Imponse a evidencia dun cambio de ciclo político que ten como síntoma salientábel o esgotamento da esquerda, da gobernante, da opositora e da alternativa. Paradoxalmente, o caudal electoral da vaga conservadora medra cando é máis intensa a crise desatada polo crash do capitalismo de casino que tanto glorificou a nova e a vella dereita.
A reacción primaria da esquerda é apelar ao resistencialismo militante. Valla como divisa a arenga de Felipe González: «Cando as cousas van mal, militancia pura e dura».
O resistencialismo militante é unha fráxil freixa fronte ao devalo abstencionista que drena o espazo progresista. Non o é porque a perda de simpatía das organizacións de esquerda comeza a ser expresa non só entre os cidadáns-electores senón tamén entre os cidadáns-militantes. Un dirixente do PRD mexicano Manuel Rodríguez Lapuente, resumiu un sentir que comeza a ser dominante entre os afiliados ás nosas esquerdas: «Eu son militante pero non simpatizo nada con este meu partido».
A bunquerización militante non é a solución da esquerda, é a opción da dereita cando é asediada polo malestar cidadá ou se ve desaloxada dos gobernos. Unha estratexia resistencial moitas veces exitosa porque os conservadores contan coa colaboración de abondosos medios de comunicación que lles axudan a blindar os seus apoios sociais e a minimizar as perdas de lealdade. Sustentábel tamén grazas á complicidade de podentes grupos financeiros e empresariais e da xerarquía da Igrexa católica que asumen o protagonismo opositor nos momentos en que a dereita política perde vigor. Benefícianse doutro paradoxo: a dereita recupera gobernos sen gañar novos electores, válelles con que os perdan os gobernos progresistas, a volatilidade electoral da esquerda é máis decisoria que a (in)capacidade dos conservadores para sumar novos apoios.
O apelo épico ao resistencialismo na esquerda e no nacionalismo fai por esquecerse das radicais diferenzas que existen entre a xestión da hexemonía da dereita e a das forzas que aspiran ao cambio político e social. O modelo de hexemonía conservadora en tempos de crise repousa basicamente no ofrecemento do inmobilismo como protección fronte ás incertezas, na preferencia pola inxustiza antes que a socialización do goberno da desigualdades, na construción dunha sociedade aberta aos requirimentos do mercado pero rigorosamente inaccesíbel para os cidadáns economicamente máis vulnerábeis, e nun atávico medo ao futuro.
O abandono abstencionista de moitos cidadáns das ofertas progresistas e do nacionalismo non se superará cunha defensa numantina das políticas gobernativas nin coa exaltación de seguridades ideolóxicas ou doutrinarias. Toda proposta de cambio para a sociedade e as institucións debe acompañarse dun cambio dos valores, da organización da participación e dos modos de intervención.
Non hai outra vía para a (re)construción de maiorías sociais que o impulso dunha estratexia proactiva, dinámica, líquida no dicir de Zygmunt Bauman, inclusiva e orientada ao futuro. Demándanse programa de cambios operativos de curto, medio e longo alcance. Fronte ás dificultades, as posibilidades de futuro da esquerda non pasan por resistir senón por cambiar, por comezar a cambiar o seu propio discurso e as formas das súas políticas.
A crise esixe que a esquerda se pense novamente para ensaiar formas diferentes e construír cidadanía con valores diferentes. George Lakoff defende que un dos valores centrais da esquerda que necesitamos debe ser a empatía, a preocupación polos outros cidadáns. En tempos de desafección cidadá respecto da política; é dicir, de desapego da esquerda e das políticas que realmente non dan mudado o estado das cousas, a empatía política e das nosas políticas coa cidadanía é un primeiro paso imprescindíbel para a reformulación da esquerda.
A esquerda da clase política e dos aparatos partidarios é manifestamente insuficiente e carece de todo engado; lamentabelmente o futuro tampouco semella transitar pola apoloxía da esquerda da militancia pura e dura senón por refundarse como unha esquerda dos cidadáns, pensada como un instrumento non só de representación política senón tamén para a construción de novas comunidades de intereses fundadas na igualdade de trato e oportunidades e nun exercicio avanzado das liberdades.
Nenhum comentário:
Postar um comentário