En 1979, o Presidente Jimmy Carter instalou paneis solares no teito da Á Oeste da Casa Branca no marco dunha nova estratexia de enerxía solar. “No ano 2000,” dixo Carter, “o quentador de auga solar que hai detrás de min e que está a ser instalado hoxe, continuará nese mesmo lugar dando enerxía eficiente e barata. Para a vindeira xeración, este quentador solar poderá ser unha curiosidade, unha peza de museo, un exemplo do camiño que non se tomou, ou pode ser unha pequena parte dunha das maiores e máis excitantes aventuras que o pobo estadounidense emprenda xamais.”
Triste pero certo, logo de asumir a presidencia, o Presidente Ronald Reagan fixo desinstalar os paneis e algúns deles, de feito, remataron en diferentes museos. O activista ambiental Bill McKibben, fundador do grupo 350.org, preguntoume: “Sabes onde está un deses paneis? Está no museo privado do empresario chinés que construíu a compañía termo solar máis grande do planeta: Himin Solar. Na China, instaláronse sesenta millóns destes paneis.”
En 1990, os paneis da Casa Branca foron retirados dos depósitos do goberno e postos en uso novamente pola universidade Unity College do estado de Maine. Para defender a enerxía solar, McKibben uniuse a un grupo de estudantes de Unity College, xuntos levaron un dos paneis desde a universidade até a Casa Branca e pediron que fose colocado novamente no teito, pero a Casa Branca negouse.
Unha das promesas de campaña do Presidente Barack Obama foi que crearía millóns de postos de traballo ecolóxicos. Obama contratou a Van Jones como o tsar dos empregos “verdes” da Casa Branca e despediuno pouco despois de que Jones mudase en branco de ataques do que el chamou unha “cruel campaña de difamación” impulsada pola canle de noticias Fox News. Obama enfróntase agora a un enorme problema de desemprego que pon en risco non só o sustento de decenas de millóns de persoas, senón tamén as perspectivas políticas dos demócratas.
Aquí en Bonn, a resposta non podería ser máis clara: utilice o diñeiro dos paquetes de estímulo económico e desenvolva políticas para fortalecer a industria “verde” e xerar postos de traballo ecolóxicos, por exemplo, a fabricación, instalación e servizo técnico de paneis solares.
Alemaña, unha das economías máis avanzadas do mundo, fixo xustamente iso. Segundo informa o xornal Financial Times, o ano pasado as instalacións de células fotovoltaicas alemás chegaron a ser máis da metade das realizadas en todo o mundo.
Estou aquí para cubrir o 30º aniversario dos premios “Right Livelihood Awards”, coñecido tamén como “Premio Nobel Alternativo”, un marabilloso encontro de decenas de activistas e pensadores de todo o mundo. Entre eles, Hermann Scheer, membro do Parlamento Alemán.
Ao recibir o premio Right Livelihood Award, Scheer dixo: “A enerxía solar é a enerxía da xente. Utilizar esta enerxía non require grandes investimentos por parte dunhas poucas corporacións enormes, senón que require milleiros de millóns de investimentos por parte de milleiros de millóns de persoas que teñen, deste xeito, a oportunidade de deixar de ser parte do problema para pasar a ser parte da solución.”
Alemaña está a facer que iso se volva realidade. Os equipos de enerxía solar a pequena escala, tanto a nivel residencial como comercial, non só xeran emprego, incrementan a eficiencia e reducen os custos, senón que ademais permiten aos donos destes sistemas vender o excedente de enerxía ás centrais eléctricas, investindo o sentido dos seus medidores, a condición de que as condicións o fagan posíbel.
Aquí en Bonn, atópanse ademais representantes da organización Grameen Shakti, de Bangladesh. Esta organización outorga préstamos e oferta asistencia técnica a persoas pobres de zonas rurais para que poidan instalar sistemas de enerxía solar nas súas casas, moitas veces brindando deste xeito a posibilidade de acceder á electricidade por primeira vez na historia da familia. Grameen Shakti axudou a instalar 110.000 sistemas e a miúdo é unha muller a persoa contratada para mantemento do mesmo, o que xera fontes de traballo, empoderamento das mulleres e mellora dos niveis de vida.
Tamén en Bonn está a sede central da Convención sobre o Cambio Climático das Nacións Unidas, propulsora das frustradas negociacións de Copenhaguen sobre o cambio climático. Os países membros da O.N.U. e outros interesados no tema reuniranse novamente en decembro deste ano en Cancún, México. Con todo, as expectativas de que se logre progresar substancialmente redúcense cada día.
A horta orgánica da familia Obama demostra que cando a parella pública máis poderosa toma partido por algo, a xente presta atención. No canto de dicir simplemente non, o Presidente Obama podería dar sinais dunha importante afirmación ao reinstalar o panel solar no teito da Casa Branca: logo do desastre petroleiro de BP no golfo de México, logo da invasión imprudente e a ocupación profundamente custosa de Iraq –que moitos consideran que se baseou na nosa necesidade de petróleo–, tras a masiva e continua perda de empregos, estamos cambiando. Impulsaremos un movemento vital, de afastamento dos combustíbeis fósiles e achegamento a enerxías sustentábeis, a postos de traballo ecolóxicos..
Nenhum comentário:
Postar um comentário