17/12/2011

Multitudinaria homenaxe a Xosé Manuel Beiras

Tirado de aqui.

Prevese que mil persoas participen nun acto no que se enxalzará toda a traxectoria do que foi portavoz nacional do BNG e levou a fronte nacionalista ás cotas máis altas de representación parlamentaria


Xosé Manuel Beiras FOTO: PEPE FERRÍN / AGN


Xosé Manuel Beiras
FOTO: PEPE FERRÍN / AGN









































































































Unhas mil persoas homenaxearán este sábado a Xosé Manuel Beiras, catedrático en Economía e histórico nacionalista galego, nun acto en que se enxalzará toda a traxectoria do que foi portavoz nacional do BNG e levouno ás cotas máis altas de representación parlamentaria. 

Así, o acto terá lugar a partir das 12.30 horas no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, despois do cal terá lugar unha comida de amizade nas propias dependencias do auditorio ao que asistirán 250 persoas, que xa cubriron a súa inscrición. 

O acto, que leva por título 'A beira de Beiras', defínese por parte dos organizadores "desde o territorio dos afectos, a admiración e os agradecementos. En certa medida, unha crónica de viaxe, tamén unha crónica sentimental, ao redor dunha persoa moi querida por todos nós que se entregou e segue entregando o seu entusiasmo e intelixencia a favor da causa de Galicia", tal e como comeza o prólogo do libro.

Os asistentes á comida, que abonaron 50 euros para financiar os gastos, recibirán un exemplar do libro, que tamén se venderá á entrada do acto, por 20 euros. 

Ao redor do xénero do ensaio, participan persoas como Salomé Alvarez Blanco, Xosé María Alvarez Cáccamo, Alfonso Alvarez Gándara, Luís Alvarez Pousa, Aureli Argemí, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xusto Beramendi, Fermín Bouza, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán Lanuxe, Francisco Fernández Rei, Eduardo Galeano, Manuel Gallego Jorreto, Pilar García Negro, Fernando González Laxe, Margarita Ledo Andión, Xoán López Facal, Abel López Rodríguez, Ramón Máiz, Carlos Mella, X. L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, Camilo Nogueira, Martiño Noriega, Mario Orjales Pita, César Portela, Xulio Ríos, Enrique Sáez, Manoel Santos, Carlos Taibo, Xavier Vence e Ramón Villares. Ademais, están os editores Valentín Arias, Manuel Caamaño e Víctor F. Freixanes. 

A homenaxe convoca a persoas relacionadas co galeguismo na súa dimensión "máis aberta e plural", explica a organización, e contará cunha intervención central a cargo de Manuel Caamaño, vello compañeiro e amigo de Beiras, dos tempos do primeiro PSG e do movemento de Asociacións Culturais nos anos 60 e 70, que falará en nome de todos os presentes. 

Tamén haberá intervencións de poetas --Miguel Anxo Fernán-Lanuxe e Xosé María Alvarez Cáccamo), xornalistas de distintas xeracións --Xosé Ramón Fandiño e Comba Campoy--, e músicos --Roi Casal, Diego García, Luís Soto e Javier Vázquez Grela--. Este último interpretará ao piano 'Variacións Beiras', composición de Paulino Pereiro realizada en 1999.


Nenhum comentário: