Raul Asegurado Pérez.
Cando explicamos desde o socialismo marxista a relación de dominación que as estruturas capitalistas exercen sobre as sociedades e como se lexitíma desde toda instancia o capitaneo dos intereses privados das oligarquías económicas sobre a sociedade, a través de mecanismos de adaptación das percepcións, explicacións, valores e crenzas, estamos a falar, do facer hexemónico de dominación dunha clase social, que expande como norma universal en toda a sociedade o que a ela, e só a ela, en maior grao beneficia.
Isto veu a ser o que Gramsci determinou como hexemonía social, unha función de direción inteletual e moral vencellada ao dominio do poder político; mais a clave fundamental de todo o que Gramsci propón está en ver como unha clase subalterna pode tornarse en clase dirixente e exercer o poder político, e por tanto converterse ela en clase hexemónica.
O elemento clave da crise da hexemonía está dada cando a clase, ou clases, sociais politicamente dominantes non conseguen resolver os problemas de toda a colectividade e impor a toda a sociedade a propria concepción complexa do mundo. Mais se existe unha clase subalterna que logra indicar solucións concretas aos problemas deixados sen resposta e vai incrementando a súa propria cosmovisión a outros estratos sociais, así creia un novo bloque social que paulatinamente vai tornándose hexemónico. Por tanto, a conquista da hexemonía é un proceso que se inicia coa crise de identidade dos valores, explicacións, percepcións e crenzas na sociedade, mais ten que existir unha clase non-hexemónica, subalterna, capaz de dar estas explicacións, e aí inicia o proceso, non é unha resultante espontánea, é un traballo centrípeto de interpretación que vai calando nos límites externos desa clase.
Esta foi sen dúbida unha das aportacións máis revolucionarias de Gramsci ao marxismo, o comunismo ortodoxo non foi quen en moitas ocasións de comprender que este proceso non é unha toma de poder institucional, senón que é un proceso de expansión discursiva que sitúa á sociedade civil como elemento vertebrador, e non ao “aparato” político, do protagonismo político.
Hai unha década, este proceso estaba asentado na Galiza, en moitas outras nacións ocidentais aconteceu o mesmo, mais foi esvaecéndose, unicamente pola lóxica de inverter o proceso de expansión hexemónica natural por unha imposta erroneamente. Cando a creación discursiva chegou a permeabilizar a esferas sociais que non eran as propias, no canto de asumir que tiña que ser un proceso lento de combate pola hexemonía, centrouse unicamente na toma do poder político, institucional, desprazando ao elemento protagonista do cambio social, e fortalecendo as posicións da clase política. Cando na Galiza chegamos ao punto en que os movementos sociais heteroxéneos partillaban valores ideolóxicos identitarios da soberanía, o traballo social que estas facían, que eran indispensábeis para a expansión do discurso hexemónico, ficou nun segundo plano, provocando inequivocamente un afastamento da sociedade civil máis dinámica do referente político, esta creba, foi e é a que rachou o proceso de expansión hexemónica da que partíamos.
Agora, coa chegada da crise capitalista provocada en graos evidentes polos límites da lóxica do crecemento ilimitado, evidencia novamente o paso atrás no que estamos, cando non somos capaces de concibírmonos desde a esquerda nacional como Estado e exercer como tal. Os grupos políticos dominantes non son capaces de explicar as causas e non son cridos pola cidadanía nas súas propostas, distanciando unha vez máis, á clase política das clases populares. O manter un discurso melódico co resto de forzas políticas aínda que sexa diverxente nalgunha escala cromática non é percibido como algo atípico e por tanto simplemente afortala o papel hexemónico actual e non a creba deste.
Mais volvendo novamente a Gramsci, como unha clase subalterna pode desenvolver un facer hexemónico? Partamos do seguinte texto:
As clases subalternas, por definición, non se unificaron e non poden unificarse mentres non poidan converterse en “Estado”: a súa historia, por tanto está entrelazada cao da sociedade civil, é unha función “disgregada” e descontinua da historia da sociedade civil e, a través dela, da historia dos Estados ou grupos de Estados. Hai que estudar, por tanto: 1) a formación obxectiva dos grupos sociais subalternos, polo desenvolvemento e as transformacións que se producen no mundo da produción económica, a súa difusión cuantitativa e a súa orixe a partir de grupos sociais preexistentes, dos que conservan durante algún tempo a mentalidade, a ideoloxía e os fins; 2) a súa adhesión activa ou pasiva ás formacións políticas dominantes, os intentos de influír nos programas destas formacións para impor reivindicacións proprias, e as consecuencias que teñan estes intentos na determinación de descomposición, renovación ou neo-formación; 3) o nacemento de partidos novos dos grupos dominantes para manter o consentimento e o control dos grupos subalternos; 4) as formacións proprias dos grupos subalternos para reivindicacións de carácter reducido e parcial; 5) as novas formacións que afirmen a autonomía dos grupos subalternos, mais dentro dos vellos marcos; 6) as formacións que afirmen a autonomía integral, etc.
Se ben como apunta Gramsci neste escrito un pouco máis abaixo, estas fases poden complementarse con outras, e con fases intermedias, o elemento clave que estamos a vivir dáse no estudo complexo da fase terceira, onde na Galiza, este control deuse dentro da forza política que estaba sendo interpelada pola fase anterior (segunda); isto conlevou a que emerxeran formacións proprias en todo o país na última década, ben por nacemento novo ou por excisións que reclamasen estas reivindicacións amplas pero sempre parciais (grupos ecoloxistas, humanitarios, pacifistas, altermundistas…), a fase inmediatamente seguinte é a que estamos a viver, en forma de orfandade do referente político que a sociedade civil galega ten, aínda que con pequenas excepcións, que seguen zoupando unha e outra vez dentro dos vellos marcos. A cuestión é que se estas excepcións non conseguen imporse a base dunha refundación imprescindíbel dese referente político, emerxe como irremediábel unha formación nova que afirme unha autonomía integral da clase subalterna que combata en termos de hexemonía a construción da sociedade que se pretende.
Conquerir unha refundación tamén é posíbel se, e só se, se dá nos termos expostos, en que o vello marco entenda e comprenda as necesárias mutacións históricas, facéndose permeábel á nova estruturación social en continua dialéctica entre a sociedade (estrutura) e as institucións (superestrutura),pois o vello marco de vangarda ficou esvaecido na súa involución de contacto co poder facéndoa unha forza típica da clase hexemónica política dominante, e deberá ceder o papel protagónico aos entes non castrados polo Estado (en termos gramscianos), senón aos que están cargados de novas respostas, e por tanto, unha evidencia de síntomas de recuperación da forza política será a aceitación do risco nas institucións e a primacía dunha base militante activa que vaia engrosándose paulatinamente, ben cun incremento cuantitativo como cunha expansión discursiva alén dos límites orgánicos, que permitan falar dunha difusa separación entre uns e outros pois o discurso hexemónico estaría nunha fase de expansión enorme.
Pois unha das cousas que teremos que prestar especial interese é en “incluir todas as repercusións das actividadas do partido, en toda a área dos grupos subalternos no seu conxunto e sobre as actitudes dos grupos dominantes, e ten que incluír as repercusións das actividades dos grupos dominantes sobre os subalternos e sobre os seus partidos. Entre os grupos subalternos, un exercerá ou tenderá a exercer unha certa hexemonía a través dun partido, e hai que precisar isto estudando os desenvolvementos, tamén, de todos os partidos en canto inclúan elementos do grupo hexemónico ou dos demais grupos subalternos que sofren esa hexemonía” (Gramsci: 492)
Por tanto, se o partido está dentro da lóxica hexemónica de dominación, e o grupo subalterno que tenta acadar unha nova hexemonía está na sociedade civil, esta debe pilotar un novo referente político a través dunha forma de partido, pode facerse sen partido? Ao entender de Gramsci non; ao observar as respostas de empoderamento social que se dá nos grupos máis artellados en razón de grupos de consumo, sindicais, finanzas alternativas, espazos civís okupados ou non, ecoloxistas, etc… chégase á rápida resposta da necesidade do partido, isto é sinxelo de observar na sociedade civil máis artellada de Europa, a de Euskalherria onde a construción do referente político foi unha das máis aceleradas concrecións da necesidade que se tiña para a expansión hexemónica do novo discurso chegando incluso a expandir unha consideración positiva no Reino de España e rachando unha situación anquilosada durante décadas que será positiva para todas as partes.
Nenhum comentário:
Postar um comentário