manifesto en todas as épocas e culturas e censurado por case todas as relixións como agora pon de manifesto a igrexa (neste caso ortodoxa) grega cando nega servizo relixioso ás familias de suicidas e iso contribuiría a esconder a verdadeira realidade que sería aínda moito máis perentoria.

Aínda que os motivos para o suicidio foron analizados e poden ser moi variados [5], pois poden ter moitas explicacións xa sexa produto de desenganos amorosos, a morte dun ser querido, o medo a ser torturado, a imitación doutro suicida, o abuso de drogas, a soidade, o abandono familiar, trastornos psiquiátricos severos, motivos sectarios, presión grupal, etc. cando hai unha correlación estatística significativa entre as recesións económicas, o paro e os suicidios, hai que ser moi obtuso para non querer ver a relación que existe entre quitarse a vida e a desesperación de estar desempregado e a incerteza e pánico ao futuro.  Esta sería a explicación máis evidente do grande aumento nos países máis azoutados pola crise e polos plans de austeridade e recortes nos servizos públicos de moitos gobernos.  Seica é tan difícil imaxinarse a desesperación que pode sentir alguén con grandes débedas hipotecarias, cargas familiares e estar desempregado de longa duración nestes momentos? Fai falta que nos conten ultimamente algúns xornais que algunha xente se suicida por acumular débedas? Non é sabido tamén que nove de cada dez suicidios presentan algún tipo de padecimiento psíquico? E como se chega a este padecimiento psíquico?

Unhas taxas de suicidio que curiosamente viñan diminuíndo de forma progresiva nos últimos anos e que a partir do 2008 volveron a repuntar. Ano 2008?  Ano  de crise? Evidentemente. É sabido desde hai moitos anos a relación que existe entre crise e suicidios, tamén por outras máis recentes como a asiática de finais do noventa, nas que as taxas de suicidio dos homes en 1998 aumentaron un 39% en Xapón, un 44% en Hong-Kong e un 45% na República de Corea. Pero tamén se dispón de datos máis actuais e próximos: na Unión Europea (UE) cada nove minutos se suicida unha persoa, isto representou unhas  58.000 persoas durante o ano 2008, o cal supuxo un incremento dun 16% respecto ao ano 2007 que se iniciou esta crise. Moi indicativo.

Os países con índices de suicidio máis altos da UE actualmente son: Lituania con 39 casos por cada 100.000 habitantes, Hungría, Letonia, Estonia e Eslovenia cuns índices do 23/24 casos e entre os máis ricos atopamos: Finlandia, Francia e Bélxica cuns 20 casos.

Pero coa crise estes índices aumentaron especialmente nos Países Bálticos e en Grecia nunhas proporcións moi considerábeis. Concretamente no 2009 houbo en Lituania un aumento do 14% respecto ao 2008. En Estonia foi do 15,6% e en Letonia do 19%.

Tampouco é nada casual que o tres países -que máis lonxe van polo camiño da austeridade- Letonia, Irlanda e Grecia- son precisamente os que rexistraron as subidas maiores de suicidios entre o 2008 e o 2009 -lémbranos o artigo de prensa máis arriba citado. O caso de Grecia merece unha atención especial pois non é para menos: a taxa de suicidios en Grecia desde o inicio da crise pasou dun 2,8 a 6 por 100.000 habitantes.

Pero que ninguén se engane e créase que é un problema só dos países pobres de Europa ou dos PIGS e dos que saíron mal parados coa crise do euro... pois no Reino Unido e despois dunha década de diminución das taxas de suicidio, entre o 2007 e 2009 xa se incrementou un 8%  o índice de suicidios. No ano 2008 suicidáronse até 5.706 persoas, o que supón unhas 16 ao día [6].

É sabido desde hai uns anos [7] que os problemas de saúde mental constitúen un problema de saúde pública cada vez máis estendido e que a depresión será a segunda ou a primeira causa de enfermidade na UE nos próximos anos.  Isto convén lembrar que foi analizado antes da crise de finais do 2007. A estas alturas da crise e en determinados países cunhas políticas de recortes brutais dos servizos básicos de benestar e sen ter estruturas robustas de protección social talvez os problemas de saúde mental van adquirir unhas dimensións dantescas se é que xa non se están producindo. Talvez hai que mencionar que a depresión está detrás das dúas terceiras partes dos que se quitan a vida.

Os estudos máis rigorosos e os documentos da OMS demostran que os países cunha boa seguridade social e con sistemas de protección social adecuados pódense chegar a frear e diminuír as taxas de suicidios. Outra cousa e non pouco importante é que se lles queira facer caso.

NOTAS:

(1)    É ilustrativo o estudo de: Artazcoz L, Benach J, Borrell C, Cortès I. "Unemployment and mental health: understanding the interactions among gender, family roles, and social class". Am J Public Health 2004; 94: 82-88.

(2)    Ver os gráficos no interesante documento para a OMS: http://groups.stakes.fi/nr/rdonlyres/d4a834e6-E7EC-4C2B-912D-6869454FF3E4/0/Background_2_EconomicCrises_and_Mental_Health.pdf

(3)    Unha mostra é o artigo de Andy Robinson publicado en La Vanguardia do pasado 8 de decembro http://www.lavanguardia.com/internacional/20111207/54239901999/gran-depresion-grega.html


(4)    Sobre os motivos do suicidio ler o interesante ensaio de Juan Antonio Horrach en http://www.kiliedro.com/index.php?option=com_content&task=view&ide=296

(5)    Un estudo clásico da Sociología é o de Durkheim, E. (1897). El suicidio. Arxentina: Losada, S.A.

(6)    Ver Ben Riley-Smith http://www.guardian.co.uk/society/2011/dec/15/suicide-rates-economy-cuts-mental-health#history-link-box The Guardian, 15 December 2011. Agradezo a Angel Ferrero o envío deste artigo.

(7)    O libro verde da saúde mental na UE foi publicado no ano 2005. http://eur-lex.europa.eu/lexuriserv/site/es/com/2005/com2005_0484es01.pdf

Nenhum comentário: