11/04/2012

O Estado islandés declara unha amnistía hipotecaria

Nova tirada de aquí. O Estado islandés superará este 2012 a media de cremento da zona euro e da OCDE.



Os mesmos islandeses que arroxaron pedras ao Parlamento en 2009 esixindo responsabilidades aos seus líderes e banqueiros polo colapso económico do país están a recoller os beneficios da súa ira.

Desde finais de 2008, os bancos da illa perdoaron créditos equivalentes ao 13% do PIB do país, o que reduce a carga da débeda de máis dun cuarto da poboación, segundo un informe publicado este mes pola Asociación de Servizos Financeiros de Islandia recollido por Bloomberg.

"Islandia ten a marca mundial no alivio de débeda dos fogares", asegurou Lars Christensen, economista xefe de mercados emerxentes de Danske Bank.

Desde a quebra da banca islandesa en 2008 (por un total de 85.000 millóns de dólares) os pasos que seguiu a illa por renacer están a demostrar ser eficaces. A economía de Islandia superará este ano o crecemento medio da zona do euro e da OCDE. De feito, a maioría das enquisas revelan que os islandeses non queren unirse á UE.

 Un acordo entre o Goberno e os bancos, que están en grande parte controlados polo Estado após seren nacionalizados, fixo posíbel que aos islandeses se lles perdoen unhas débedas que superan o 110% do valor das súas vivendas.

Ademais diso, o Tribunal Supremo islandés declarou ilegais, en xuño de 2010, os préstamos que se atopan indexados a moedas estranxeiras, é dicir, as familias xa non teñen que cubrir as perdas da desvalorización da súa propia moeda.

"Sen esta axuda de emerxencia á débeda dos fogares, os propietarios de vivendas víronse enterrados baixo o peso dos seus créditos despois de que o cociente débeda/ingresos alcanzase o 240% en 2008" explica Thorolfur Matthiasson, profesor de economía na Universidade de Islandia en Reykjavik.

Nenhum comentário: