22/03/2012

A deriva do 15M: almas, corrementos, apoio mutuo

Carlos Taibo. Artigo tirado de Altermundo (aquí).



Aínda que a realidade hoxe é máis complexa, e as diferenzas non faltan segundo os lugares, no seu intre inicial o movemento do 15M mostrou dúas almas diferentes. Se a primeira achegábana o que seica con pouca fortuna chamamos "mozos indignados", a segunda configurábana as xentes dos movementos sociais alternativos. Mentres na primeira dábanse cita máis ca nada integrantes das clases medias en activo proceso de desclasamento, na segunda facíanse valer realidades moi dispares, e entre elas moitas das vencelladas coas loitas obreiras de sempre.

Ao meu entender, o máis común foi que esas dúas almas se vivificaran mutuamente ou, o que é o mesmo, que aprendan a unha da outra. Semellante vivificación correu da man, con todo, dun corremento ideolóxico que merece atención. E é que na maioría dos lugares -volvo pór por diante esta cláusula- moitos dos "mozos indignados", que en primeira instancia parecían achegados a unha proposta meramente cidadanista, aceptaron o bo sentido dun proxecto orgullosamente anticapitalista. Aclaremos que é o que significan os dous adxectivos que acabamos de empregar. Se o cidadanismo expón demandas que afectan en exclusiva a algunha cuestión precisa, non cuestiona a orde xeral do sistema e, ao cabo, non pretende articular movementos con vocación de permanecer, no caso do anticapitalismo achámonos perante unha contestación xeral e radical do sistema que se nos impón, unha contestación que por lóxica, e dada a magnitude da tarefa, debe materializarse en organizacións con franca vocación de pervivir.

Retratemos o anterior da man dunha afirmación máis precisa: en orixe moitos dos "mozos indignados" parecían contentarse co cuestionamento do que cabe entender que é a epiderme do sistema. O obxecto das súas diatribas eran, por rescatar dúas grandes discusións, a corrupción e a precariedade. Aínda que se trata, si, de problemas importantes, non convén enganarse no que fai ao seu relevo. Un pode imaxinar -xa sei que non é doado- que conseguimos acabar coa corrupción: tal éxito de ningún xeito será o final dos nosos problemas, tendo en conta que a lóxica xeral dun sistema explotador e excluínte, o capitalismo, seguirá pervivindo por detrás. Outro tanto cabe dicir da precariedade, por moi certo que sexa que esta última marca poderosamente a vida cotiá de moitas persoas.

A pesares de que moitos dos "mozos indignados" deixaron atrás a contestación da epiderme para encarar os problemas de fondo, a miúdo perviven, entre o que queda das dúas almas iniciais do movemento, dúas perspectivas diferentes. A primeira, a máis común entre os mozos recentemente mencionados, considera que a nosa tarefa principal consiste en expor propostas que debemos esperar sexan tomadas en consideración polos nosos gobernantes. A segunda estima, en troques, que debemos crear espazos de autonomía nos cales -sen precisar para nada deses gobernantes- apliquemos regras que, asentadas na democracia de base, na autoxestión e no apoio mutuo, teñen por forza que ser moi diferentes das hoxe imperantes.

Salta á vista que esas dúas percepcións -as miñas preferencias inclínanse claramente pola segunda- son moi distintas. Tiven en ocasións a oportunidade de comprobar, con todo, como poden coexistir de xeito medianamente frutífero. Un exemplo, un máis, do que quero dicir: somos moitos os que non sentimos entusiasmo algún por unha proposta, a que reclama unha reforma da lei electoral, que se sitúa no terreo da primeira das perspectivas que identifiquei. Non sentir entusiasmo por ela de ningún xeito supón que pechemos os ollos ante a inxustiza lacerante da lei electoral en vigor. Así as cousas, se alguén nos pide o noso apoio para reclamar unha reforma desa lei, non hai maior motivo para negalo. Ese respaldo debe ter, con todo, a súa contrapartida: como queira que non hai ningún motivo para concluír que quen reivindican reformas na lei electoral son hostís á creación deses espazos de autonomía dos que antes falei, o seu é que pidamos a estas xentes que de ningún xeito nos deixen sós na tarefa correspondente. Tempo haberá para discutir, en suma, cal dos dous proxectos que perviven ten mellor sentido.

Nenhum comentário: