03/11/2011

Kάθαρσις

Ernesto Ekaizer. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por nós para o galego. A democracia naceu en Atenas e novamente é enterrada alí nesta Eurolandia sen escrúpulos. Aristóteles indicaba que cando a democracia dexeneraba era a quenda da oligarquía, esa oligarquía da burguesia mundial que atafega o futuro de millóns de cidadáns europeos convertidos, da noite para a mañá en súbditos.


Di Wikipedia: "κάθαρσις (do grego kátharsis, purificación) é unha palabra descrita na definición de traxedia na Poética de Aristóteles como purificación emocional, corporal, mental e relixiosa. Mediante a experiencia da compaixón e o medo (eleos e phobos), os espectadores da traxedia experimentarían a purificación da alma desas paixóns".

Iso, pois, Papandreu desencadeou coa súa propia catarse política, a verdadeira catarse do euro, aquela que a recente cimeira a través dunha solución cosmética quixo evitar. Xa o pasado 19 de setembro, Papandreu declarou que o pobo grego tiña que pronunciarse en referendo sobre os plans de axuste. Ninguén prestou atención.

A pregunta é: que lle levou finalmente a exporse esta partida de póker definitiva, a matar, coa moción de confianza primeiro e o referendo despois?

Por suposto que Papandreu non descubriu da noite para a mañá o valor da consulta democrática. A partir da súa vitoria de outubro de 2009, converteuse, el e o Pasok, nun instrumento dos mercados e das institucións que velan polo seu funcionamento: o Fondo Monetario Internacional, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo. Durante dous longos anos aplicou en todo o que puido os planos de austeridade que deixaron a Grecia aínda máis ao pé dos cabalos do que xa estaba ao gañar as eleccións á dereita conservadora de Nova Democracia.

Porén ocorreron dúas cousas que explican a situación actual. A primeira ten que ver coa resistencia interna, co salto en número e cohesión das mobilizacións contra os plans de austeridade do Goberno. A folga xeral de outubro pasado supuxo precisamente ese salto, con medio millón de traballadores, estudantes, amas de casa, na praza Syntagma de Atenas, os días 19 e 20 de outubro, mentres o Parlamento votaba a rebaixa dos salarios e das pensións. Estamos nunha evolución similar á de Arxentina en decembro de 2001, cando os plans de austeridade do FMI levaron á suspensión unilateral do pago da débeda exterior.

E o segundo feito foi o acordo da Unión Europea. É dicir, cunha quita máis substancial (dise 50% pero en realidade quedaría, segundo a base de cálculo, nun 28%) da que até entón se pactou (21%).

Con estas dúas cartas na man, Papandreu decidiu xogar ao todo ou nada. Porén, se quere chegar ao referendo, terá primeiro que salvar a moción de confianza, de aquí ao venres, que non será unha batalla menos titánica. E, ademais, se conseguise por ventura unha vitoria como a que conseguiu Felipe González no referendo da OTAN, en 1986, tampouco iso suporía borrar do mapa de Grecia as mobilizacións contra os planos de austeridade máis duros que se aveciñan.

A catarse de Papandreu deixou ao aire a hybris dos seus mediocres interlocutores. A súa arrogancia, o seu orgullo desmedido, a súa capacidade de chantaxe, todo iso, quedou unha vez máis en evidencia.

E que ao mesmo tempo o Goberno grego decidise levar a purificación/depuración ás Forzas Armadas, pasando a retiro ao seu alto mando, retrotraeuse a aquela época que Jorge Semprún e Costa Gavras tan ben pintaron na película Z, que en grego antigo, xa saben, quere dicir "estou vivo".

Nenhum comentário: