04/04/2012

Até cando o engano do recibo da luz?

Juan Torres López. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.



Unha das características máis importantes da nosa economía, e da que non se adoita falar, é a grande influencia e poder político que os grandes grupos financeiros e empresariais teñen sobre as institucións. Non é que iso sexa algo propio soamente do noso país, pero si é verdade que aquí está moi agudizado porque eses grupos formáronse na ditadura e iso dotounos dunha forza e duns privilexios especialmente considerábeis.

Eses grupos estenden as súas redes en toda a economía española pero teñen o seu asento principal nos grandes sectores estratéxicos, na banca, a enerxía, as telecomunicacións ou os medios de comunicación, entre outros, tecendo así unha complexa rede de intereses que lles permite controlar moito máis do que a primeira ollada parece e que penetra nas propias administracións públicas e mesmo nas máis altas magistraturas e institucións do Estado.

O caso do sector eléctrico é paradigmático e agora vólvese a pór de evidencia cando o goberno de Rajoy volve subir o recibo da luz.

Na anterior etapa de goberno de Aznar recoñeceuse un chamado "déficit de tarifa" que iría crecendo ano tras ano e que está a proporcionar ás compañías eléctricas grandes beneficios á conta dos consumidores de luz.

Á opinión pública estáselle dicindo desde entón que as eléctricas teñen uns custos moi elevados e que a tarifa que pagamos é insuficiente para compensalos porque os gobernos mantéñena demasiado baixa por razóns de interese social.

Porén á sociedade non se lle informa que desde que Aznar (máis tarde asesor externo de Endesa) recoñeceuno, ese déficit está trucado. Non é a diferenza entre a tarifa e os custos reais que soportan as empresas senón cos moi sobrevalorados que se inventan e que os sucesivos gobernos (e os xuíces que resolven as demandas das eléctricas) aceptan sen problema.

Para lograr ese efecto as compañías recorren a diferentes procedementos: asignar á electricidade moito máis barata que producen centrais xa amortizadas os custos doutras máis caras, aplicar o da franxa horaria de maior prezo, ou rexistrar custos de investimentos realizados ou doutros gastos moi por encima dos realmente soportados.

Esa constante sobrevaloración é o que permite falar de déficit mais trátase, como acabo de sinalar, dun déficit ficticio. E que, ademais, non é a única circunstancia que veñen permitindo ás compañías eléctricas obter enormes beneficios no Estado español, case 29.000 millóns de euros desde 2005.

Ademais diso, facturan aos consumidores por ter dereito a conectar a potencia contratada (o que non están en condicións de asegurar porque a rede é deficiente en moitos puntos) ou os chamados custos de transición á competencia, un invento das propias compañías que lles supuxo mais de 9.000 millóns de ingresos extras, ademais de inflar o prezo do aluguer dos novos equipos de medida, entre outros.

E mentres as empresas eléctricas obteñen beneficios extraordinarios mediante estes procedementos espurios, os consumidores de luz do Estado español temos que pagar un recibo que é o terceiro máis caro de Europa, só superado polo de Chipre e Malta.

Durante anos, os gobernos veñen limitando a aceptar as condicións que lles pon as grandes compañías eléctricas, en cuxas asesorías ou consellos de administración entran e saen os mesmos que antes ou logo han de tomar decisións sobre as tarifas e as condicións do seu negocio, como o mencionado Aznar, de Guindos, Elena Salgado ou Felipe González, entre outros, nun vaivén vergoñoso e inmoral ao que ninguén pon coto.

Se no Reino de España houbese unha verdadeira democracia as televisións estarían a explicar á xente por que soben tanto os seus recibos da luz e quen e por que se lucra con iso. E os gobernos, en lugar de renderlle pleitesía, disolverían xa o oligopolio eléctrico, nacionalizado as empresas e evitado o engano. En lugar diso, Rajoy volve subir a luz e encima o seu goberno afirma que está a reducir os custos do sistema, coma se tomase algunha medida encamiñada a evitar a súa sobrevaloración artificial.

Nenhum comentário: