29/12/2010

A CIG convoca a folga xeral a véspera da reforma das pensións, o 27 de xaneiro de 2011

* Nova recollida de Xornal (aquí).

O sindicato nacionalista CIG non vai esperar a que as dúas grandes centrais do Estado, CC OO e UGT, se decidan a poñer unha data para a folga xeral. Por iso resolveu ir por libre e convocará un paro total na comunidade para o próximo 27 de xaneiro. Así o comunicará hoxe en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que estará acompañado de varios membros da Executiva Confederal. Fontes do sindicato non quixeron adiantar a Xornal as razóns polas cales decidiron tomar a iniciativa e non esperar polos dous sindicatos de clase. En calquera caso, a central nacionalista xa puxo data para a segunda folga xeral do Goberno de Zapatero despois da que tivo lugar o pasado 29 de setembro a nivel estatal.
Esta convocatoria terá lugar un día antes de que o Executivo central aprobe a reforma do sistema público de pensións español, que incorporará como novidade o incremento do periodo de cálculo para a xubilación ou a ampliación da idade legal de retiro ata os 67 anos. O Goberno, apoiado por Bruxelas ou a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), xa avisou que aprobará estos cambios por decreto haxa ou non acordo político e social.
A central nacionalista que comanda Xesús Seixo cumpre así a ameaza que viña manifestando nas últimas semanas. O líder sindical confirmara a este diario que a CIG tiña a intención de convocar unha folga xeral con ou sen o apoio de Comisións Obreiras e UGT.

SEN DATA EN MADRID
Doutra banda, o secretario xeral de CC OO, Ignacio Fernández Toxo, aclarou onte que, aínda que non hai data para unha segunda folga xeral, “con total seguridade” definiría un proceso de mobilización para o caso de que o Goberno aprobe o atraso da idade de xubilación aos 67 anos o próximo día 28 de xaneiro.
Nunha entrevista concedida a Europa Press Televisión, Toxo apuntou que a distancia que existe actualmente entre o Goberno e os cidadáns é “tremenda” e pode resultar “irrecuperable”.
Toxo negou que xa exista data para unha próxima folga xeral en relación a algunhas informacións que apuntaban o 26 de xaneiro ou o 22 de maio como os días elixidos. Con todo, asegurou que “en función de como discorran as cousas nestas próximas dúas semanas” tomaranse decisións.
“Non é cuestión de pórlle data, depende tamén da forma de tramitación de cada unha das medidas. Isto dá espazo non só para a mobilización, senón tamén para a negociación, pero desde logo se o día 28 (de xaneiro) o Goberno toma a decisión de tirar pola vía dos 67 anos, con toda seguridade ese día teremos definido un proceso de mobilización e a intensidade do mesmo”, matizou. Así mesmo, agregou que “a intensidade” e o momento de celebración da folga é algo que ten que decidir a organización, pero engadiu que, “desde logo” ningunha das datas que se barallaron até agora para convocar unha folga “teñen ningún viso de verosimilitud”.
Toxo sinalou que CC OO atópase nun período de “reflexión interna” tamén con UGT, “valorando todos os elementos que concorren na situación actual, desde a reforma laboral até a reforma da negociación colectiva, pasando pola anunciada reforma de pensións”. “Se o Goberno insiste en tirar pola rúa do medio en todas estas materias e particularmente nas pensións, en seguir adiante coa idea do atraso da idade de xubilación, é moi probable que haxa unha nova folga xeral”.

Nenhum comentário: