04/09/2010

O vello agoniza e o novo cústalle nacer

Leonardo Boff. Teólogo e filósofo brasileiro de prestígio internacional. Artigo tirado de aqui.

Entre os moitos problemas actuais, tres comparecen como os máis desafiadores: a grave crise social mundial, as mudanzas climáticas e a insustentabilidade do sistema-Terra.

A crise social mundial deriva directamente do modo de produción que aínda impera en todo o mundo, o capitalista. A súa dinámica leva a unha exacerbada acumulación de riqueza nunhas poucas de mans, á custa dunha asombrosa pillaxe da natureza e do empobrecemento das grandes maiorías dos pobos. Esta crise é crecente e os berros caninos dos famélicos e considerados "óleo queimado" non poden ser silenciados por máis tempo.

Este sistema debe ser denunciado como inhumano, cruel, sen piedade e hostil á vida. Ten unha tendencia suicida e se non é superado historicamente, poderá levar o sistema-vida a un gran impase e até ao exterminio da especie humana.

O segundo grave problema é constituido polas mudanzas climáticas que se revelan por eventos extremos: grandes fríos dun lado e prolongadas secas doutro. Estas mudanzas sinalan un dato irreversíbel: a Terra perdeu seu equilibrio e está a procurar un punto de estabilidade que se alcanzará subindo a súa temperatura. Até dous graos Celsius de aumento, o sistema-Terra é aínda administrável. Se non facemos o suficiente e o clima chega até os 4 graos Celsius –conforme advirten serios centros de investigación–, entón a vida así como a coñecemos non será máis posíbel. Haberá unha paisaxe sinistra: unha Terra devastada e cuberta de cadáveres.

Nunca a humanidade, como un todo, se enfrontou con semellante alternativa: ou mudar radicalmente ou aceptar a nosa destrución e a devastación da diversidade da vida. A Terra continuará, entregada ás bacterias, mais sen nós.

Importa entender que o problema non é a Terra. É nosa relación agresiva e non cooperativa para cos seus ritmos e dinámicas. Se cadra ao buscar un novo punto de equilibrio, ela se verá forzada a reducir a biosfera, implicando a eliminación de moitos seres vivos, non excluíndo seres humanos.

O terceiro problema é a insustentabilidade do sistema-Terra. Hoxe sabemos empiricamente que a Terra é un superorganismo vivo que harmoniza con sutileza e intelixencia todos os elementos necesarios para a vida a fin de continuamente producir ou reproducir vidas e garantir todo o que elas precisan para subsistir.

Acontece que a excesiva explotación dos seus recursos naturais, moitos renovábeis e outros non, fixo que ela non conseguise, cos seus propios mecanismos internos, autoreproducirse e autoregularse. A humanidade consome actualmente un 30% máis do que a Terra pode repor. Deste xeito ela non se torna máis sustentábel. Hai crecentes perdas de solos, de aire, de augas, de bosques, de especies vivas e da propia fertilidade humana. Cando van parar estas perdas? E se non parasen cal será o noso futuro?

Todo iso nos obriga a unha mudanza de paradigma civilizacional. Mudanza de civilización implica fundamentalmente un novo comezo, unha nova relación de sinerxía e de mutua pertenza entre a Terra e a humanidade, a vivencia de valores ligados ao capital espiritual como o coidado, o respecto, a colaboración, a solidariedade, a compaixón, a convivencia pacífica e unha abertura ás dimensións transcendentes que se refiren ao sentido terminal noso e do universo enteiro.

Sen unha espiritualidade, vale dicir, sen unha nova experiencia radical do Ser e sen un mergullo na Fonte originária de todos os seres de onde nace un novo horizonte de esperanza, certamente non conseguiremos facer unha travesía feliz.

Afrontamos un problema: o vello aínda persiste e ao novo cústalle nacer, para usar unha expresión de Antonio Gramsci.

Vivimos tempos urxentes. Son as urxencias as que nos fan pensar e son os perigos os que nos obrigan a crear arcas de Noé salvadoras. Estamos inconformados coa actual situación da Terra. Mesmo así cremos que está ao noso alcance construír un mundo do "ben vivir" en harmonía con todos os seres e coas enerxías da natureza e principalmente en cooperación con todos os seres humanos e nunha profunda reverencia para coa Nai Terra.

Nenhum comentário: