08/12/2011

A MNG non tolerará actitudes caciquís no seo de Galiza Nova

Tirado de aquí.


A Executiva da Mocidade Nacionalista, á vista dos últimos acontecementos arredor do procedemento para a actualización e posta en día das cotas dos e das militantes de Galiza Nova de cara a participación con plenos dereitos na XIII Asemblea Nacional do BNG, quixera por de manifesto o seguinte.

O martes 29 de novembro Galiza Nova emite unha circular informativa asinada polo Responsábel de Finanzas, Henrique del Rïo, e a Responsábel de Organización, Lucía López Sobrado, baixo o título “Circular Informativa XIII Proceso Asemblear BNG“, no que se da conta a Responsábeis Comarcais, Locais e de Organización e Finanzas do procedemento para por o día as cotas dos e das militantes. Da introdución da circular destacamos como, de xeito intencionado, remárcase que os prazos de Galiza Nova son específicos, propios e marcados dentro da autonomía financeira que teñen as mocidades do BNG, debido ás distintas modalidades de pago que posuímos (pago en man e cobro domiciliado).
En todo caso, destacar varias cuestións e datas importantes:

Militantes coas cotas domiciliadas: “O BNG, a petición de Galiza Nova, emitirá a comezos da semana que vén o recibo correspondente a outubro e novembro de 2011 ( 3€ mes = 6€). De non ter ningún recibo devolto, coa emisión e o cobro deste recibo as e os militantes coas cotas domiciliadas terán as súas cotas ao día e figurarán con plenos dereitos“.

Militantes coas cotas sen domiciliar: Ata o 3 de decembro (incluído) poderán pagar as súas cotas (outubro e novembro de 2011 e todas as que adebeden) a través de dous mecanismos. Mediante ingreso directo na conta nacional de Galiza Nova ou mediante o pago ao responsábel comarcal das cotas indicadas.

O problema xorde desta última fórmula, moi extendida na militancia nova, dende un visto de vista procedimental, político e informativo:

Unha circular enviada o martes 29 de novembro (e non a toda a militancia, só ás diferentes responsabilidades) impón só tres días hábiles, no caso de consultar a información no momento, para que os e as militantes que paguen en man poidan efectuar os pagos correspondentes.

A data de 3 decembro como data límite foi escollida pola Secretaría Xeral, pola Responsábel de Organización e máis polo Responsábel de Finanzas de xeito unilateral, en ningún tipo de organismo. Sendo cuestionábel este método, non existe ningún tipo de condición obxectiva o feito de escoller este data e non outra. Remitíndonos ao calendario do BNG, este día só está marcado como “notificación comarcal de alta e modificacións no censo,” sendo o día 26 o estipulado para envío dos provisionais.

Cónstanos que algúns Responsábeis Comarcais descoñecen canto debe algunha militancia da súa comarca e que dende a Sede Nacional négaselle ese información, dificultando que o/a interesado/a poida ingresar a cantidade adebedada. O único ao que teñen acceso os Responsábeis Comarcais é a unha listaxe de persoas coas cotas ao día no último proceso (neste caso das municipais). Mais no caso dos traslados ou persoas que non aparecen neste listado descoñécese a cantidade adebedada.

No caso das novas altas que se deron nas Dirección Comarcais de Galiza Nova e nos Consellos Comarcais do BNG (1 e 2 de decembro) estas só tiveron un día (sábado) segundo a circular, para poder ingresar setembro, outubro e novembro, xa que as altas figurarán dende o día 1 de setembro.

En resumo, a MNG entende que este feito ten unha clara intencionalidade política e que non é outra que dificultar a participación de todos e de todas na XIII Asemblea Nacional do BNG. Seméllanos curioso que o que se demanda para a sociedade (democracia participativa, transparencia, respecto ás minorías) non sexa aplicado na nosa casa: ante isto temos discrecionalidade, decisións unilaterais e pouca ou nula información, ademais de deixar á militancia non adscrita e que non ten acceso ás canles de información dos colectivos internos en clara indefensión.

Non podemos tolerar a aplicación de metodoloxías caciquís no seo de Galiza Nova e do BNG.

Dende a Mocidade Nacionalista Galega entendemos que existen tempos e prazos para que a militancia de Galiza Nova que non ten as cotas domiciliadas poida regular a súa situación. Dito isto, solicitamos aos órganos de dirección de Galiza Nova que dado o exiguo e ínfimo prazo imposto e non existindo impedimento obxectivo para ampliar o prazo para o pago de cotas en man, este se amplíe ata o día 22 de decembro ás 00.00 horas. Para que, deste xeito, todas as persoas poidan ser informadas correctamente e, se así o desexan, poidan regular as súas cotas para participar con plenos dereitos na Asemblea Nacional do BNG.

Um comentário:

Anônimo disse...

Se o BNG precisa unha redundacion, Galiza Nova debería deixar de ser a única organización para os mozos do BNG porque é unicamente un órgano de promoción para a mocidade da U sen incidencia no tecido social galego. Que estas prácticas se toleren indica o alcance da quimera da refundacion... lástima de bois!