10/04/2012

"No Reino de España veñen máis recortes sociais, máis paro e máis explosións sociais"

Entrevista a Eric Toussaint tirada de Librered (aquí) e traducida por nós.



"Unha grande parte da débeda de países como o Reino de España é ilexítima, dado que procede dunha política que favoreceu a unha ínfima minoría da poboación en detrimento de unha esmagadora maioría de cidadáns, así que temos que auditar esas débedas con participación cidadá e anular todo o ilexítimo; pola contra, as vítimas da crise seguirán sufrindo unha dobre condena en beneficio dos culpábeis, os banqueiros", sinala Éric Toussaint.

É un dos expertos convocados á Semana Galega de Filosofía para debater sobre as posíbeis saídas para unha Europa en plena asfixia financeira. Están a aplicarse na Unión Europea as receitas que xa se utilizaron en América Latina nos anos oitenta?

Si, por suposto é posíbel esa comparación: en Europa claramente estamos nunha situación tipo finais dos anos oitenta, comparábel tamén á década do noventa en América Latina, é dicir as débedas públicas aumentaron de modo importante e constitúen o pretexto para unha nova ofensiva ultraliberal de austeridade total, é dicir represión do gasto pública e represión salarial; conxelación polo menos, mais en varios países reducións fortes.

En Grecia acábase de reducir nun 22% o salario mínimo legal e para os mozos nun 35%, unha austeridade brutal. E a situación tamén é comparábel porque á poboación latinoamericana custoulle dez anos sacar a conclusión de que este tipo de políticas son totalmente nefastas, que non se pode seguir co ultraliberalismo. E a partir do inicio dos 2000 houbo cambios políticos moi importantes en Venezuela, Brasil, Arxentina coa sublevación popular de 2001... Tamén Bolivia, Ecuador e Uruguai, así que a miña pregunta é agora: Nós cantos anos imos tardar en liberarnos destas políticas ultraliberais?

Ningún axuste fará que se salga da crise?

Non, profúndase nela, coa redución do gasto público e unha redución do poder de compra das maiorías sociais por suposto non hai unha saída a nivel económico, non hai posibilidade de ter crecemento porque non hai mercados de exportación.

Porén a lóxica é: redución do gasto público para buscar equilibrio fiscal e redución do poder de compra dos traballadores para ser competitivos nos mercados externos. Porén resulta que non funciona porque todos fano, en Estados Unidos tamén hai crises e non hai mercado, así é que as exportacións dos países europeos son limitadas, mesmo para o campión das exportacións que é Alemaña, porque Alemaña vaise a empezar a atopar problemas en mercados de exportación.

Que opinión merécenlle as medidas adoptadas en España?

España está a seguir o camiño de Grecia, Portugal e Irlanda, ao seu ritmo mais é o mesmo camiño, xa coa política de José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE) e agora empeorada ou radicalizada aínda máis cara ao ultraliberalismo polo goberno de Mariano Rajoy (PP), está claro que o camiño elixido é máis austeridade nos dous ou tres anos que quedan, máis paro e seguramente máis reaccións ou explosións sociais. Xa o 29 de marzo houbo algo desa participación popular pero veremos nos meses e anos que veñen, de todos os xeitos se seguimos con este tipo de políticas non o dubide, temos crises para dez ou quince anos.

É optimista sobre se é posíbel fuxir destas novas ordes ou o FMI, o Banco Mundial ou a Organización Mundial do Comercio nunca o permitirían?

Non lles vai a gustar, mais non se expoña que non o van a permitir porque é que non teñen o poder de impedir ou de prohibir un cambio, en realidade a forza destas institucións vén da docilidade dos gobernos, cando un goberno decide romper coa lóxica imposta polo FMI en realidade o FMI non ten realmente poder de represalia. Nisto tamén o exemplo de América Latina tamén é interesante: por suposto hai diferenza entre o Reino de España e Arxentina, mais tampouco Arxentina é un país dos máis pobres de América Latina, é un país duns 40 millóns, con industria, condicións de vida que eran dun certo nivel medio, e se implementaron políticas ultraliberais moi duras nos 90 con Carlos Menem, privatizadoras, veu despois un goberno de centro de De a Rúa, que profundou nesa política, houbo unha rebelión popular, cinco presidentes en tres semanas e logo o goberno anunciou a suspensión do pago da débeda por cen mil millóns de dólares, a máis alta suspensión de pagos de débeda da historia. E sen pedir permiso ao FMI e aos acredores.

E o resultado?

A situación en Arxentina continuou sendo difícil en 2002 porque xa levaba 33 meses en recesión mais grazas ao non pago da débeda e a políticas sociais de aumento do gasto público, de aumento das axudas aos desempregados e ao seu movemento, o movemento piquetero, houbo unha situación de relanzamento da actividade económica, de modo que Arxentina desde 2003 até hoxe en día rexistra un 8% anual de crecemento económico, sen emitir débedas nos mercados financeiros... É unha política diferente, non vou dicir revolucionaria nin para a min é un modelo, mais demostra polo menos que un país pode romper con esa lóxica dominante e ter éxito económico e social.

Deberían seguir países como Grecia, Portugal ou España eses exemplos?

Para o min si, o Estado español tería que evitar, custar o que custar, as condicións impostas pola troika (en alusión á UE, o FMI e ao Banco Central Europeo), implementar outras políticas, o que implica negarse a asumir débedas privadas. España tiña unha débeda pública que chegaba ao 60% do Produto Interior Bruto, das débedas públicas máis baixas da UE cando Alemaña supera o 80%, España estaba cunha débeda pública controlada, bastante pequena, e agora xa ascende ao 82% do PIB por levar a cabo unha política ultraliberal e empezar a asumir o custo do rescate das grandes empresas inmobiliarias, de bancos e caixas de aforros.

Claro que era necesario protexer os depósitos dos aforradores, mais non socializando débedas privadas. Á súa pregunta de antes de se son optimista diríalle que non é ser optimista ou pesimista, senón que a única solución é unha mobilización cidadá, prolongando o movemento dos indignados do pasado ano, tomando as prazas e esixindo unha política que protexa os dereitos económicos e sociais da poboación. E se esa solución tarda teremos unha profundización da crise: ou unha solución que veña da mobilización cidadá ou a España espéranlle dez ou quince anos de crises.


Nenhum comentário: