Raúl Asegurado Pérez
Con L de Liberdade?
O grupo municipal do partido popular d´A Coruña fixo unha moción no seu Concello solicitando o uso do topónimo de La Coruña con L de Liberdade! cando menos é inxenioso.
O L pódese usar de forma Lúcida ou coma unha Lousa que tente Lapidar de forma Letal unha Lingua á que se pretende Liquidar por entendela como un Lastre para os fins Liberais da construción do imaxianrium uniformizador colonial, nese caso, a Liberdade estaría de Loito.
Coma unha vangarda Lazarilla, o PP promúlgase defensor dun cego povo, vaia diagnose de partida. O povo cego, que non se decata da imposición do galego –nunha contorna que ningún estudo sociolingüístico respaldaría (e vaian vostedes a investigar por que falo da socioloxía de “dios” agora)- precisa da Liberación dos dereitos socavados por un estado de excepción que pretende o monolingüismo da cidadanía, impoñéndoo. O discurso é sen dúbida Limitado mais ten Lindes de proxección. O discurso constrúese en base a unha idea positiva Liberdade, aceitada comunmente, baleirada de contido e usándoa simplesmente como contrapunto doutra idea, a non imposición.
A Liberdade como non imposición daría como resultante a Libertinaxe social, cousa que desde o Liberalismo conservador non estaría moi ben visto, porque non é o mesmo a non imposición que a non dominación, antítese verdadeira da Liberdade. E iso imos tentar aclarar, que non é igual impor que dominar.
A imposición dunhas normas de xogo non é o mesmo que a dominación dunhas normas de xogo, as normas de xogo non dominan. A capacidade de dominar está na posibildade ou non de determinar as leis (neste caso, leis culturais), por tanto, nun estado democrático –que non coñezo- residiría na soberanía nacional, as leis non teñen esa potestade de dominar pero si deben ser impostas, que non quere dicir que non se poidan modificar. Modificáronse as leis no 36 co franquismo, o problema non eran as leis, senón en quen as ditaminaba, quen dominaba e quen era dominado, igual aconteceu no 78 até hoxe. Cando a lexislación cultural non é do gusto de quen pinta, entón entra en xogo a tradición político-cultural de cada quen, para tentar a súa modificación.
Eis a cuestión histórica da tradición cultural; a cultura galega é tradicionalmente unha cultura da paz, da convivencia e lamentablemente de submisión, non hai cabida na nosa historia cultural para o adxetivo de impositiva, colonial nin dominadora; cuestión que non acontece na historia cultural española, eis por isto, que na fase histórica cultural onde formalmente poderíamos falar dun intento de restitución cultural, os defensores da cultura española, na que tamén está integrada (historicamente) a tradición fascista, atribúelle á cultura galega atributos propios. A defensa da lingua galega non ten atributos fascistas, o combate contra a lingua galega historicamente si ten desde a cultura española atributos fascistas; nin paga a pena, por coñecidos, aprofundar moito neste tema, abonda con citar: séculos escuros e franquismo para situarnos.
Partido Popular e PSOE veñen da tradición cultural española, é entendíbel que desde as súas coordenandas sitúen a defensa idiomática nos eixes de imposición e agravio. É por tanto acaído dicer: ao César o que é do César. A Coruña é A Coruña, igual que Ourense é Ourense, que Fontiñas é Fontiñas, que Arteixo é Arteixo, etc… Tamén é certo que por seren como somos, aos defensores de La Coruña, de Orense, de Arteijo, de Fuentecitas, etc… nunca lles daremos atributos nin trato de “terroristas” como aconteceu por exemplo en Euskadi co ataque PP-PSOE ao diario Egunkaria (que tras pasar por prisión, trato de terroristas, torturas etc… tiveron que ser absoltos case un lustro despois). É dicer, aplicarán unha cultura fascista cando pretendan loitar pola uniformización cultural do Reino, e nós para eles seremos “terroristas” por atemorizar o estatus quo do dominante en territorio dominado, sería máis romántico o uso da terminoloxía romana de “bárbaros/as”.
De bárbaro a fascistas, seguiremos combatendo, iso si, eiquí, na Galiza, cunha cultura irmandiña, por tanto, fraterna, non por tal, menos combatente.
Nenhum comentário:
Postar um comentário