03/11/2011

O desemprego e a crise afundan no Estado español

Redacción.

Pasados xa 4 anos do estourido da crise os datos confirman que esta só fixo afundar no Estado español a desigualdade para alén de conducir para un cenario cada vez máis negro. Os recentes datos de desemprego fornecidos pola Enquesta de Población Activa da pasada sexta-feira indicaban que son xa cáseque 5.000.000 de desempregados os que existen no Estado español no terceiro trimestre de 2011. Case unha semana despois o Ministerio de Traballo (aquí o PDF cos datos) achega datos que corroboran a caída libre da economía real do Estado.

Só no mes de outubro 134.182 cidadáns perderon o seu emprego até alimentar en 3'17% máis a cifra, insostíbel de non ser polo emprego submerxido que representa 8% do PIB, a cifra total de desempregados: 4.360.926. Estes datos só son comparábeis cos de 2008 cando estourou a borbulla inmobiliaria e, daquela, estamos outra vez nun punto morto e na recesión máis profunda que non se pode achacar, como fai o Goberno do PSOE, a Grecia (ultimamente bode expiatorio de incompetencias multiplicadas empezando por Merkel e Sarkozy).

Así as cousas, son tres meses consecutivos de suba do desemprego. Nos últimos doce meses existen 274.950 parados máis, o que representa unha suba de 6'7%. Aliás, o desemprego en outubro afectou a todos os sectores económicos, especialmente o sector servizos (+ 3'4%), a agricultura que creou 16.776 desempregados, a industria 12.572 (+ 2'6%)... Tamén se ceba cos mozos, o colectivo sen emprego anterior, que aumentou en 5.456 persoas. Con este panorama non chama a atención que o número de filiacións á Seguranza Social caera en 75.249 persoas ficando nos 17.360.313 traballadores e traballadoras segundo o Ministerio de Traballo. Cada vez é máis claro a que conduce a ortoxia ultraliberal: canto peor para a maioría, mellor para ese 1% que segue aumentando o seu capital máis e máis desde que comezou a crise.

Nenhum comentário: