30/12/2010

A banca culpábel

Vicenç Navarro en Público (aquí).


Dean Baker, codirector do Center for Economic and Policy Research de Washington, foi o primeiro economista que alertou da existencia dunha burbulla inmobiliaria en EEUU e das consecuencias que o estalido de tal burbulla tería para a economía estadounidense. O establishment económico (os economistas en postos de dirección da Administración Bush junior, así como as lumbreras do mundo académico universitario) ignoraron completamente tal aviso, reproducindo unha imaxe de compracencia coa situación da economía, á vez que mantiñan uns comportamentos cómplices cos grupos de presión responsábeis da burbulla inmobiliaria (entre os cales hai que destacar á banca). En EEUU acaba de estrearse o documental Inside Job que mostra a xénese da crise económica e financeira de EEUU, incluído o estalido da burbulla inmobiliaria, sinalando a gran responsabilidade que centros universitarios de formación e análise económica tiveron (a través dos seus servizos de asesoría á banca-Wall Street) no desenvolvemento de tales crises. Os gardiáns da "ortodoxia económica neoliberal", que promocionaban a sabedoría convencional económica, marxinaban e silenciaban as escasas voces críticas a tal pensamento único. Voces críticas como as de Dean Baker eran ignoradas sistematicamente.

A burbulla, con todo, estalou e creou unha enorme recesión. Ningunha das voces do establishment neoliberal admitiu o seu erro. En realidade, o que Dean Baker estaba a sinalar era fácil de prever. As prácticas especulativas do complexo bancario-inmobiliario estaban a crear unha situación explosiva que se baseaba nuns prezos esaxerados e irracionais das vivendas, moi por riba do nivel dos salarios que puidese soster o consumo de tales vivendas. O estalido inmobiliario debíase a esta enorme distancia entre o prezo da vivenda e o nivel salarial do pobo estadounidense. A explosión da burbulla significou o colapso do sector inmobiliario e a paralización da construción. E consecuencia da centralidade de tal sector no crecemento económico, o colapso significou a Gran Recesión da economía.

A maneira de saír dela era mediante o aumento do gasto público, que cubrise, en parte, o baleiro que creara o colapso do mercado da vivenda, estimulando así a economía. E outra medida necesaria era a baixada moi significativa do prezo da vivenda, que se calculou estaba sobrevalorada nun 30% (nalgunhas partes do país, como California, mesmo un 70%). Tal redución era esencial para reavivar o sector da vivenda. Dean Baker acaba de escribir outro libro, False Profits. Recovering the Bubble Economy, no que indica que, a non ser que os prezos da vivenda baixen máis, a economía estadounidense non sairá da Gran Recesión.

O que fai especialmente interesante a lectura do libro de Baker é que as semellanzas coa situación española son enormes, semellanzas que tamén acaban de sinalarse nun artigo recente de The New York Times (18-12-10). Como en EEUU, en España o complexo bancario-sector inmobiliario-industria da construción foi o eixo do crecemento económico. E tamén, como en EEUU, a burbulla baseouse no comportamento especulativo da banca, que determinou, en consecuencia, uns prezos artificialmente altos, moi por riba da capacidade de compra da poboación española, que se endebedou enormemente. E de novo, como en EEUU, as autoridades públicas estimularon o comportamento especulativo (mediante, entre outras medidas, a desregulación do chan) do complexo bancario-inmobiliario. E como en EEUU, o comportamento do Banco Central foi dun enorme deixamento na súa responsabilidade reguladora e supervisora. A responsabilidade do Banco de España e do seu gobernador no establecemento da burbulla e a súa explosión non foi menor. A súa complicidade coa banca adquiriu un nivel tal que se lle deben esixir responsabilidades.

Pero tal complicidade, segundo The New York Times (18-12-10), continúa en España. Así, non só Dean Baker senón moitos outros expertos internacionais sinalan que o prezo da vivenda en España debese baixar moito máis (un 30%) do que baixou (só un 12%). Se non se produce un maior descenso, equilibrando o prezo da vivenda co nivel adquisitivo da poboación, non haberá reavivación do mercado inmobiliario e non haberá recuperación da economía. E aquí, de novo, o problema está no excesivo poder da banca española (hoxe una das maiores propietarias de vivendas baleiras), que non quere baixar máis os prezos a fin de non aumentar as súas perdas e manter o seu nivel de beneficios. E, paradoxal e sorprendentemente, as autoridades públicas non están a intervir para forzar a venda de tales vivendas (prohibindo, por exemplo, que existan vivendas baleiras) e con iso baixar o prezo da vivenda. En realidade, están a facer todo o contrario. Nada menos que a segunda autoridade económica do Goberno Zapatero, José Manuel Campa, indicou que "o prezo da vivenda baixou xa suficientemente", apoiando as declaracións case idénticas do gobernador do Banco de España que, como sempre, apoia á banca á cal debese supervisar e regular. En realidade, o grao de complicidade entre o Banco de España e a banca explica a desconfianza que existe fóra de España cara á tan promovida "saúde do sistema bancario español". Hoxe, ninguén coñece o grao de morosidade existente en España nin a porcentaxe de vivendas baleiras existente no mercado español. E esta falta de confianza é a que está a atrasar a recuperación económica. E, mentres, o gobernador do Banco de España está a acusar aos sindicatos de ser responsables da escasa recuperación económica polo seu defensa dos postos de traballo.

Nenhum comentário: