* Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).
Non pretendo dar leicións. A ninguén. Menos agora que, no meu actual estatus académico, non estou habilitado para "profesar" nos curricula de licenciatura dos estudantes universitarios -oficio que, durante máis de catro decenios, andara eu a exercer tanto por devoción coma por obriga. Mesmo durante ese longo período, e con tanta máis énfase canto máis avantaba no seu decurso, adoitaba dicirlles aos "meus" alunos que, máis ben ca adeprenderlles saberes, eu apenas pretendía ensinalos a pensaren cun certo rigor, ou sexa, método no raciocinio. Nas postrimeirías desa miña xeira docente, cando alguén me perguntaba encol do meu balanzo de resultados, contestáballe que só tiña unha certeza: seguro que adeprendera eu moito máis do que puidera ter ensinado. E non o dicía -non volvo dicilo agora- por falsa modestia, senón por convición forxada na esperiencia. Aparte de que, como é ben sabido, canto máis adiantas en coñecemento, máis consciente te volves da crecente dimensión do enorme espazo de saberes que descoñeces e nunca chegarás a abesullar sequer, aparte desa evidencia, digo, mesmo espricar nunha aula as nocións máis elementais dunha materia, iso que programáticamente repites cada curso, obrígate a repensar os alicerces do coñecemento que estás a transmitir -e suscítache moitas máis interrogacións ca certidumes. Daquela, en percura de respostas, bótaste a estudar de novo o que coidabas ter adeprendido xa.
No meu labor político pasoume outro tanto do mesmo. Ségueme a pasar agora que non combato nas institucións senón na sociedade, e non estou no estado maior senón na infantería do nacionalismo e a esquerda -sen agardar a que teñan que mobilizarnos aos reservistas, dadas as baixas que está a causar esta guerra, máis cruenta do que disque fora a do catorce, a dos avós da miña xeración, que xa choveu, e prá xente nova fica moito máis lonxe atrás do que pra nós a de Cuba e Filipinas, por caso. Pasoume outro tanto, dixen, só que, neste lerio, o que adeprendín non nos valeu de res, nen a min nen aos meus paisáns, e o que se cadra puiden ensinar, só en ética da fraternidade e exercizo da veracidade, polo que se bota de ver caíu en terra erma e papárono talvez certos sucedáneos dos feros corvos de Xallas pondaliáns.
Así que non pretendo dar leicións. Mais non renuncio a re-pensar nocións básicas, e supostamente arquisabidas, da nosa cultura democrática -nosa, quer dicir, dos seres humáns que tivemos a fortuna de recibirmos de balde a herdanza histórica de tres vagas sucesivas de ilustración desalienadora e combates revolucionarios conxugados: a primeira, frente ás autocracias do antigo rexime; a segunda, frente ao dominio esplotador do capital; a terceira, frente ao poder espoliador das metrópoles coloniais. Son os tres regos de pensamento e prática que confluen no curso dos actuais movementos emancipadores antisistémicos. Son asimesmo os que irrigaron os eidos do nacionalismo emancipador galego contemporán. E re-pensar o amplo e diverso repertorio de nocións que integran esa ricaz avenza, á par que se proxectan e contrastan na prática social e política, é condición indispensábel pra que non acaben por momificárense en dogmas e tornárense fetiches -nas antípodas, pois, da razón ilustrada e desalienadora ao servizo da cal naceran.
Aconteceume hai pouco que, interpelado nun coloquio celebrado en público, dixen que se, nas actuais circuntancias, me acaíse governar na Xunta de Galiza -hipótese obviamente inverosímil- exercería unha acción de governo xenuinamente socialdemócrata e autonomista, utilizando até o límite o repertorio de potestades e competencias políticas dispoñíbeis a prol dos dereitos e necesidades máis cardinais e urxentes da cidadanía. Mesmo fixen referencia, para ilustrar esa aseveración, ao programa de governo co que o BNG concurrira ás eleicións do 1997, reiterado con algúns retoques nas do 2001 -e que a única deficiencia que padecía era a de non ter sido aplicado nunca até agora. Pois seica houbo quen interpretou que o Beiras renunciaba ao socialismo marxista e á autodeterminación -e chéirome que se cadra inclusive alguén viu ratificada a sua convición de ser este servidor un seudonacionalista pequenoburgués. Non é que, a estas alturas, me importe un algo, mais paréceme cando menos antiestético confundir de tal xeito o cú coas témporas. Simultáneamente, houbo outro alguén que arremeteu contra a socialdemocracia por mor da falcatrueira contra-reforma laboral, esa aduanada operada polo actual governo español. Tampouco é que me importe nen chisco, mais sábeme á zaragallada terminolóxica da que vos falaba o outro día.
Porque a socialdemocracia nada ten a ver coas políticas que están a executar os partidos que a invocan nos governos que índa rexentan nalgúns estados europeus e que, nos seus contidos, consisten mesmamente en todo o contrario. Socialdemócratas xenuinos érano os idearios e os proxectos políticos dos revolucionarios partidos socialistas marxistas europeus anteriores á guerra do catorce e á revolución soviética. E socialdemócratas reformistas fórono, a partir da Grande Depresión, os que deseñaron e aplicaron o modelo do "welfare state" despois da IIª guerra mundial, ou sexa, o modelo de xestión reformista do chamado "capitalismo renano" -polo Rhin, non polos riles- baseado na intervención do Estado para o control público do capital, a regulación e defensa dos dereitos laborais, a redistribución da renda e a riqueza, e as políticas de seguridade e benestar sociais das clases traballadoras: o contrario, xa que logo, das políticas ultraliberais hoxe imperantes, con escasas variacións, sexa cal for a cór política dos que as aplican. Neste actual contexto, unha acción de goberno socialdemócrata, mesmo que só fose na sua versión reformista, marcaría unha nidia inflexión no uso do poder, un rotundo cambio de direición e sentido no proceso de involución reacionaria que estamos a padecer.
Claro que o capitalismo actual non é reformábel, e que o combate de fondo a librar pola esquerda no seo da "sociedade civil" ten que ser antisistémico e orientado a proxectalo na "sociedade política". Mais xa quixera eu que, á par dese combate estratéxico, fósemos quen de desterrar dos actuais aparellos de estado as políticas ultraliberais: retroalimentaríase a potencia do movemento emancipador na sociedade. Os programas de governo do BNG aos que aludín -1997 e 2001- tiñan ese norte, ían nesa direición: abonda consultalos para comprobármolo- e ben que se decataron daquela os poderes económicos e mediáticos que se conxuraron para nos atrancaren o paso. O grave é que, chegados ao poder co bipartito, nen se tentou sequer pór en obra os seus eixos cardinais: bailouse o rigodón cos poderes inimigos, pra tentar desactivalos e -malia que involuntariamente, se cadra- defraudouse aos sectores máis combativos da "sociedade civil" que esperaban outra cousa dos seus representantes na "sociedade política".
Análogamente acontece a respeito da custión nacional galega -mais diso falareivos na vindeira prédica dominical, ou?
Nenhum comentário:
Postar um comentário