12/12/2011

Europa, polo peor dos camiños

Juan Torres López (tirado da súa web e traducido por nós para o galego)

* Artigo publicado en Sistema Dixital o 12 de decembro de 2011

Unha vez máis un cumio europeo remata con frustración e atreveríame a dicir que, como nos últimos tempos, dando un paso máis cara ao abismo. Non pode ser doutro xeito cando os seus dirixentes se empeñan en adoptar decisións cuxa ineficacia vén comprobando desde hai tempo e cando, ademais, se queren impor dun modo ditatorial á cidadanía.

Os dirixentes europeos, ben sexa pola súa incompetencia, polo seu servilismo cara aos poderes financeiros ou pola súa cegueira ideolóxica, seguen sen decatarse de que están centrados en resolver un problema principal que non o é e que ese desenfoque agrava o que verdadeiramente se está a sufrir.

O problema de Europa non é o da débeda soberana. Esta é, por unha banda, o resultado estrutural das políticas que nos últimos anos veñen freando a xeración de ingresos e producindo un incremento continuado da desigualdade. E, por outro, da conxuntural perda de ingresos e incremento do gasto provocados pola crise financeira. Por tanto, a solución non pode vir, como se empeñan, en diminuír máis aínda os ingresos aumentando a desigualdade porque desa maneira só se consegue fortalecer os factores que produciron a explosión da débeda pública ao levar de novo á recesión ás economías europeas.

Os dous problemas que realmente están a minar á economía europea e provocando xa unha crise política que non sabemos se vai poder ter solución son outros. Un é o defectuoso deseño da zona euro que impide aplicar as políticas necesarias para afrontar unha crise como a que estamos a vivir. E o outro, algo que as autoridades non queren recoñecer para salvar a cara dos bancos que provocaron a crise: a insolvencia xeneralizada do sistema bancario e a súa incapacidade e falta de vontade para poder volver financiar convenientemente á economía.

Os dirixentes europeos estanse a empeñar en circular por este camiño das políticas económicas equivocadas e así só van levar a Europa á desfeita económica, ao desastre social e a un conflito político irresoluble.

E estano facendo con maldade e con incompetencia. En primeiro lugar, porque non quixeron resolver o problema da débeda con decisión impondo desde o principio unha solución que fose fácil de aplicar e infinitamente menos custosa, obrigando a intervir ao Banco Central Europeo, senón que preferiron convertela nun xigantesco negocio para a banca e os grandes fondos de investimento privados, á conta de aumentala e de convertela nun lastre dramático para os pobos europeos.

En segundo lugar, porque renunciaron a adoptar medidas contra as causas reais da crise (de redeseño institucional e estrutural, de regulación financeira e de fortalecemento fiscal) para limitarse na práctica á imposición de políticas de recorte de gasto. Unhas políticas cínicamente chamadas de austeridade (cando só o son no que toca aos recursos destinados a financiar dereitos sociais e capital social que necesitan principalmente as pequenas e medianas empresas) que frean a actividade no conxunto da economía pero que o fan afectando dunha maneira moi desigual aos distintos suxeitos económicos. E así, o que de verdade están a facer as autoridades europeas non é tratar de resolver os problemas de Europa ou da economía europea no seu conxunto senón só os das grandes empresas e, particularmente, os dos bancos privados. E esa orientación tan asimétrica é o que está a dar lugar a que a crise económica se converteu noutra grave crise política e institucional.

E en terceiro lugar porque o contraste entre a man dura da que fan gala os dirixentes europeos á hora de aplicar estes recortes e a xenerosidade con que miran a outro lado para non pór sobre a mesa o problema da quebra bancaria practicamente xeneralizada é xa moito máis que vergoñosa. Comezaremos a contemplar en breve outra rolda de axudas aos bancos que provocaron a situación na que estamos, baixo a forma de nacionalizacións que en realidade non o son porque a propiedade e a capacidade de decisión seguen nas mesmas mans, de creación de bancos malos como o que está previsto que cree o próximo goberno do Partido Popular, ou de novas axudas multimillonarias, e sen que nada diso repercuta nun mellor e máis urxente financiamento ás empresas e consumidores. Porque esas non son as solucións que precisa un sistema bancario crebado, rentista e dedicado con preferencia á especulación.

Este é un dos dous principais camiños que levan a Europa ao abismo: o das políticas equivocadas e cómplices coa banca privada e o da cegueira ideolóxica ante unha realidade que mostra cada vez máis inequivocamente que así non se sae da crise senón que nos afunde máis nela. E non só iso: na miña opinión, deberiamos empezar a considerar que o que están a facer as autoridades europeas, o dano que as súas políticas están a provocar na poboación civil de bastantes países, está a comezar a aproximarse moito ao novo concepto de crime económico contra a humanidade (ver Lourdes Benería e Carmen Sarasúa, "Crimes económicos contra a humanidade").

E o malo é que non é ese o único camiño cara ao abismo polo que se empeñan en transitar os dirixentes europeos. Outro, o da imposición ditatorial destas políticas, leva consecuencias semellantes. En lugar de buscar a complicidade da cidadanía e convertela nun sostén decisivo mediante o debate e a participación para saír da crise con equidade e eficacia, as autoridades europeas buscan unha vez máis sortear o pronunciamiento dos pobos e iso é algo de novo inaceptable.

Pódese volver facer trampas como en ocasións anteriores, levar a cabo reformas constitucionais pola porta de atrás, impor as políticas mediante instrumentos lexislativos de terceira orde ou, como tamén se está facendo xa, dar golpes de estado para derrubar a gobernos lexítimos e pór no seu lugar a banqueiros, pero crer que así, convertendo a Europa nunha auténtica ditadura dos poderes financeiros, se vai conseguir resolver de verdade algún problema é unha quimera. Ao revés, está a crearse o maior ao que nos poderiamos enfrontar en Europa, que non é outro que o da súa propia autodestrución e o do enfrontamento xeral que iso vai levar consigo.

Nenhum comentário: