20/12/2011

Días contados

Tirado de aquí.

A revista de análise e actualidade Tempos Novos convidoume máis unha vez, como nestes últimos dez anos, a facer unha avaliación dos resultados electorais do 20N. Este é un extracto da miña colaboración, publicada no número de decembro.

«Nada está perdido si se tiene el valor de proclamar que todo está perdido y hay que empezar de nuevo» J. Cortázar­

Galicia, sen ser o mesmo, compórtase electoralmente cada vez máis como o resto de España. Cada nova elección vén esluír aínda máis as posibilidades xa non de que nos subamos ao carro das nacións vasca e catalá -na véspera do que é sen dúbida un momento reconstituínte en España – senón de que as urnas evidencien unha vontade nacional superior á de Navarra, ou de que o nacionalismo acade unha representación parlamentaria superior á de algún rexionalismo persistente. Abonda ollar ao movemento do 15M e aos resultados electorais de IU, UPyD ou Equo para decatármonos de que as máis recentes innovacións electorais/políticas de Galicia xéstanse fóra. Escudarse en que unha forza galega mantén unha inútil representación nunha das dúas cámaras parlamentarias do Reino, nun ambiente de maioría abafante do nacionalismo español e cando a verdadeira oposición está na rúa e non no Parlamento, non deixa de ser o consolo do birollo na terra dos choscos.

A crise ideolóxica do nacionalismo é tan visible e tan grande que nin sequera se aprecia desde o seu seo. As series históricas do CIS amosan que desde 1997 o sentimento nacionalista da poboación galega reduciuse até á metade en 2009. A reflexión sobre a validez política do proxecto nacional que para Galicia representa o BNG debería ser a primeira tarefa para a súa vindeira Asemblea. Pero abonda coñecer un pouco a casa para saber que iso non vai acontecer. O debate será probablemente e por desgraza, outra vez, netamente endogámico e organizativo, evolucionando a través de compoñendas, apuntalado en liderados compartidos e sínteses imposibles. Quizá o problema é que hai demasiada xente atada á súa biografía, e algún día falarase do BNG como un produto puntual da sociedade galega cun marcado carácter xeracional resultado dunha transición política, económica e demográfica irrepetibles.

Pola súa banda a crise da socialdemocracia realmente inexistente só continúa a do socialismo realmente inexistente. Nin o PSOE de Zapatero nin o de Touriño levaron adiante políticas económicas e fiscais diferentes das que viñan realizando Aznar ou Fraga. É certo que se promulgaron leis transformadoras e progresistas que supoñen avances sen parangón no terreo dos dereitos das persoas, mais polo xeral non se dotou economicamente como se debía nin o seu desenvolvemento nin se garantiu a súa sustentabilidade. Hoxe en día, por exemplo, é raro atopar a un mozo menor de 35 anos que acredite en que algún día se poderá beneficiar do sistema público de pensións. A base ideolóxica do discurso do PSOE reduciuse a unha política de escaparate detrás da cal só había connivencia e dádivas fiscais para os economicamente máis poderosos.

Constatada reiteradamente a falta de sintonía de amplas faixas da cidadanía galega coas dúas forzas da esquerda con representación parlamentaria así como a progresiva perda da consciencia nacional galega, quizá sexa chegado o tempo de esixir responsabilidades. Se o progresismo e o galeguismo non se revitalizan en Galicia é responsabilidade non só de PSOE e BNG como forzas e proxectos políticos, senón das persoas que conforman os sectores críticos de ambas dúas organizacións, incapaces de explorar o amplo espazo electoral que se está a converter na casa común da esquerda: a abstención. Tanto a verdadeira esquerda galeguista do PSOE como os nacionalistas non dogmáticos e actualizados do BNG teñen perante si unha responsabilidade histórica: falar, entenderse e confluír, coa sociedade e entre si, ou ser cómplices da hexemonía da dereita en todo o seu alcance.

A esquerda galega afronta outro ciclo histórico diferente e precisa dunha expresión política propia que supere a falsa dualidade imposta á sociedade polas direccións políticas do PSOE e do BNG, impermeables á cidadanía progresista e que viven de costas –cando non reñidas- entre elas -Cuntis, Fene e Moaña aínda ecoan como símbolos da vergoña. Unha ampla faixa do electorado sitúase precisamente entre os extremos que esas cúpulas representan, e perante a esclerose das súas organizacións políticas, perante a inacción en forma de fronte común contra a dereita, cando nin sequera se ensaian fórmulas de colaboración e cooperación institucional e electoral, a única saída de futuro que resta será a irrupción dunha ou máis forzas políticas novas.

Se somos escépticos perante tal posibilidade e todo segue igual, no entanto outras forzas minoritarias de carácter estatal xa existentes tenderán a gañar lentamente parte dese espazo, a abstención seguirá a nutrirse de desencanto e só o máis forte, o PSOE, permanecerá imbatido, se ben nunha situación diminuída que o afastará cada vez máis do poder, reducindo o seu acceso ao mesmo a conxunturas externas favorables, e sempre co necesario concurso doutras forzas. Mais téñase clara unha cousa: en Galicia iso acontece só excepcionalmente. Non volverá haber unha sucesión de Fraga mal feita, nin veremos en moito tempo concentración de voto útil na esquerda como en 2004 e 2005, coincidindo cun ciclo político estatal favorable ao PSOE, por non falar dun ciclo económico benigno –aínda que artificial-, sen esquecer os Nunca Máis, Non á Guerra ou 11M. O tándem bipartito foi só a consecuencia afortunada dunha conxunción de fenómenos que non se vai repetir, ceteris paribus, nin en un nin en dous, pero tampouco nin en cinco nin en seis anos.

Nenhum comentário: