22/04/2010

Por que non banca pública?

Por Vicenç Navarro (artigo tirado de aqui). O artigo original em castelhano pode-se consultar aqui.

A nacionalización da banca ou a creación dunha banca pública é un dos grandes tabús, dos moitos que hai na cultura política e mediática do país, que debería desaparecer para permitir un auténtico debate sobre a situación bancaria en no Estado español...

Unha nova que seguro que vostede non lería nos maiores medios de información do país é a do movemento que está ocorrendo no EEUU (centro da crise financeira), que goza de gran apoio popular, que propón a creación de bancas públicas, tanto a nivel estatal como federal. En parte, iso débese ao enorme descrédito que a banca privada ten naquel país.

Segundo as últimas enquisas, os bancos están entre as institucións menos valoradas na sociedade estadounidense. A pesar das enormes cantidades de fondos públicos que os bancos recibiron, aínda hoxe é difícil para as pequenas e medianas empresas, así como para a maioría da cidadanía, conseguir crédito bancario. En lugar de utilizar os fondos públicos para cumprir esta función social (o ofrecemento de crédito), os grandes bancos utilizaron tales fondos para continuar cos seus comportamentos especulativos (que causaron a crise financeira) e para incrementar aínda máis os salarios e bonos dos seus directivos. Como consecuencia, a hostilidade da poboación cara aos bancos acentuouse aínda máis.

Pero a outra razón de que haxa un número crecente de representantes políticos que, presionados pola opinión popular, estean propondo crear unha banca pública é a experiencia positiva da banca pública naqueles estados que teñen bancos estatais públicos. Deles o máis coñecido é o Banco Estatal do estado de North Dakota, fundado hai noventa e un anos, cun capital inicial baseado nos impostos e taxas estatais que continúan sendo a fonte principal daquel banco.

Segundo as súas regras internas, tal banco estatal ten prohibido realizar investimentos en actividades especulativas, esixíndoselle, ademais, que invista no propio estado de North Dakota. Foi un dos bancos máis solventes e menos afectados pola crise financeira que sofre o país. E tamén un dos poucos bancos que preveu a burbulla inmobiliaria, evitando as hipotecas lixo (subprime mortgages) na súa práctica bancaria. Tal como escribe Ellen Brown no seu libro ‘Web of Debt’, tal banco público é responsábel de que aquel Estado non sufra a escaseza de crédito que sufriron a maioría de estados en EEUU.

Iso explica que moitos outros estados están pensando en constituír bancos públicos similares. Apareceu, así, unha vaga de propostas nos parlamentos estatais de varios estados (Vermont, Virginia, Michigan, Washington State), que propón o establecemento de bancos estatais públicos. Todas estás propostas responden ao cansazo da poboación cara ao sistema bancario actual e a utilización de fondos públicos para salvalo. Reproducindo o mesmo enfado xeral, varios parlamentos estatais prohibiron que os fondos do estado se invistan en bancos de investimento (Investments Banks) que conseguen os seus beneficios a base de investimentos especulativos que poñen en risco os fondos públicos.

E outro dato importante, que tampouco lería nos maiores medios de información e persuasión españois é que se empezan a escoitar voces en EEUU que están pedindo tamén que se estableza un banco público, voces que están atopando unha gran receptividade na rúa, e mesmo nalgúns sectores do Congreso (que non foron captados aínda polos lobbies da Banca).

Entre estas voces está a do Premio Nobel de Economía, Joseph Stiglitz, que nun artigo recente na revista The Nation indicaba que os 700.000 millóns de dólares que se gastaron para axudar a banca, deberían terse utilizado en establecer unha banca pública, evitando así que EEUU tivese o enorme problema de crédito que ten hoxe. Segundo Joseph Stiglitz este diñeiro podería supor a creación dun Banco Público, a partir do cal podería terse alcanzado unha actividade crediticia de 7.000 billóns de dólares (seguindo o criterio de seguridade de 1 a 10, mesmo máis conservador que o de 1 a 30 que foi a práctica bancaria xeneralizada). Tal cantidade significa unha capacidade moito maior que a que hoxe necesita o país. Concluía Stiglitz, no seu artigo, que a axuda á banca non fora, en realidade, unha medida para facilitar o crédito, senón unha intervención pública co obxectivo primordial de salvar os banqueiros e os accionistas.

Estas novas que vostede non lería nos maiores medios de información e persuasión españois son moi relevantes para o Estado español tamén, pois a mesma pregunta debería facerse no noso país. Por que o goberno español investiu tanto diñeiro en salvar a banca, con tan poucos resultados en facilitar o crédito? A poboación, así como os medianos e pequenos empresarios (os empresarios que crean máis emprego no sector privado no Estado español), teñen enormes dificultades en conseguir crédito e iso a pesar de que o goberno investiu enormes cantidades en axuda aos bancos. Sería unha medida moito máis eficaz e equitativa se o Estado español (co diñeiro investido en axudar os banqueiros e os seus accionistas) crease un banco público, tal como, cónstame, o Sr. Stiglitz suxeriu ás autoridades españolas sen que, polo visto, tivese ningunha resposta.

E o feito de que non o fixesen é, unha vez máis, consecuencia do gran poder da banca no Estado español (o poder fáctico de maior forza no noso país), liderado polo Banco de España, cuxo gobernador (nomeado polo goberno socialista) é o máximo expoñente do pensamento liberal, pensamento que causou a enorme crise actual, e aínda hoxe domina a cultura económica do país. A nacionalización da banca ou a creación dunha banca pública é un dos grandes tabús, dos moitos que hai na cultura política e mediática do país, que debería desaparecer para permitir un auténtico debate sobre a situación bancaria en no Estado español, que, en contra do que promove a sabedoría convencional no país, necesita realizar cambios moi substanciais nos seus sistemas de propiedade, de goberno e de funcións.

Nenhum comentário: