Os movementos de resistencia comunista, incluídas tamén as guerras de guerrillas, poden ter algo que ensinarnos acerca da resistencia, mais non creo que teñan a visión nin a imaxinación para mostrarnos como acadar un xeito de vida sustentábel.
A actualidade na India
Arundhati Roy |
O goberno da India, que foi un dos países líderes do Movemento de Países Non Aliñados durante a guerra fría, optou agora por estar completamente aliñado. Chámase a si mesmo un aliado natural de Israel e dos Estados Unidos. En 1990 adopta o mercado libre. Desde entón, axustamentos estruturais, privatización e enormes proxectos de infraestrutura –como diques de contención, plantas de enerxía e minas– provocaron o desprazamento de centos de milleiros de persoas. India é probablemente o país con maior número de desprazados internos no mundo. A gran maioría destas persoas pertencen a comunidades indíxenas tribais ou a castes Dalit (intocábeis).
O actual goberno está encabezado por monicreques do Fondo Monetario Internacional (FMI) e do mundo corporativo. O primeiro ministro da democracia máis grande do mundo, Manmohan Singh, nunca na súa vida gañou unha elección. O ministro local, P. Chidambaram, é un avogado corporativo que representou a grandes industrias mineiras, até á infame Enron. El di que visualiza o 80% da poboación india vivindo en cidades. Isto significaría unha fazaña de enxeñería social a unha escala que ningún goberno imaxinou xamais. Preto de 500 millóns de persoas marchando das súas terras. Isto só pode facerse se a India muda nun estado militarizado.
Aínda cando a poboación rural está sendo desprazada das súas terras a un ritmo sen precedentes, cando chega ás cidades e vive en barrios e pobiños de chabolas, conformando a masa de traballadores “practicamente escravos” que constrúen as novas e relucentes cidades, cando rematan o seu traballo, igual son expulsados das cidades. Temos unha poboación de 800 millóns de persoas que viven con menos de medio dólar ao día. Son o que os nazis adoitaban chamar “comedores superfluos”. O goberno quere desfacerse deles.
O movemento Naxalita, a xente Dalit e Adivasi da India rural
É a mesma vella historia. Vostedes, nas Américas, sábeno mellor ca ninguén. Se miras un mapa da India, verás que nos bosques, a gran riqueza mineral, e os grupos indíxenas están amoreados uns enriba dos outros. Só a bauxita está valorada en 4 trillóns de dólares. No 2005 o goberno asinou centos de Memorandos de Entendemento (MOUs, polas súas siglas en inglés) con corporacións privadas para realizar proxectos masivos de minaría e infraestrutura. Estes tentaron comezar a traballar, pero topáronse cunha moi, moi forte resistencia –unha biodiversidade de resistencias– que abrangue desde militantes gandhianos, socialistas e indíxenas, até unha clásica loita maoísta armada. O goberno sinalounos a todos como maoístas e o primeiro ministro chamoulleos –á xente máis pobre do mundo– a maior ameaza á seguridade interna da India. Todos estes movementos, levantáranse ou non en armas, foron reprimidos violentamente.
O movemento Naxalita comezou nun distrito da parte do oeste de Bengala, chamado Naxabari, en 1967. O partido chamábase Partido Comunista da India (Marxista-Lenista) (CPI [ML], polas súas siglas en inglés). A súa actividade política central tiña que ver coa reforma da terra. Atopáronse coa represión militar e policial, a través da cal o partido foi practicamente aniquilado fisicamente. O partido separouse e dividiuse. Apareceron novos partidos con lixeiras variacións da ideoloxía orixinal, pero cada vez que parecía ser derrotado, erguíase de entre os mortos, propagándose polo país. Foi particularmente forte no estado de Andhra Pradesh, onde se chamou a si mesmo Grupo de Guerra da Xente e máis tarde só a Guerra da Xente (PW, polas súas siglas en inglés). No 2004 foron virtualmente expulsados deste lugar e moitos dirixentes escaparon aos bosques de Chhattisgarh, onde se reuniron cos seus compañeiros, que estiveran traballando con xente das tribos durante trinta anos.
Muller do movemento naxalita |
Agora, de súpeto, a fortaleza do bosque onde se repregaran resultou ser o novo grande achado das corporacións e os Naxalitas están sendo nomeados “a grande ameaza para a seguridade interna.” Os movementos e loitas indíxenas están a medrar en todo o mundo, especialmente en Latinoamérica. Están cuestionando fortemente os gobernos e corporacións e até, en casos como o de Bolivia e Ecuador, enfrontan o dilema de tomar ou non o poder e están a defender unha nova visión da existencia humana: “sumak kawsay” (bo vivir en quechua) que harmoniza ao home e a natureza, rexeitando os principios do capitalismo.
Estes movementos son a nosa única esperanza. Mentres os movementos de resistencia comunista, incluídas as guerras de guerrillas, poden ter algo que ensinarnos acerca da resistencia, eu non creo que teñan a visión ou a imaxinación para mostrarnos un xeito de vida sustentábel.
A presenza das mulleres nos movementos da India
Case todos os movementos de resistencia na India teñen mulleres á fronte. Isto é unha das cousas máis marabillosas que ten este lugar. Até o grupo de base do Exército de Liberación das Persoas (PLGA, polas súas siglas en inglés) ten ao redor de 45% de mulleres nas súas filas. Aínda que os maoístas non poden ser chamados totalmente igualitarios, aparentemente sono máis que outros partidos políticos.
O futuro do movemento
Para comezar, creo que virá unha seria escalada. O goberno indio fixo promesas a corporativos e aquí “crear un bo clima para o investimento” non significa outra cousa que unha guerra contra os pobres. Pero a India está nunha posición peculiar. A diferenza dos países do oeste, que mentres desenvolvían a democracia no seu país, cometían xenocidios nas súas colonias para extraer materia prima que alimentase a súa industria, hoxe a India –que se vende como a democracia máis grande do mundo– está tendo que colonizar as súas máis baixas rexións, para comer as súas extremidades. Pero as extremidades néganse a ser comidas.
A situación é esta: durante cinco anos a xente máis pobre do mundo artellouse para, dun xeito ou doutro, rexeitar aos máis poderosos corporativos. Podería ser que a xente deste país, con toda a súa sabedoría e flexibilidade, gañe. Se é así, farán historia. Quizá vaian ensinarlle ao mundo unha nova forma de facer as cousas. Se perden, será unha derrota do tipo que a xente pobre de todo o mundo experimentou século tras século. A liorta está en pé. A solidariedade internacional axuda, pero cada vez máis, a pelexa debe estar na base local, militante e imposíbel de cooptar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário