06/10/2010

O integracionismo de Johán Vicente Viqueira e Portugal

Xosé Lois García. Artigo tirado de aqui.

Xohán Vicente Viqueira (1886-1924), foi un intelectual fundamental en dimensionar as Irmandades da Fala en varios ámbitos e con respecto a Portugal. O Reintegracionismo de Viqueira, recíproco ao Pangaleguismo de Antón Vilar Ponte –dous homes fundamentais nas Irmandades da Fala e que lle deron corpo ao nacionalismo galego–, abasteceu de ideas unha relación, puntualmente positiva, entre galegos e portugueses.

Se Vilar Ponte teorizou sobre un achegamento político sobre Portugal, Xohán Vicente Viqueira detectou a posibilidade de expansionar o idioma galego a través do portugués, confirmando: “O galego, pol-a súa semellanza co-o portugués, é un instrumento de comunicación internacional que â España enteira convén cultivar e conservar”. A reflexión de Viqueira dimensiona un proxecto e unha maior articulación co “mundo portugués (Portugal, as súas colonias e o Brasil)”. Nesta mesma dirección afirmaba: “A nosa fala ten que chegar a expresar a infinita riqueza da nosa alma galega e ten que encher aquela misión internacional de relaciós c’os países de lingua portuguesa, misión que denantes cobizamos para Galicia”. A insistencia dese vencello cos países lusófonos, a fai significar Viqueira na identificación lingüística e, tamén, na literaria ao lembrar en A Nosa Terra, do 20 de xuño de 1917: “Os leitores do galego poden ser numerosísimos; é decir que quen escrebe en galego escrebe cuasi para medio mundo.-Debemos lembrarnos de que no Portugal e países de lingua portuguesa a nosa literatura ten ardentes partidarios”.

Os actos levados a cabo na Universidade de Coimbra e do Porto, en honor de Rosalía de Castro; en Viana do Castelo e noutras partes do Miño e Tras-os-Montes, significaron para Viqueira un reencontro a nivel cultural e literario. Estas referencias o levaron a ir alén dese amorfismo predominante –de ámbito político que había entre Portugal e Galiza– para concretar ideas e determinar vencellos con Portugal que, en definitiva, era o ideario das Irmandades da Fala.

Relación e integración foron temarios distintos na dialéctica de Viqueira, ao sentir a necesidade de achegarse a Portugal para dar pulo a alma galega, potencial dinámico manifestado no seu idioma. Esa proposta, por vía lingüística, significou para Viqueira sentir a necesidade dunha reforma ortográfica, co fin de recuperar un pasado literario común, como expresou no seu artigo publicado en A Nosa Terra o 20 de xaneiro de 1918, titulado: “Pol-a reforma da ortografía”.

Outra das contundencias con que Viqueira tentaba anular eses 400 anos de escuridade literaria en Galiza, manifestou: “¿que non temos clásicos galegos? ¡Fagamos nosos os clásicos portugueses. Sobre todo Camoens pode ser o noso mestre!"

Nenhum comentário: