15/12/2011

A derradeira oportunidade para un BNG útil

Mario López Rico, membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño. Artigo publicado en La Voz de Galicia (aquí).

Non quer dicir isto que o BNG non vaia seguir existindo a partir do 29 de xaneiro. Pero o que nos xogamos é volver ser ou non a casa común dos nacionalistas, unha casa aberta á sociedade que Galiza precisa hoxe máis ca nunca para frear a demolición de dereitos colectivos e individuais. 

Hoxe hai máis BNG fóra que dentro. A conversión paso a paso do BNG nunha formación política convencional provocou o desafecto de amplos sectores progresistas e galeguistas da sociedade e de moitos nacionalistas activos, e un descenso sostido de apoios sociais e electorais como vimos de comprobar nas municipais e máis recentemente nas xerais. 

Perdeuse unha ocasión no 2009 tras o primeiro paso do BNG polo Goberno galego para ver que acontecera. O reparto de culpas que fixeron uns e outros -todos os erros foron do BNG no Goberno ou todos os erros foron da organización do BNG- impediu unha análise seria. Tal simplificación maniquea e o bipartidismo interno forzado pola UPG e Máis Galiza fixeron daquela imposíbel un acordo plural e lastraron os últimos dous anos da vida do Bloque. Así dificilmente poderemos aspirar a desaloxar da Xunta ao PP nin a avanzar na emancipación e a transformación da sociedade. 

Tamén a incomprensión verbo das mobilizacións dos indignados que a dirección do BNG non entendeu, malia que os obxectivos coincidan amplamente con reivindicacións históricas do BNG, é un exemplo desta deriva á homologación coas forzas políticas convencionais e para soster o profesionalismo político que nos últimos anos adoptou. 

Os novos xeitos necesarios para facer política en favor dese 99 % da sociedade que sofre os recortes sociais e a crise, e a recuperación do BNG como instrumento ao servizo da nosa terra fan precisa a apertura aos nacionalistas que están fora e á sociedade civil na que agroman movementos de rebeldía cívica e de emancipación social. Isto só será posíbel cunha recuperación da credibilidade que só se dará se o BNG se refunda e rexenera. 

Agardamos que todo saia ben e que sexa posíbel recuperar a confianza para un BNG que dea signos inequívocos de ter aprendido a lección.

Nenhum comentário: