Estará o triplo de horas, celebrará unha audiencia cos Reis, o presidente do Goberno confirmou a súa presenza a un dos dous actos programados e a súa visita conta xa co dobre de xornalistas acreditados. A estadía en Barcelona de Benedito XVI supera en todos os seus apartados á de Compostela. En todos, excepto nun: o económico. A pesar de que nin a Xunta de Galicia nin a Generalitat de Catalunya desglosaron pormenorizadamente o custo da viaxe papal dos vindeiros 6 e 7 de novembro, o certo é que a estadía do Pontífice en Santiago será máis cara. ¿Canto? Os primeiros datos apuntan que, a pesar de que o seu paso será máis fugaz, o gasto será ata un millón de euros superior.
Tres millóns de euros é a cifra que, segundo a consellería de Presidencia, gastarán as arcas públicas galegas nun evento que durará oito horas e que será -en palabras do conselleiro Alfonso Rueda- "o broche de ouro para un Xacobeo histórico". A metade do orzamento -uns 1,5 millóns- irá parar á retransmisión da visita por parte da TVG, que ademais de alimentar as seis pantallas grandes que se colocarán en diversos puntos da cidade, retransmitirá para unha audiencia potencial de 150 millóns de persoas en todo o planeta. A canle pública xa confirmou que vai facer un despregamento sen precedentes, no que se inclúen 70 cámaras e ata dous helicópteros. O millón e medio restante repartirase entre o dispositivo de seguridade -composto por 5.000 axentes- e o Centro de Prensa que utilizarán os 1.000 xornalistas acreditados para cubrir o evento.
O montante total na visita catalá segue no aire. Ata o momento, sábese que o arzobispado gastará entre 500.000 e 600.000 euros, dos que 300.000 proceden de donativos dos fieis. Fronte ó caso galego, esta cifra terá que incluír a estadía nocturna de Benedito XVI e o seu séquito, así como dos bispos, que se aloxarán no hotel Colón, moi próximo ó pazo arcebispal e onde terá lugar o almorzo co Pontífice e os cardeais desprazados á Cidade Condal. Ademais, en ambas as dúas cidades, o Papa será obsequiado cun xantar no Arzobispado pero só o catalán incluirá ós prelados españois. O Concello de Barcelona achegará 150.000 euros que irán destinados ó despregamento da Guàrdia Urbana, organización dos autocares dos peregrinos e control e organización do tráfico. Generalitat e Deputación de Barcelona correrán cos gastos do Centro de Prensa, que costará entre 150.000 e 200.000 euros e dará cobertura ós 2.000 xornalistas acreditados. A estes 850.000 euros totais habería que engadirlle a retransmisión televisiva, a cargo de TV3. Un despregamento informativo que, segundo fontes da canle autonómica, "non será superior ó millón de euros e non terá partida extraordinaria", de xeito que o gasto será asumido polo propio ente. Por último, e aínda que a Generalitat non creou un orzamento especial, o acto contará coa presenza dos Mossos d"Esquadra, encargados de velar pola seguridade da comitiva e dos fieis congregados na cidade. Así, as cousas, a visita de Benedito XVI a Barcelona podería rondar entre o millón e medio e os dous millóns, un menos que a de Santiago.
O aforro é significativo, non só pola necesidade de ser austeros en tempos de crise, senón tamén polo maior gasto que implican as 24 horas do Papa na capital catalá fronte ás 8 galegas. Ademais dos elementos comúns a ambas as dúas citas -traxecto en Papamóbil, misa na Catedral/Sagrada Familia e encontro con colectivos desfavorecidos-, a estadía de Benedito XVI en Barcelona implica, a maiores, a durmida do Pontífice e todo o seu séquito, unha recepción cos Reis e unha cerimonia de despedida na que, ademais das Súas Maxestades, estará presente o presidente do Goberno e outros representantes políticos, co conseguinte dispositivo policial.
O CONTRAMOVEMENTO
Do "Eu nom te espero" á alerta polas mobilizacións
A duración do acto e un orzamento dispar non é a única diferenza que separa a ambas as dúas visitas do Papa a España. O contramovemento ou colectivos en contra tamén gozan dunha organización diferente e son ollados con distinta preocupación nunha ou noutra cidade.
Os contrarios á visita de Benedito XVI a Santiago de Compostela en pleno Ano Santo teñen na campaña "Eu nom no te espero" o seu aglutinador. Ademais de rexeitar os valores que representa, as persoas adheridas a esta iniciativa critican a privación de lugares públicos e o desbaldimento de cartos de todos os galegos. A súa protesta xa se deixa notar nun bo número de fiestras e balcóns de Compostela, nos que xa está colgada a faixa co lema "Eu nom te espero" e que serve de réplica ás bandeiras vaticanas que Xunta e Concello animaron a poñer naquelas vivendas polas que vai discorrer a visita do Papa. Máis alá desta oposición coñecida, as autoridades non esperan graves altercados nin se mostran especialmente preocupados polo movemento contrario ó evento.
Todo o contrario do que sucede en Barcelona, onde sindicalistas, laicos, ateos, librepensadores, colectivos de homosexuais, feministas e católicos críticos co Papa están ultimando os preparativos das diversas mobilizacións que terán lugar na capital catalá durante os días previos á chegada do Papa. As convocatorias -que circulan como a pólvora pola internet- xa elevou ó máximo nivel o dispositivo de seguridade durante a primeira fin de semana de setembro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário