A seguridade é unha arma de dobre fío. O presidente francés probou un dos seus lados cortantes co debate, a controversia e a onda de críticas que levantou a súa última incursión no campo da seguridade. Oposición, policías, asociacións de defensa dos dereitos humanos e voces do mesmo campo conservador saíron ao paso da última cruzada de Nicolas Sarkozy contra os ciganos. Baseándose nun curto cálculo de matemática electoral, o xefe do Estado francés activou un enésimo plan de loita contra a criminalidade dirixido especificamente cara aos ciganos romaneses. O eixo desa política, anunciada con bombos e pratos nos medios de comunicación, consistiu na evacuación dos campos de ciganos e a posterior expulsión destes aos seus países de orixe, sexa Rumania ou Bulgaria. Pero o cálculo restou números no canto de sumar beneficios e Sarkozy chocou contra unha fronte de impugnacións que van desde as Nacións Unidas, Amnistía Internacional, a Federación Internacional de Dereitos Humanos, a oposición de esquerda, o seu propio partido, a Igrexa francesa e até o mesmo papa Bieito XVI. O máis relevante deste dispositivo é que encerra en si mesmo unha contradición: as persoas deportadas, romaneses e búlgaros, son europeos, oriúndos de dous países da Unión Europea. A súa expulsión supón, ademais, un xiro inquietante nun país cuxa tradición de solidariedade e de igualitarismo influenciaron no resto das nacións do Vello Continente.
Este martes, a axencia do Consello de Europa contra a Intolerancia expresou a súa "decepción ante unha evolución particularmente negativa" da política francesa. O domingo pasado, Christophe Dufour, arcebispo da localidade de Aix en Provence e testemuña impotente da evacuación dun dos 90 campos de ciganos que as autoridades levaron a cabo nas últimas semanas, denunciou o "lamentábel" discurso político que se articulou en torno dos ciganos. Dufour xulgou que a linguaxe pode dar a entender que "existen poboacións inferiores". Cunha toma de posición menos ambigua, na cidade de Lile –norte de Francia– o padre Arthur remitiulle ao primeiro ministro francés, François Fillon, a medalla do mérito cunha carta na que dicía que ía "até a rezar para que Sarkozy teña un ataque ao corazón?" A papeleta presidencial completouna o Papa. Nun encontro con peregrinos franceses, Bieito XVI resaltou a necesidade "de saber acoller ás lexítimas diversidades humanas". O fío seguiu desgarrando as vestiduras presidenciais. Nun clima xeral de dereitización do discurso político e de intolerancia oficial cara aos estranxeiros, o ex primeiro ministro conservador Jean Pierre Ra-ffarin fustigou a "deriva" dereitosa do partido presidencial, a UMP. Os ataques disparáronse agora desde todos os ángulos. Non faltou á cita o inimigo máis acérrimo de Nicolas Sarkozy, o ex primeiro ministro Dominique de Villepin, quen asegurou que as medidas contra os ciganos supoñen "unha mancha vergoñenta" na bandeira francesa.
A estigmatización dos estranxeiros foi unha liña directora do discurso presidencial. Entre leis contra o uso da burka –veo integral–, o debate sobre a identidade nacional e os minaretes, propostas para retirarlles a nacionalidade francesa aos estranxeiros naturalizados que cometan crimes contra as forzas de seguridade, loita contra a inmigración clandestina e unha incontábel listaxe de descoidos verbais, a cuestión do estranxeiro instalouse como un atranco á esencia francesa. Pero a campaña dirixida contra os ciganos desencadeou tamén unha ameaza de ruptura no seo da dereita. O carácter escandalosamente étnico do dispositivo contra a inseguridade aplícase a unha comunidade, os ciganos. Neste contexto, Christine Boutin, ex ministra do gabinete de Sarkozy e presidenta do Partido Cristián Demócrata, PCD, ameazou con deixar os rangos do partido presidencial UMP –o PCD está asociado a el– e evocou "unha creba" co movemento sarkozista. Onte, o primeiro ministro saíu do seu silencio. François Fillon resaltou a necesidade de "actuar con firmeza, continuidade e xustiza, sen laxismo nin exceso" á vez que chamou a non "instrumentalizar o combate contra a inmigración clandestina". A instrumentalización do estranxeiro e a súa responsabilidade na inseguridade é, con todo, responsabilidade exclusiva do presidente. Os fins electorais da medida non ocultan unha realidade cifrada: ao mesmo tempo que Sarkozy sae á area cun pau na man, o orzamento de 2011 prevé a supresión de 3100 postos de policía nos vindeiros tres anos. Haberá menos medios e homes para combater a delincuencia, pero a proximidade das eleccións e a persistencia dun electorado que parece vivir noutro planeta farán da delincuencia e os estranxeiros un prato fumarento que as urnas devorarán sen piedade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário