Manoel Santos en Galicia Hoxe (aquí).
Tres discusións ao redor da folga do 29 de setembro chaman a miña atención: a da necesidade/oportunidade/efectividade da folga, a do modelo de sindicalismo e a do posíbel recuncar do PP na Moncloa.
Os grandes medios de comunicación, animados pola estratexia de desprestixio dos neocons cara ós sindicatos e -o que é un perigo aínda meirande- cara ao dereito á folga, teiman en cuestionar tanto a necesidade como a oportunidade e a efectividade da folga. Afirman que non había outra vía para frear a crise que a de atentar contra os dereitos da clase traballadora, que a folga chega tarde porque a reforma laboral é un feito e que non vai valer de nada.
No entanto, todos e todas sabemos que a folga é necesaria para tentar suavizar esa reforma laboral que, ao cabo, dá cobertura á especulación, ao capitalismo virtual e á endémica socialización do gasto e privatización do beneficio. E tamén para que a cidadanía, tan acomodada como despistada nos últimos lustros, tome as rendas da vida política e económica exercendo a democracia no seu campo de batalla máis efectivo, o das rúas, pois deixar todo ao abeiro deses parlamentos corrompidos polo deus mercado só traerá máis inxustiza. Hai que votar si, pero todos os días.
A folga, é certo, pode chegar un chisco tarde para evitar a perda de dereitos laborais e sociais consumada nos últimos meses. Porén, pode e debe ser efectiva para que a cidadanía se organice para responder, en tempo e forma, ás novas medidas de axustamento que sen dúbida virán. Ou alguén pensa que os poderes económicos xa saciaron a súa fame? Por fin, a folga, o dereito máis básico da clase traballadora, será efectiva se non queda nunha simple demostración folclórica de rebeldía. Debe ser unha plataforma de despegue para inserir na xente do común a antedita necesidade de organizarse e abrir un debate imprescindíbel, aquel que cuestiona un modelo de sociedade tan insostíbel como esgotado. Hai, seguro que si, outros camiños.
Que o sindicalismo practicado nos últimos anos, especialmente por parte das dúas grandes centrais estatais -ridículas mesas de diálogo, financiamento tan encuberto como silenciador, defensa case exclusiva do funcionariado, etc.-, foi tan patético como desmobilizador é unha obviedade.
Mais debería abondar con ver os estudados ataques á lexitimidade dos sindicatos por parte das forzas neoliberais, xa sexan estas “socialistas”, “populares” ou “empresariais”, para entender que queren eliminalos para sempre.
Por algo será. Os sindicatos son máis necesarios ca nunca. Hai que protexelos coa asistencia masiva á folga, mais nesa folga tamén hai que enviarlles a clara mensaxe de que o seu sindicalismo ten que cambiar.
Por último, a ninguén escapa que a folga xeral pode ser o primeiro paso para o regreso da dereita ao poder. Da cidadanía organizada e en boa medida da redirección discursiva dos sindicatos e da reideoloxización da clase traballadora dependerá que isto non aconteza. Así como hai outros camiños, hai outras forzas políticas. E se non, pois creámolas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário