De cara a esta terceira asemblea dende o Encontro Irmandiño queren abrir un proceso comarcal aberto no que poidan participar activamente todas as persoas que o desexen e que culmine no mes de xullo cunha gran xornada nacional de debate onde teñan voz tanto militantes como simpatizantes. Para Beiras é vital un proceso moi aberto para deseñar novas liñas de acción política.
Para o ex voceiro nacional do BNG a base social do nacionalismo está desencantada co momento político que se vive: "A xente está ou moi vencida, ou moi desesperanzada ou con moita carraxe", sentenzou. Fronte a isto, volveu dar a mesma receita: que se “retome a interrelación” cos movementos sociais algo que ao seu xuízo é imprescindíbel para "reosixenar o nacionalismo". A este respecto, Beiras sinalou que "levabamos tempo avisando no BNG que non se podía perder o contacto cos movementos sociais".
Dende o Encontro Irmandiño volveron subliñar a necesidade de que o Bloque convoque unha asemblea ordinaria, algo que non se fai dende 2006 (a de 2009 foi extraordinaria) a pesar de que os estatutos establecen un período máximo entre cónclaves de tres anos: "Se a organización non cumpre as súas propias normas, mal imos".
Beiras, que na conferencia de prensa en Compostela estivo acompañado por Mario López Rico, sostivo que a vindeira asemblea nacional do Encontro Irmadiño é un paso máis no diálogo cos colectivos sociais que iniciaron o ano pasado e que culminou, como explicou, na chamada Rolda da Rebeldía celebrada na capital de Galiza a finais de xaneiro.
"Hai un proceso brutal de recolonización do país. Que está a facer o BNG?"
Na quenda de preguntas Beiras arremeteu contra o goberno autonómico ao que tildou de "reaccionario" e de estar a facer "un proceso brutal de recolonización do país. Que está a facer o Bloque fronte a isto? O BNG ten un despiste monumental e perdeu o norte que non é outro que o proceso de emancipación nacional e social".
Con respecto á elaboración de listas de cara ás vindeiras eleccións municipais, Beiras asegurou que "nós non imos entrar nunha competición por listas". E acto seguido demandou que as mesmas plasmen a pluralidade interna e que se fagan cun principio de capacidade dos candidatos e "non por pertencer a lobbies".
Fusión das caixas e voto emigrante
Beiras reiterou as súas reservas a un proceso de fusión de caixas e lembrou a destrución de emprego que levará aparellada. Á vez, censurou a un "aparato político convertido en espectador mudo sen dereito a falar do que están a negociar as direccións das caixas. Non se pode estar de convidado de pedra en xeral e xa non digamos o presidente. A oposición non existe, isto é o deserto".
En canto ao voto emigrante, o dirixente nacionalista asegurou que o problema non é a participación dos residentes no exterior senón a "farsa absoluta" e o "pucheirazo" que se dá no proceso. Para Beiras isto correxiríase facilmente coa obrigatoriedade do voto en urna nos consulados.
http://www.encontroirmandinho.org/
Nenhum comentário:
Postar um comentário