01/04/2012

Feijoó, ou a miserenta política do home da mangueira

Non merecemos este malgoberno. Comunicado do Encontro Irmandiño (do seu site).



O terríbel incendio que arrasa as Fragas do Eume, se cadra o máis valioso bosque atlántico costeiro do continente europeo, é o epílogo dunha política de conservación insensíbel e inexistente, dunha política forestal suicida e dunha política de loita contra o lume irresponsábel e obxectivamente delictiva. Tan só o fume, que se pode ollar xa dende a cidade da Coruña, delata a inadmisíbel falta de información que nestes intres temos por parte da Xunta de Galiza. A información que esiximos e merecemos.

A catástrofe das Fragas do Eume súmase ás máis de 6.000 hectáreas que o lume xa levou dos nosos montes no que vai de ano, algunhas en lugares tan valiosos como O Courel, O Xurés ou o Macizo Central de Ourense, que son parte do noso patrimonio colectivo, do noso ser como pobo. É, asemade, un atentado ecolóxico por inacción e incompetencia, que responde sen dúbida a unha estratexia de loita contra o lume manifestamente errada, noxenta, que renuncia á prevención e que só se rexe por inadmisíbeis recortes orzamentarios.

A isto hai que engadir que a política galega de conservación non pode estar dirixida por intereses puramente económicos. Xoias ecolóxicas como a que até onte constituían as Fragas do Eume non poden acubillar monocultivos pirófitos por moi rendíbeis que sexan. Teñen que ser xestionadas con plans socioambientais nos que primen a conservación e a sustentabilidade social en consonancia e harmonía con esta.

Neste sentido, esiximos tamén unha investigación, á que a cidadanía debe ter acceso, sobre a posíbel relación da catástrofe do Parque Natural coa concesión da mina de andalucita no Pico Vello, onde todos os datos indican que comezaron as lapas. Unha concesión que debe ser revogada de inmediato.

Cando menos 7 das 28 especies de fieitos das Fragas do Eume pódense considerar relictas, isto é, testemuña dos bosques subtropicais que cubrían Europa hai máis de 60 millóns de anos. Abondaron tres anos de goberno Feijóo para que esta herdanza do noso pasado, esta a nosa xoia ambiental, fose esnaquizada de vez; para que os recortes e insensibilidade ambiental do malgoberno Feijoó, o home da mangueira, lograsen o que as glaciacións e as crises climáticas do Cuaternario non foron quen de facer.

Xa abonda de destruír país. Dimisións xa!

Nenhum comentário: