14/05/2013

O portugués debe ser lingua de estudo obrigatorio no ensino público

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) súmase á iniciativa lexislativa popular Valentín Paz Andrade, que procura o estreitamento das relacións entre Galicia e os países lusófonos e o aproveitamento da lingua portuguesa. O encargado de amosar este respaldo no pleno do Parlamento desta mañá foi o deputado Xabier Ron quen, entre outras consideracións, expresou a necesidade de que o portugués sexa lingua de estudo obrigatorio no ensino público. “Exactamente igual que o inglés e o francés”, puntualizou.
Ron non esqueceu o paradoxo “rechamante e triste” de que Galiza vaia por detrás de Extremadura na implantación do portugués na escola. “E tamén é rechamante que teñamos que reclamar a presenza do portugués na educación pública”, expuxo, “ao tempo que o facemos co galego debido ás políticas contrarias a el do Goberno de Núñez Feijóo”. O parlamentario de AGE esixiu, así, un vencello “máis fraterno” coa lingua portuguesa, porque “a lusofonía pode ser enriquecedora para Galicia e Galicia pode ser enriquecedora para a lusofonía, pero debe haber vontade política”.
Alternativa chamou, ademais, a interpretar a lusofonía “sen dogmatismos” e para iso prescribiu o respecto ás linguas minorizadas –“a nosa é unha lingua minorizada, sabemos o que é”- e a crítica ás consecuencias do imperialismo e do colonialismo. As cotras forzas políticas con representación na Cámara aceptaron a toma en consideración da ILP Valentín Paz Andrade.
Postar um comentário