Hungría, que ostentará por seis meses a presidencia da UE a partir do primeiro de xaneiro, sofre intensamente as consecuencias dunha crise financeira que non remata. A pesar de non estar tan afastada dos obxectivos de Maastricht en materia de déficit –3,8 en 2008–, converteuse no primeiro país da UE en obter o apoio financeiro da troika FMI, UE e Banco Mundial.
En outubro de 2008, adóptase para Hungría un plan de 20.000 millóns de euros: 12.300 millóns son prestados polo FMI; 6.500 pola UE, e 1.000 polo Banco Mundial. O valor da débeda medra mecanicamente. Ademais da perda irrecuperábel de eficiencia polo pago dos intereses que engorda o déficit, as condicións son severas para a poboación: aumento do IVE en 5 puntos, hoxe día ao 25%; idade legal de xubilación elevada aos 65 anos; conxelación dos salarios dos funcionarios por dous anos; supresión da paga extra aos xubilados; diminución da axuda pública á agricultura e os transportes públicos…
A extrema dereita entra no Parlamento
Hungría, previamente gobernada polos socialdemócratas, conseguira salvagardar un sistema social relativamente proteccionista, pero a aplicación das medidas de austeridade inducidas polo FMI, desagradou á cidadanía e beneficiou á dereita conservadora, que gañou as eleccións lexislativas de abril de 2010. E iso a pesar de que a vitoria do novo primeiro ministro conservador, Viktor Orban, foi axiña saudada pola axencia de cualificación de risco Fitch Ratings que estima que o seu partido, o FIDESZ, que obtivo a maioría necesaria para modificar a Constitución, “representa unha oportunidade para introducir reformas estruturais”.
Os socialdemócratas coñeceron así unha derrota histórica e abriron o camiño á extrema dereita (JOBBIK) que entrou no Parlamento por primeira vez cunha porcentaxe do 16,6%.
En chegando á xefatura do estado, o goberno lanza declaracións alarmistas sobre a situación financeira do país acusando de subestimación da débeda polo executivo anterior, que levaría o déficit real ao 7,5 do PIB, bastante máis que o 3,8 calculado polo FMI. Golpe de efecto ou falsificación das contas? Ao día seguinte, 5 de xuño de 2010, unha onda de pánico provoca a baixada das bolsas de Londres, París, Budapest… e o euro depréciase polo temor de dificultades semellantes ás de Grecia. O goberno baixo presión tenta entón sobreporse e multiplica os comunicados para acougar, ben que mal, aos desatados especuladores.
Taxar o capital ou o traballo?
Para reducir o déficit ao 3,8 do PIB en 2010 como lle reclama o FMI e a UE, o goberno prepara a instauración dunha taxa temporal sobre o conxunto do sector financeiro, que permitiría recadar un 0,45 do activo neto dos bancos –calculado non sobre os beneficios, senón sobre o montante global dos negocios– de taxar un 5,25% os ingresos das compañías de seguros e un 5,6% para as outras entidades financeiras –bolsa, axentes financeiros, xerentes de fondos de investimento... Hungría eleva así a aposta de Obama que abordou unha taxa de só 0,15% aos bancos. Pero esta medida que debería achegar ao redor de 650 millóns de euros de recadación anual durante dous anos –en 2010 e 2011–, é dicir, ao redor de 0,8% do PIB segundo o goberno, non gustou aos bancos, que están a presionar e ameazan con retirar os seus investimentos en Hungría. En canto ao FMI, paralizou toda negociación e ameaza con pechar a billa de crédito acordado en 2008. Aínda así, o plan que debía inicialmente expirar en marzo foi prolongado até outubro do mesmo ano.
Queda evidenciado así que o proxecto da taxa sobre o sector financeiro, verdadeira mazá da discordia entre o FMI e Hungría, bloquea a continuación do préstamo. O FMI estima que o país debe tomar medidas de adecuación co dogma neoliberal en curso: enténdase por este o taxar aos pobres antes de taxar aos bancos: certamente, os pobres teñen pouco diñeiro pero hai moitos pobres… Non advertirían vostedes o cinismo de tal proposta?
Ademais, o proxecto de pór teito ás remuneracións na función pública, incluíndo o salario do gobernador do Banco Central, está totalmente nas antípodas das recomendacións do FMI, que prefire unha nivelación polo baixo, reducindo ou conxelando os salarios como en Grecia ou Romenia por exemplo. Alerta de non facerse ilusións por todo isto, vindo dun partido no poder que xa favorecera a penetración do neoliberalismo nos anos 90?
“Está ben a taxa bancaria, ben a austeridade”
Christoph Rosenberg, que dirixía a delegación do FMI en Hungría, indicou que a organización internacional desexaba obter máis precisións sobre o orzamento do ano próximo; “Cando volvamos a próxima vez, a menos que o fagamos a semana próxima, o goberno terá loxicamente avanzado sobre o orzamento do 2011 e este será moi importante”, dixo.Unha vez máis o FMI apréstase a revisar a proposta do goberno e intervir directamente na elaboración do orzamento húngaro en detrimento de toda soberanía. Mentres espera, o FMI estima que o país terá que tomar “medidas suplementarias” de austeridade para alcanzar os obxectivos de déficit que el mesmo fixou. Pola súa banda, o ministro de Economía Gyorgy Matolcsy declara nunha entrevista: “dixemos que non podemos implementar novas medidas de rigor […] Hai cinco anos que aplicamos medidas de austeridade, por iso estamos como estamos.”
“Imos implementar a taxa bancaria, sabemos que é unha pesada carga suplementaria, pero tamén sabemos que podemos alcanzar un déficit do 3,8%”, “Está ben a taxa bancaria, ben a austeridade”, engadiu. A fin de protexerse dunha extrema dereita en plena ascensión nas vindeiras eleccións municipais de principio de outubro, a dereita conservadora no poder quere evitar medidas demasiado impopulares e rexeita toda continuación de negociación co FMI.
Ruptura consumada entre Hungría e o FMI?
O 17 de xullo o FMI suspende a negociación e consecuentemente o desembolso de máis cantidades sobre o préstamo acordado. Nun primeiro momento, a sanción dos mercados non se fixo esperar e a moeda nacional, o florín, retrocedía ao redor do 2,4% á apertura, mentres que a Bolsa perdía máis dun 4%. O primeiro ministro, Viktor Orban, toma a iniciativa e consegue acougar as especulacións agradecendo ao FMI a súa “axuda de tres anos”, indicando que “o acordo sobre o préstamo expiraba en outubro, e que xa que logo non había nada que suspender”. “Os bancos están na orixe da crise mundial, é normal que contribúan ao restablecemento da situación”, sinalou.
A nova lei sobre a taxa financeira que prevé ademais unha redución do imposto sobre as pequenas e medianas empresas (PME) do 16 ao 10%, foi aprobada a man alzada –301 votos a favor e só 12 en contra– o 22 de xullo polo Parlamento dominado polo FIDESZ do señor Orban. Sen sorpresa, desde o día seguinte, as axencias de cualificación financeira Moody´s e Standard & Poor´s poñen baixo a vixilancia a cualificación da débeda soberana húngara cun posíbel descenso na escala. O papel destas axencias, xuíces e parte dun sistema especulativo mortífero, precísase en pouco tempo: mellora a nota co ascenso ao poder dun goberno conservador créndoo na vía da austeridade capitalista, e cando se decata de que as medidas toman un camiño diverxente do dogma neoliberal, apresúrase a baixala.
O xornal “Le Monde” defende os acredores
Contrariamente ao dito polo diario “Le Monde” – na súa edición do 20 de xullo, hai que apoiar a insumisión exhibida polo goberno húngaro cara ao FMI e defender a idea de que faga o mesmo co seu outro acredor, a UE. Distanciarse dos seus acredores non constitúe en absoluto un insulto cara ao pobo húngaro, que deberá finalmente reembolsar unha débeda cuxas condiciones impostas polo FMI e a UE, son xa unha pesada carga para a poboación.
Evidentemente, hai que ir máis aló dunha simple ruptura diplomática propondo por exemplo unha fronte de países unidos contra o pagamento da débeda, pois como tan ben dixo Sankara, antigo presidente de Burkina Faso, algúns meses antes de ser asasinado: “A débeda non pode ser pagada porque en primeiro lugar se non pagamos, os nosos fiadores non morrerán. Esteamos seguros. Pola contra se pagamos, seremos nós os que morreremos. Esteamos seguros igualmente. (…) Se só Burkina Faso se nega a pagar a débeda, eu non estarei aquí na vindeira Conferencia. Pola contra, co apoio de todos, que necesito, (aplausos) co apoio de todos, poderemos evitar o pago. E evitando pagar poderemos consagrar os nosos magros recursos ao noso desenvolvemento.” Só unha mobilización popular reclamando a verdade do destino das sumas prestadas, á vez que a satisfacción das reivindicacións en termos de salario, emprego ou protección social, permitirá facer pagar o custo da crise aos verdadeiros responsábeis da mesma.
É por iso que é primordial para os pobos de Europa e o resto do mundo, o auditar as débedas manchadas de ilegalidades para repudiar o pago. É un primeiro paso cara á soberanía que permitiría enviar os enormes fondos dedicados á devolución da débeda ás verdadeiras necesidades das poboacións en materia de sanidade, educación ou pensións de xubilación, de salvagardar os seus servizos públicos máis que ofertalos ás empresas privadas
Um dos editores deste blogue tem também um artigo, de há já um tempo, que pode complementar a informaçom que este achega sobre a Hungria. O artigo intitulado "A nova atracçom de Eurolándia: a Hungria" pode consultar-se aqui.
Um comentário:
Génial artigo sobre as dimensons da crise e que nos deixa entrever moi bem o que pasará aqui... Só que aquí as instituçons e o Estado nom se revelaram aos especuladores mundiais que tenhem já fai tempo usurpada toda a soberania. Som exemplo disto a reforma laboral dictada a ZP e que começará a aplicar-se pronto, a reforma das pensions que já começa a rondar os meios de comunicaçom para ir mentalizando a gente, etc. Aquí as instituçons nom se rebelaram e a populaçom tardará bastante em reaccionar mas é possível que o faga... O que preocupa é como vai ser...
Bo artigo.
Postar um comentário