04/09/2010

Dúas esquerdas, unha alternativa

Manoel Santos. Biólogo, director e fundador de Altermundo, de onde tiramos este artigo.



Na imaxe asistentes à Asemblea de Lugo de 1918. Esta asemblea marca o devalo definitivo entre o Rexionalismo (aínda que Murguia xa defendia o carácter nacional da Galiza) e o Nacionalismo: "nós declaramos, de hoxe por sempre, nazonalistas galegos". Fonte: Vieiros.

Malia que existe moita xente que teima en afondar en infecundas rifas semánticas cando parolamos sobre a esquerda social e a esquerda política, rexeitando os termos por coidar, como así é, que a esquerda social tamén é política; penso que no seu significado máis simple –a esquerda que traballa inserida nas institucións e a que traballa a pé de rúa– a diferenza é ben acaída.
É máis, explica a principal razón pola que non conseguimos desenvolver unha alternativa a este sistema capitalista que está a esnaquizar o planeta e a humanidade: a falta de entendemento entre ambas.
Evidentemente non acontece o mesmo co polo oposto da arañeira política, social e económica que, xa a duras penas, sostén as nosas sociedades. A dereita, a pesar das diferentes visións e perspectivas ideolóxicas que abrangue, sempre permanece unida na batalla pola hexemonía social. Fica así exposto quen está destinado a perder a batalla. Ou a guerra ao completo.
No que vai de ano asistimos na Galiza a un bo número de debates de fondo sobre a situación catatónica que atravesa a esquerda, que paradoxalmente, no intre máis feble da hexemonía capitalista non só non é quen de reaccionar presentando ás masas sociais unha alternativa coherente e que ilusione, senón que persiste apampada fronte ó reforzamento da dereita en todos os ámbitos.
Lendo os textos da Rolda de Rebeldía apoiada polo Encontro Irmandiño, do "refundando a esquerda" de Esquerda Unida, das Xornadas Independentistas de Primeira Linha ou do debate sobre o "desasosego da esquerda social" organizado por Tempos Novos, por mencionar algúns, parece existir un consenso discursivo ao redor de que o divorcio entre a esquerda social e política explica a meirande parte do seu integral fracaso.
A lóxica invita a afirmar que, en resolvendo tal eiva, dariamos un paso de xigante para tratar de desenvolver unha alternativa. E falo de desenvolver no canto de buscar porque a dita alternativa xa existe. Na Galiza temos unha tea social -con perspectiva transformadora- miúda e mesmo atomizada de máis, é certo, mais ten a madureza dabondo para expor o modelo de sociedade que precisamos. E é esta esquerda social a responsábel de procurar a alternativa, mentres que a política só debe dar conta dela.
Non é difícil acadar consensos en materia de ecoloxía social ou de ecoloxía política e económica, porque non cabe dúbida de que a ecoloxía debe servir de prefixo a toda actividade social de futuro.
Tampouco ao redor do feminismo, da inmigración, do mundo labrego, da pesca, da dirección que debe tomar a actividade industrial, do desenvolvemento enerxético, das infraestruturas, dos coidados... Existen na esquerda social diferenzas insalvábeis nestes eidos? Abofé que non.
Daquela, porque non xorde, ou non se manifesta, a esquerda política necesaria para dar conta desa alternativa? Se cadra debemos comezar por explicar claramente que outra Galiza, que outro mundo, queremos. Sobre o papel. E despois argallar a estrutura política que faga dese papel a súa biblia.

Nenhum comentário: