30/01/2012

Avaliar e decidir

Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí), que desde non para de medrar con galegas e galegos que desexan  afiliarse e así nolo fan constar na nosa páxina web. A tod@s obrigado e apertas irmandinhas. 



Queremos felicitar a todas e todos aqueles que xunto con nós, coa nosa razón, e de todo corazón, participaron masivamente na asemblea nacional do BNG, a primeira sen delegados dende 2006. Un exemplo de empuxe de base que estivo a piques de gañar dando como resultado un BNG que nunca máis volverá ser o mesmo pase o que pase.

Unha vez rematada esta XIII AN do BNG e cos resultados xa coñecidos dun empate técnico entre os que pretendemos nunha fronte plural recuperar o espírito fundacional de cooperación e irmandade nas relacións internas do BNG e os que pretenden máis do mesmo para seguir a manter a situación actual de dominio da UPG, require de todos nós, irmandiños ou non, unha reflexión seria sobre a situación resultante e sobre o camiño a tomar.

No EI temos a orgullo sermos congruentes, claros nas nosas mensaxes e abertos a escoitar e compartir ideas.

Por iso queremos lembrar que o Encontro Irmandiño, na nosa III Asemblea celebrada hai agora xustamente un ano, a respecto do proceso de rexeneración do BNG e do rol do EI a prol do mesmo razoabamos na nosa tese política:
Puidera ser atinado, se o facemos coa forza e a intelixencia precisa, apostarmos pola rexeneración da fronte nacionalista sobre o deseño construído hai agora tres décadas. Mais cumpriría, como condición inescusábel, que houbese xa, sen máis dilacións, unha resposta decididamente positiva á rexeneración democrática horizontal interna da fronte e á efectiva recuperación do proxecto estratéxico de emancipación social e nacional da Galiza, reactivado tanto no seo da sociedade civil canto da política, tanto na acción e loita social canto na institucional. Unha condición, esa, que implica aceptar reabrirse á sociedade, devolvendo a fronte ás xentes nacionalistas de dentro e ás de fora excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis, e desarmar o aparello burocrático hoxe ao servizo exclusivo dun grupo que se reproduce e perpetúa a costa e en prexuízo do “proxecto común” e da democracia horizontal.

O Encontro Irmandiño tamén decidiu que tras a asemblea do BNG faría unha avaliación do resultado da mesma nunha asemblea nacional do Encontro a celebrar con certa celeridade.

Este xoves reúnese a Coordinadora do Encontro para facer unha avaliación de urxencia e un calendario para facilitar a toma das decisións que a nosa base militante considere pertinentes. Xa que logo, nesta fase da andaina contamos con moitos máis amigos e amigas e as nosas decisións, coma sempre serán partilladas, discutidas e acordadas colectivamente

Invitamos á reflexión
Postar um comentário