08/03/2010

Sexamos feministas: rachemos coa lóxica da dominación

Paula Vázquez Verao


O movemento feminista, os feminismos, é radical por definición, cuestiona as bases dunha civilización que, como dixo Engels, supuxo a "derrota histórica universal do sexo feminino"; busca redefinir o mundo, detectar esa ideoloxía patriarcal presente en todo, esa opresión que todas sentimos algunha vez. É unha revolución.

Indo ao cerne da cuestión, ¿cales son esas bases da sociedade que os feminismos queren escachar?

Na historia humana, a subordinación da muller aparece avanzado o Neolítico, cando a natureza deixa de ser a gran nai dadora de vida e pasa a considerarse terreo perigoso que o home pode, e debe, dominar; cando aparece a sociedade urbana, de explotadores e explotad@s, no Próximo Oriente Antigo, e se desenvolven os primeiros imperios. Así, a subordinación da muller ao home vén da man do triunfo da lóxica da dominación. O dominio, o poder, a propiedade, o matrimonio, a escravitude... Ser feminista, por tanto, é algo máis que reclamar a igualdade de mulleres e homes, que non é pouco: ser feminista é, irrenunciabelmente, tratar de eliminar todas as opresións por razón de sexo, nación, clase... En fin: construír unha nova civilización. E ese cambio colectivo só ha de darse cun cambio persoal, como acertadamente reclamou o feminismo dende os anos 70.
¿Fixemos esa transformación persoal nas organizacións políticas que nos dicimos, precisamente, transformadoras?

Sen menosprezar a importancia dos cambios legais, estatutarios, encamiñados a fomentar a participación política das mulleres e facelas visíbeis, coma as listas paritarias nos procesos organizativos e electorais, unha forza política que di asumir a loita feminista sería aquela que rexeitase de plano os valores patriarcais da lóxica da dominación, como son a confrontación ata a derrota do adversario en lugar da búsqueda do consenso, a anulación do diferente polo mero feito de selo, a utilización de distintos raseiros á hora de valorar o traballo político de homes ou mulleres, a uniformización das mulleres ou o menosprezo por aquelas que, coma compañeiros masculinos, teñen un traballo creativo e orixinal.
É nese cambio persoal, e, xa que logo, colectivo, onde temos moito treito por andar. Se estamos de acordo en que a loita feminista non remata aínda que se acade a igualdade legal sobre o papel nun Estado (pensemos en Suecia, por exemplo, onde seguen a morrer ducias de mulleres cada ano vítimas da violencia machista), ¿por que nos conformamos na política cos legalismos e non acometemos decididamente no noso xeito de actuar ese cambio radical que o feminismo preconiza, esa revolución aínda pendente?

Concretando algo máis, propoñemos dende o EI as seguintes cuestións a debater polo nacionalismo galego no eido do feminismo, froito das reflexións da Rolda de Rebeldía:


- unha formación feminista da militancia, xa que é fundamental a educación, a toma de conciencia da dominación, para a liberación das mulleres, para a construcción do "home novo e a muller nova" que dende o EI preconizamos.

- aumentar a militancia feminina, que está en relación coa celebración das reunións políticas nun horario que permita acudir "ás persoas que non teñen a opción de ser suxeitos políticos activos" [1], moitas delas mulleres, que alén do traballo remunerado seguen a levar maioritariamente o peso das tarefas domésticas.


- os problemas das mulleres migrantes na Galiza e o racismo-machismo que sofren, así coma tomar en maior consideración a proximidade a nós da trata de persoas (¿cantas mozas pobres estarán a ser escravizadas nos innumerabéis clubes que salpican as marxes das nosas estradas?).

- a participación dos homes no feminismo.
Como escribía Nanina Santos Castroviejo [2] en Andaina:

“Somos capaces de ver que o exclusivismo feminista tivo algunhas vantaxes pero tivo tamén problemas nada pequenos:
- Ao sinalar moi xustamente, aínda que non sempre de modo matizado, aos homes como beneficiarios deu pé a que nalgúns casos se lles considerase «inimigos».

- As cousas de mulleres só competen ás mulleres, botando fóra os varóns, obstaculizando a súa posibilidade de participación e cambio.

- Absolveunos de dar batallas pola igualdade en tódolos ámbitos: laboral, doméstico, político, etc. porque a eles non lles competía.

- Fixo perder perspectiva e ás veces despistounos no laberíntico mundo de aliados, beneficiarios, inimigos e amigos.

É verdade que ese exclusivismo deu moita forza, entusiasmo e sentido de pertenza, sobre todo ás líderes do movemento feminista nos seus primeiros anos para se sentir fortes, arroupadas, seguras... cuestións desde logo nada desprezables e que foron útiles para aquel empurre dos primeiros anos, aquela especie de “vínculo de sangue”.

Non creo que ninguén continúe mantendo a idea de que a transformación da sociedade nun senso feminista sexa exclusivamente cousa de mulleres e que hai moitos homes que queren participar e contribuír cos seus esforzos. Ademais, se ben é certo que non se poderá facer sen as mulleres, tampouco se poderá facer sen os homes.
 
No EI acreditamos en que a Asamblea de Mulleres de Galiza Nova debe permitir a participación daqueles mozos que o desexen, sen por isto deixar de recoñecer a importancia dun espazo de reflexión para as mozas; iso si, debe ser un espazo vivo e conceder unha importancia fulcral á formación. Neste eido resaltamos a laboura da Asamblea Aberta de Feminismo de Ourense e recoñecemos o enorme traballo feminista de compañeiras de militancia que tivo reflexo nas recentes xornadas Destruíndo o Xénero, abolindo o patriarcado de Galiza Nova Compostela, así como o último voceiro nacional da Asamblea de Mulleres ou a interesante iniciativa da área de Muller do BNG de Lugo-Sul: mulleresentresileminho.blogspot.com
 
Hoxe cómpre estar unid@s fronte á ofensiva privatizadora, españolista e antifeminista do goberno do PP, mais que iso non signifique adiar, coma sempre, o debate e as reflexións profundas, radicais, coma os feminismos, porque, como dixo Goretti Sanmartín na Rolda de Rebeldía, nas axendas das forzas políticas "nunca é o momento".
8 - marzo - 2010

[1] - Acceder á reflexión de Goretti Sanmartín para a RdR e á súa intervención na xornada do 30 de xaneiro aquí.
[2] - Santos Castroviejo, Nanina; “Algunhas preocupacións encol do feminismo”. Andaina, nº 35. Acceder aquí.

Nenhum comentário: