29/07/2013

Fantasías. Resposta ao post de Žižek

Artigo de Noam Chomsky, traducido para A Revolta do texto de SinPermiso





Hai unhas semanas, preguntado de pasada no curso dunha entrevista oral polo famoso publicista esloveno Slavoj Žižek, Chomsky realizou unha sumaria declaración -transcrita e traducida para SinPermiso pola súa amiga Julie Wark- na que manifestaba a súa total falta de interese polo personaxe, a quen, dixo, non podía tomarse en serio. A celebridade eslovena replicou cunha das súas espásticas escenificacións habituais. Esta é a sumaria resposta de Chomsky.

Recibín unhas cantas peticións de comentario ao post “Slavoj Žižek Responds to Noam Chomsky: <I Don´t Know a Guy Who Was So Often Empirically Wrong>” (“Slavoj Žižek replica a Noam Chomsky: <Non coñezo a ningún gachó que metese tanto a pata empiricamente>”: http://www.openculture.com/2013/07/slavoj-zizek-responds-to-noam-chomsky.html).

Lino con certo interese, esperando aprender algo e, dado o título, descubrir algúns erros a corrixir. Hainos, nin que dicir ten, en practicamente calquera cousa que chegue á imprenta, mesmo nas monografías académicas técnicas, como pode apreciarse lendo as recensións que aparecen nas revistas especializadas. E cando os descubro ou se me informa da súa existencia, corrixo os erros.

Non neste caso, con todo. Žižek non atopa nada, literalmente nada, que sexa empiricamente erróneo. O que apenas pode sorprender. Calquera que presuma de atopar erros empíricos e sexa minimamente serio, terá que rematar achegando algunha que outra peza probatoria: citas, referencias, algo. Pero nada hai diso, o que tampouco me sorprende. Xa me tiña tropezado con algunhas mostras do concepto zizekiano de feito empírico e de argumento razoado.

Por exemplo, no número de inverno de 2008 da revista cultural alemá Lettre International, Žižek atribuíame a min un comentario racista que sobre Obama fixera Silvio Berlusconi. Ignoreino. Calquera que ande a mal traer coa ortodoxia ideolóxica está afeito a ese tipo de trato. Con todo, un editor da revista Harper, Sam Stark, interesouse no asunto, e seguiuno. No número de xaneiro de 2009 publicou o resultado das súas pescudas. Žižek dicía que baseaba a atribución á miña persoa en algo que lera nunha revista eslovena. Marabillosa fonte, se é que existe. Con todo e con iso -proseguía tan xactancioso-, atribuírme a min un comentario racista sobre Obama non era unha crítica, porque eu faría esas observacións como “unha caracterización enteiramente admisible na nosa loita política e ideolóxica”. Deixo a outros a descodificación diso. Cando o xornalista/activista esloveno Igor Vidman lle preguntou respecto diso, Žižek respondeulle que xa discutira o asunto por teléfono comigo e que eu estaba dacordo con el: http://www.vest.si/2009/01/31/zizkov-kulturni-boj/. Pura fantasía.

Non é o único caso. E agora, en efecto, os seus comentarios veñen fornecernos un bo exemplo das súas prácticas. De acordo con el, eu sosteño “que non necesitamos ningunha crítica da ideoloxía”, é dicir, que non necesitamos aquilo ao que eu vin dedicando enormes esforzos durante moitos anos. As súas probas? Ouviríallo dicir a alguén que falaría comigo. Pura fantasía, de novo, e outro indicio do seu concepto de feito empírico e discusión racional.

Non podía eu, así pois, esperar gran cousa.

O único exemplo de Žižek é este: “Lémbrome de cando [Chomsky] defendía esta manifestación dos Xemeres Vermellos. E escribiu uns cantos textos dicindo: “Non, iso é propaganda occidental. Os Xemeres Vermellos non son tan terríbeis”. E cando logo se viu obrigado a admitir que os Xemeres Vermellos non eran os tipos máis amábeis do Universo, etc. etc., a súa defensa resultoume bastante chocante: “Non, cos feitos de que dispuñamos nese momento, eu levaba razón. Daquela non sabiamos aínda o suficiente, ben … xa sabe”. Pero eu rexeito totalmente esta forma de razoamento”.

Vaiamos aos feitos empíricos que Žižek atopa tan aburridos.

Žižek non cita nada, pero refírese presumibelmente a un traballo meu dos 70, coescrito con Edward Herman (Political Economy of Human Rights [Economía política dos dereitos humanos]), así como A Manufacturing Consent [A produción de consenso], onde, unha década despois, repasabamos feitos e respondiamos ao tipo de obxeccións e críticas que aparentemente ten en mente Žižek. En PEHR elaboraramos con moitas ilustracións a distinción de Herman entre vítimas dignas e indignas. As vítimas dignas son aquelas cuxo destino pode atribuírse a algún inimigo oficial; indignas son as vítimas do noso propio estado e dos crimes deste. Os dous primeiros exemplos nos que nos centrabamos eran a Cambodja baixo os Xemeres Vermellos e a invasión indonesia do Timor Oriental pola mesma época. Dedicábase un longo capítulo a cada caso. Son exemplos moi elocuentes: atrocidades comparábeis, na mesma rexión, no mesmo momento. As vítimas dos Xemeres Vermellos son “vítimas dignas”, cuxo destino ha atribuírse a un inimigo. Os timorenses son “vítimas indignas”, porque nós somos os responsábeis do seu destino: a invasión indonesia foi aprobada por Washington e plenamente apoiada logo, até nas súas peores atrocidades, as cales, aínda que cualificadas logo por unha investigación posterior da ONU como “xenocidas”, estaban xa amplamente documentadas nese momento. Nós mostrabamos que subxacía en ambos os casos unha mentira de tan extraordinaria escala, que impresionaría ao mesmísimo Stalin. Pero de direccións opostas: no caso dos Xemeres Vermellos, unha enorme falsificación de supostos crimes, incluíndo a reconfiguración das acusacións tras demostrarse falsas, e a intencionada ignorancia das probas máis críbeis, etc. No caso do TO, en cambio, silencio, polo xeral, ou negación da evidencia.

Os dous casos son distintos, hai que dicilo. O caso do TO é incomparabelmente máis significativo, porque podería poñerse facilmente fin ás atrocidades, como se fixo finalmente en setembro de 1999, simplemente cunha indicación de Washington de que o xogo terminara. En cambio, ninguén tiña unha proposta sobre o que podía facerse para pór fin ás atrocidades dos Xemeres Vermellos. E cando unha invasión vietnamita terminou con elas en 1979, os vietnamitas foron duramente condenados polo noso goberno e os nosos medios de comunicación. E castigados por iso: os EEUU empezaron de inmediato a apoiar diplomática e militarmente aos Xemeres. Chegados a ese punto, cesaron practicamente os comentarios: os cambodjanos convertéronse en vítimas indignas, atacadas polas seus torturadores Xemeres sostidos por Washington. Analogamente, foran vítimas indignas antes da toma do poder polos Xemeres en 1975, porque padeceron o asalto dos EEUU no bombardeo máis intenso da historia -equivalente a todo o bombardeo aliado no teatro bélico do Pacífico durante a II Guerra Mundial- dirixido contra unha indefensa sociedade rural seguindo ordes transmitidas por Henry Kissinger: “a todo o que voe, a todo o que se mova”. Nembargantes, pouco se dixo sobre o seu miserábel destino daquela, e até o día de hoxe.

Os especialistas en Cambodja sosteñen que houbo máis investigación do período entre abril de 1975 e 1978 que do resto de toda a súa historia. Nada sorprendente, dada a utilidade ideolóxica do sufrimento das vítimas dignas, outro dos asuntos sobre os que reflexionabamos.

Neses libros e noutros logramos reunir unha ampla documentación que mostraba como bastante normal a pauta seguida: a Cambodja baixo os Xemeres Vermellos (pero -repárese ben nese feito crucial- antes, non logo) e o TO resultaban casos paradigmáticos e particularmente espectaculares. Mostrabamos tamén que esa pauta resulta imperceptíbel: dabamos moitos exemplos e ofreciamos a obvia explicación.

O que escribimos sobre o caso, máis importante, do TO, entón e desde entón, foi practicamente ignorado. O mesmo pode dicirse do que nós e outros escribimos sobre Cambodja nos momentos en que eran vítimas indignas, sometidas a ataques estadounidenses. En cambio, creouse toda unha industria, plena de histeria, empeñada en descubrir erros no noso repaso dos feitos desenvolvidos na Cambodja baixo os Xemeres e no noso tratamento deses feitos. Hai que dicir que, até a data, sen éxito. Estou seguro de que falo tamén en nome de Ed Herman se digo que estamos orgullosos da recente reedición dese vello texto, xunto co traballo, moito máis importante, sobre as vítimas indignas, do mesmo xeito que nos sentimos felices de revisar os feitos e de responder á tormenta de críticas unha década despois.

Non é demasiado sorprendente que non se descubriran erros. Porque fixemos pouco máis que pasar revista ao que estaba publicado, deixando moi claro -conforme á cita dun dos comentaristas sobre Žižek- que “o noso principal cometido aquí non é o de establecer os feitos en relación coa Indochina de posguerra, senón máis ben o de investigar a refracción sufrida por eses feitos ao pasar polo prisma da ideoloxía occidental, unha labor moi distinta”; e moito máis sinxela, todo hai que dicilo. Escribimos daquela que non podiamos saber cales eran os feitos reais, pero suxeriamos aos comentaristas que se ativesen á verdade e prestasen atención ao rexistro documental e aos observadores máis cualificados, en particular ás conclusións que citabamos procedentes da intelixencia do Departamento de Estado, recoñecida como a fonte máis informativa. Ademais, o capítulo foi coidadosamente lido por académicos de primeiro nivel especialistas en Cambodja, antes de ser dado a imprenta. De modo que a falta de erros non é unha gran sorpresa.

Moito máis interesante resulta o feito de que aqueles que nos nosos días se atopan totalmente atrapados pola propaganda occidental adhírense relixiosamente á doutrina prescrita: espaventos de gran indignación respecto dos anos dos Xemeres e ao noso escrutinio feito a conciencia da información dispoñíbel e da torrentada falsificadora; e silencio sobre os casos moito máis significativos do TO e da Camboia sometida aos ataques dos EEUU, antes e despois dos anos dos Xemeres. Os comentarios de Žižek constitúen un caso paradigmático diso.

Como o lector pode facilmente comprobar, Žižek non ofrece nin un adarme de proba para soster as súas acusacións; limítase simplemente a repetir o que probabelmente escoitou (ou seica leu nalgunha revista eslovena …). Non menos interesante é que lle resulte chocante que nos servísemos dos datos accesíbeis. El “rexeita totalmente” ese proceder. Non é necesario comentar unha observación que abona a mala reputación da irracionalidade.

O resto dos comentarios de Žižek non gardan a menor relación con nada que eu dixese ou escribise, de modo que podo ignoralos.

Queda a cuestión de por que este tipo de valeiras escenificacións se toman en serio. Pero deixareina tamén de lado.  


Postar um comentário