07/10/2010

Argumentos para a resistencia… e o cambio

Marcos Gay Varela. Artigo tirado de Altermundo, portal a que pertence o o autor.

Entre os días 16 e 19 de setembro ATTAC organizou o seu primeiro encontro altermundista en Viver (Castellón).

A xuntanza que naceu como iniciativa para tentar dar resposta a unha crise, pero non só dende o punto de vista da economía. O tratado no País Valenciá centrouse en atopar alternativas para frear tamén unha crise sistémica, alimentaria, ambiental e dos dereitos sociais. Creándose neses días un espazo para debater as alternativas ao actual rumbo sen sentido e contra natura que se está a promover dende moitos países occidentais.

 O encontro estivo orientado a quen, sendo membros de ATTAC ou non, concordan con que outro mundo é posíbel. Máis de cen persoas atenderon o relatorio de Gerardo Pisarello, recoñecido xurista con dilatado currículo e membro do Observatorio de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Barcelona, que fixo un percorrido pola historia da construción do actual sistema, analizando tratado tras tratado como se foron redactando as regras do xogo óptimas para que os mercados se apropiaran das decisións internacionais, minguando os valores democráticos e deixando de lado a constante acentuación das desigualdades, as problemáticas sociais ou das grandes inxustizas. Dende o Tratado de Roma de 1957, onde xa preocupaba moito o libre mercado, até o recente Tratado de Lisboa, onde se blindou aínda máis o Banco Central Europeo en detrimento dos intereses sociais. Autor de La Constitución Europea y sus mitos e moitos outros libros, Pisarello lembrounos que debemos preocuparnos máis por coñecer o labirinto europeo, escudo perfecto para que os dirixentes dos países membros poidan botar balóns fóra cando se reclama xustiza social, de aí que escoitemos tanto estes líderes políticos dos países da UE aquilo de “es que eso viene de Europa”. Invitándonos a considerar preguntas como, Que valores ten Europa?, a quen favorece máis?, a nós contrólanos Europa, pero a Europa quen a controla?, tendo en conta o que nos inflúen as directivas europeas, que sabemos desta lexislación?, por que tanta falta de transparencia nos órganos europeos?

Carmen Castro, economista experta en políticas europeas de xénero, foi outra das relatoras, achegándonos unha visión da economía dende a igualdade, argumentando como o sistema trata de xeito desigual a homes e mulleres. Carmen fíxonos reflexionar acerca dos mecanismos de discriminación que se empregan ou como se normaliza a desigualdade. A evolución do produto interior bruto (PIB) non é un indicador moi axeitado para avaliar se un país avanza ou non. Hai máis cousas que a economía. Suecia, por exemplo, un dos países con mellor índice de equidade de xénero, non está precisamente na cabeza nos índices económicos. Que sociedade do benestar nos queren vender?

O profesor de economía Gregorio López fixo unha exposición arredor do contexto socioeconómico actual e analizou alternativas ao mito do crecemento, cuestionando o actual paradigma no que vive Europa e abordando a necesidade de políticas máis respectuosas coa contorna e a súa viabilidade. Todo isto sería máis doado, apuntou Gregorio, se recuperásemos a banca pública, porque se unha cousa deberiamos aprender desta crise é que non é boa idea que existan bancos tan poderosos.

Conceptos como o decrecemento e a bioeconomía parecen ser alternativas a estudar se nos preocupa o feito de parar antes de acabar co planeta. Asociar o crecemento económico ao desenvolvemento é un erro, sostén Gregorio, debemos reorientar as actuais políticas feitas por e para os mercados.

O sábado pola tarde, escoitáronse neste encontro altermundista experiencias moi emotivas de membros da Plataforma en defensa da Lei de dependencia, formada por diferentes colectivos, asociacións e organizacións, lembrándonos a importancia de traballar xuntos para acadar cousas. A unión da xente que pensa que un mundo mellor e posíbel semella ser un ingrediente insubstituíbel para acadar un futuro máis xusto e comprometido. Tristemente, lembraban tamén dende esta plataforma, as leis non sempre se aplican, motivo polo que eles se manifestan, tan só para esixir que se cumpra unha lei aprobada no Parlamento. Cuestión que de xeito inevitábel lévanos a pensar tamén sobre outras moitas cuestións.

Seguidamente, presentouse ATTAC.TV, unha iniciativa que pretende ofertar un punto de vista alternativo aos medios de comunicación de masas. Despois de case un ano de rodaxes, seguen rebelándose ante a idea de que se perpetúe un “pensamento único”. Polo momento dedicáronse á produción de entrevistas e pequenos vídeos en formato informativo, pero aos poucos estanse abrindo á edición de documentais e reportaxes, tanto propios coma en colaboración con outras entidades. Baixo o lema “outra televisión e posíbel”, emociona sentir como xorde, entre tanta desinformación, un proxecto froito do esforzo dun miúdo grupo de persoas que tampouco admiten esmorga do estado para coaccionar o libre pensamento, malia que actualmente estanse a expor a posibilidade dunha publicidade ética para axudar a financiar os seus proxectos. En definitiva, parece unha web que paga a pena visitar www.attac.tv

Obradoiros acerca dos medios de desinformación, da linguaxe eufemística dos actuais dirixentes políticos, de consumo ético e transformador, xunto con debates dinamizadores acerca das temáticas tratadas nos relatorios, foron as actividades que ocuparon o resto do apertado horario dun encontro no que, máis ca nada, hai que salientar a boa enerxía que arrecendía, ilusión, compañeirismo, e moitos outros valores que están tan en declive e que tanta falta fan para unha boa saúde psicolóxica e social.

As palabras de clausura caeron da man do coordinador de ATTAC España, Carlos Martínez, recentemente entrevistado por Iñaki Gabilondo en CNN+, moi boa entrevista que puidemos recuperar en internet e que de seguro lle custou algún tirón de orellas a este recoñecido periodista euscaldún. Por que teñen tanto medo os políticos e os medios ás iniciativas de ATTAC e as de outras moitas organizacións e persoas que teñen tanto que dicir?

Nunca esquecerei o enriquecedor e humano que foi ese primeiro encontro altermundista, polo que convido a todas aquelas persoas que cren que outro mundo é posíbel a que se interesan por este tipo de contidos, sendo unha posibilidade facelo a través de ATTAC Galicia mediante a páxina de www.attac.org


ATTAC, XERME ALTERMUNDISTA

 A Asociación pola Tasación das Transaccións e pola Axuda aos Cidadáns (ATTAC) é un movemento internacional que promove o control democrático dos mercados financeiros e das institucións que os controlan. Naceu en Francia en 1998 e hogano está presente en case corenta países. Sostén que as trasnacionais e quen acatan as súas decisións contribuíron a reducir o poder dos electorados nacionais sobre as súas economías. Propón por exemplo o control dos mercados financeiros mediante mecanismos como a coñecida Taxa Tobin, a supresión dos paraísos fiscais, defende a banca pública e os servizos públicos diante das privatizacións que só benefician ás novas corporacións, así como a condonación da débeda externa dos países do terceiro mundo. Ao cabo, é un movemento internacional de educación popular que ten como un dos seus principais obxectivos o esforzarse por fornecer a toda a sociedade dunha formación integral e actualizada, orientada a fundamentar un espírito crítico, afastado do “pensamento único”, para ser así quen de cuestionármonos as actuais políticas neoliberais e reflexionar acerca de se os mercados financeiros son os actuais amos do mundo. +INFO: www.attac.org

Nenhum comentário: