Filipe António Díez. O autor é membro de Prolingua e um dos redactores do extinto Renovar BNG xunto con Carlos Amoedo e Daniel Beiras. É filiado do BNG e adcríbese criticamente á corrente interna de +Galiza, cuxa figura máis coñecida é o portavoz parlamentar Carlos Aymerich. "Anatomía dunha mentira" apareceu publicado orixinalmente no único xornal diario publicado integramente en galego, o Galicia Hoxe e pode consultarse aquí. Precisamente a presidenta de Galicia bilingüe, Gloria Lago, recebía máis unha vez unha desmesurada atención mediática perante o anuncio de tentar que os pais escollan tamén en primaria a lingua dos seus fillos e non só apenas en prescolar.
Rosa Díez, deputada do partido fascistoide e españolista UPyD, na manifestación convocada por Galicia Bilingüe o 8 de febreiro do 2009 contra o uso vehicular do galego e onde se produciron confrontos e fortes cargas policiais contra os defensores do galego. FOTO: lavandeira jr. |
O día catro de xaneiro, a presidenta da asociación Galicia Bilingüe, Gloria Lago, remitiulles aos medios de comunicación a carta aberta que lle acaba de enviar ao novo presidente da Real Academia Española (RAE), José Manuel Blecua, reproducida nalgúns medios de forma íntegra. A carta de Gloria Lago -no seu día aliada do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contra a política lingüística desenvolvida polo bipartito- era unha resposta ás declaracións de Blecua, quen nunha entrevista se amosaba partidario da inmersión lingüística no ensino como único medio para preservar os idomas cooficiais do estado fronte á esmagante presión do castelán, ao tempo que tamén apoiaba a declaración dos topónimo vernáculos como os únicos oficiais, fosen en galego ou catalán. Onte mesmo, un dos membros máis activos da plataforma Prolingua, Felipe António Diez, penduraba do seu blog -http://filipediez.blogaliza.org/archives/237- un texto no que desmonta os argumentos da promotora de Galicia Bilingüe, "na inmensa maioría dos casos" incapaces de "resistir a menor análise". Estas son as súas respostas -en brancas- aos argumentos de Gloria Lago -en negriña:
1. Os territorios non teñen lingua
Os territorios son lugares onde habitan os pobos, e estes si teñen lingua de seu. Por iso o galego é a lingua propia de Galiza, xa que é a que creou o pobo galego, en territorio galego, e que leva sendo falada de xeito ininterrompido durante uns 1.200 anos.
2. Os dereitos témolos as persoas, non os idiomas
Nada teño a priori en contra deste argumento, pero o feito é que a Constitución Española de 1978 optou por territorializar os dereitos lingüísticos, xa que se fosen individuais, un cidadán residente -por pór un exemplo- en Murcia podería esixir ser respondido en galego (ou en catalán, ou en éuscaro) polos poderes públicos e recibir o ensino na lingua da súa elección. Polo demais, hai que ter en conta que todos os idiomas posúen unha dimensión colectiva, xa que son vehículos de comunicación social e non simples ferramentas individuais de expresión. Tentar caracterizar as linguas en termos puramente individuais é un auténtico dislate, e entra en flagrante contradición cos argumentos nº 5, 6, 7 e 8 tamén mantidos pola señora Lago e o grupo que lidera. Por outra parte, mesmo no caso de que os dereitos lingüísticos fosen individuais, terían que ser de todos e cada un dos cidadáns, non só dunha eventual maioría. De feito, o recurso á vontade maioritaria é un argumento que invalida a dimensión individual dos dereitos. Que llo digan, se non, ao 46% de pais e nais da miña cidade, A Coruña, que escolleron o galego como lingua do ensino infantil para os seus fillos e fillas, e que por estaren en minoría non foron atendidos.
3. Os nenos van ao colexio para formarse, non para salvar linguas. A educación bilingüe debe ser voluntaria
Lapsus freudiano evidente, xa que este enunciado asume, implicitamente, que a lingua galega está en perigo e que precisa ser salvada, a pesar de que a acción pública do grupúsculo Galicia Bilingüe consiste en denunciar o contrario: o suposto risco de extinción do español en Galiza, como froito dunha presunta persecución e negación de dereitos. Canto ao fondo da afirmación, non se sostén: parte da formación escolar dos nenos, nenas e adolescentes consiste en dominar as linguas que son instrumento de comunicación na sociedade á cal pertencen -como establece, por certo, a Lei de Normalización Lingüística-. Negarlles aos estudantes a aprendizaxe dunha das linguas faladas en Galiza é facer apoloxía da ignorancia, mentres que o deber da educación é diminuír a ignorancia, en vez de consagrala como modelo.
4. Como mellor aprende un neno é na lingua materna
Descoñezo o curriculum vitae da señora Lago como pedagoga, mais o certo é que o sistema de inmersión educativa vén mostrando desde hai décadas un éxito innegable. A proba máis recente disto son os resultados do último informe PISA, que mostraron sen lugar a dúbidas a competencia en lingua española dos alumnos cataláns (inmersión completa en catalán), vascos (modelos de inmersión e mixto) e galegos (ensino cun mínimo do 50% en galego): en todos os casos, os resultados están por riba da media española, e non só en lingua española, senón tamén en matemáticas e en ciencias. Véxanse a este respecto as respostas aos argumentos nº 8 e 9. Curiosamente, nada se di dos pais que envían seus fillos e fillas a colexios onde a lingua vehicular é o inglés: nese caso, a adopción dunha lingua escolar diferente da familiar é acollida con alborozo, ao contrario do que ocorre cando a lingua escolar é o galego.
5. Os topónimos cambian por unha cuestión de utilidade, necesidade ou vontade colectiva. Eses topónimos son un tesouro máis das nosas linguas, que non debería sernos furtado
De acordo. De feito, nada nin ninguén lle impede a un falante galego de español que utilice formas como Arteijo, Caldas de Reyes, Orense, Puenteares, Piedrafita, La Puebla del Caramiñal, La Toja ou Desván de los Monjes: pode facelo oralmente ou por escrito, nas súas comunicacións privadas, comerciais ou cos poderes públicos... A lexislación unicamente establece as formas que deben usar as Administracións públicas, que non son outras que as históricas. E resulta que a historia deste país e dos seus topónimos está intimamente ligada á lingua galega. Ademais, pretender que a lexislación lexitime todas as formas posibles dos topónimos é incorrer nun absurdo; imaxinemos o caso da Coruña: A Coruña, A Corunha, A Cruña, A Crunha, Coruña, Corunha, Cruña, Crunha, La Coruña, La Curuña. Alguén imaxinou que o Concello da Coruña tivese que usar todas esas formas nas súas comunicacións oficiais, para non furtarlle a ninguén a evolución da súa escolla? E o mesmo se podería dicir de Paiosaco, Paisaco, Peisaco, Payosaco e tantos e tantos outros casos.
6. Debemos atribuírlles esa capacidade de amar a súa lingua ás persoas que teñen o español como a súa lingua propia en Galicia
Totalmente de acordo: as persoas que teñen o español como a súa lingua habitual deben ter os seus dereitos lingüísticos individuais escrupulosamente respectados e en ningún caso seren vistas como galegos de segunda. O problema é que isto xa é así na realidade social galega, mentres que os falantes de galego como lingua habitual se ven privados dos seus dereitos lingüísticos na Xustiza, no comercio, na publicidade, no cinema, no lecer, na relixión, nos medios de comunicación... Só un matiz: o uso da construción lingua propia aplicado ao plano individual é equivocado e equívoco. A lingua propia dunha sociedade é definida colectivamente, e non como un sumatorio de casos individuais.
7. Os pais esperamos que aos nosos fillos lles ensinen no colexio aquelas palabras que non usamos na nosa vida diaria
Outro lapsus freudiano. Se os pais desexan que a escola ensine o que non se aprende na vida familiar, daquela o lóxico é que o sistema educativo ensine as dúas linguas oficiais en Galiza, tanto a que o estudante practica na familia como a que sexa eventualmente allea a ese ámbito. Este argumento contradí abertamente a opción por un ensino monolingüe, con segregación escolar decidida polos pais e nais, que defende o colectivo Galicia Bilingüe.
8. Os pais temos dereitos á elección da lingua na que son educados os nosos fillos
Os dereitos non os define a señora Lago, senón os poderes lexislativo e xudicial, e resulta que tanto a Constitución Española como a xurisprudencia do Tribunal Constitucional español -organismo nada sospeitoso de ser vítima de adoutrinamento nacionalista- son contrarias á elección de lingua por parte dos pais. Lembremos o que di a STC 337/1994 no seu fundamento xurídico 9º:
De otra parte, también desde la perspectiva del art. 27 C.E. ha de llegarse a la conclusión de que ni del contenido del derecho constitucional a la educación reconocido en dicho precepto ni tampoco, en particular, de sus apartados 2, 5 y 7 se desprende el derecho a recibir la enseñanza en sólo una de las dos lenguas cooficiales en la Comunidad Autónoma, a elección de los interesados. El derecho de todos a la educación, no cabe olvidarlo, se ejerce en el marco de un sistema educativo en el que los poderes públicos -esto es, el Estado através de la legislación básica y las Comunidades Autónomas en el marco de sus competencias en esta materia- determinan los currículos de los distintos niveles, etapas, ciclos y grados de enseñanza, las enseñanzas mínimas y las concretas áreas o materias objeto de aprendizaje, organizando asimismo su desarrollo en los distintos centros docentes; por lo que la educación constituye, en términos generales, una actividad reglada. De este modo, el derecho a la educación que la Constitución garantiza no conlleva que la actividad prestacional de los poderes públicos en esta materia pueda estar condicionada por la libre opción de los interesados de la lengua docente. Y por ello los poderes públicos -el Estado y la Comunidad Autónoma- están facultados para determinar el empleo de las dos lenguas que son cooficiales en una Comunidad Autónoma como lenguas de comunicación en la enseñanza, de conformidad con el reparto competencial en materia de educación.
Ou sexa: os pais e nais teñen o mesmo dereito a escoller a lingua do ensino que a decidir se en vez da evolución das especies se debe ensinar o creacionismo, xa que as crenzas e preferencias individuais son un dereito respectable, pero cuxo ámbito de aplicación non é o ensino, definido por criterios de necesidades colectivas.
9. O ensino produce un adoutrinamento nacionalista na escola: críticas á ditadura franquista e á "invasión" dos Reis Católicos, proposta de "galeguizar" o nome ou os apelidos que recibiron dos seus avós e de converterse en "neofalantes"
Falar de adoutrinamento nacionalista nun sistema de ensino obrigatorio no cal nin sequera existe unha materia de Historia de Galiza é un disparate impropio dunha persoa que se dedica profesionalmente á docencia, como é o caso da señora Lago. Polo demais, pretender negar o impacto social e lingüístico da unificación dos reinos medievais promovida polos Reis Católicos ou da ditadura franquista é unha nova apoloxía da ignorancia. A señora Lago é consciente de que a dominación lingüística se inicia cos Reis Católicos e de que o proceso de substitución lingüística do galego polo español rexistra un avanzo dramático durante o franquismo, sen que a recuperación democrática fose capaz até agora de reparar os estragos feitos pola ditadura fascista encabezada por Franco. Canto á galeguización dos nomes e apelidos, a señora Lago demostra unha vez máis o inmenso atrevemento que nace da súa ignorancia: dicirlle a un estudante apelidado Seijo que o seu apelido é galego e debería ser grafado Seixo nada máis é que cumprir coa obrigación de explicar a historia da nosa lingua. A partir de aí, o estudante é perfectamente libre de restituír a forma xenuína do seu apelido, Seixo; de traducilo ao español, Guijarro; ou de manter a grafía deturpada que lle legaron seus pais, neste caso Seijo. Por último, unha anotación sobre neofalantes e lingua materna. Se o concepto de lingua materna fose realmente eficiente, i.e. se non houbese quebra da transmisión familiar, a lingua de todo o pobo galego seguiría a ser o galego. O problema é que a lingua non se transmite polo leite materno, senón nun ambiente social cheo de condicionamentos que favorecen unha lingua sobre outra(s). Por iso mesmo, non ten sentido que se deoste os neofalantes de galego, cando o certo é que a inmensa maioría dos falantes galegos de español tamén son -se non eles, os seus pais- neofalantes nesa lingua. Ou é que os neofalantes de español deben ser parabenizados e os de galego estigmatizados?
10. A conservación das linguas diferentes do español está sendo monopolizada por sectores con grandes intereses económicos, por grupos de poder e mesmo por algúns fanáticos
Por respecto á señora Lago e ás persoas que apoian as súas teses, reprimirei a gargallada que as súas palabras merecen: insinuar que os poderes fácticos galegos están detrás da defensa da lingua propia do país só pode ser unha broma, á vista da pírrica presenza do galego nos ámbitos máis prestixiados da vida social.
11. Que os cidadáns, sobre todo os nenos, poidan desfrutar dos dereitos que teñen as persoas que viven noutras democracias con máis dunha lingua oficial. Defensa dos dereitos civís fronte á defensa das linguas
A utilización dos nenos e nenas como coartada paréceme indigna. Dito isto, vamos a un dos puntos centrais da miña discrepancia coas teses da señora Lago: ela inspírase en sociedades onde existen comunidades lingüísticas ben diferenciadas que conviven dentro dunha mesma estrutura política. Porén, en Galiza non hai dúas comunidades lingüísticas, senón só unha: o feito de que a inmensa maioría da poboación teña competencia tanto en galego como en español é a mellor proba do que digo. Ademais diso, a intercomprensibilidade entre o galego e o español fai que a existencia de dúas comunidades cun elevado grao de impermeabilidade sexa no mínimo moi improbable. Cal é, daquela, o propósito da señora Lago e de Galicia Bilingüe? Moi simple: a lexitimación social, política e xurídica dunha suposta comunidade lingüística de cidadáns galegos que de-sexan ser monolingües en español, sen o menor contacto coa lingua galega. É dunha hipocrisía insufrible que ese proxecto se presente como bilingüe, cando o que realmente pretende é a segregación. O bilingüismo non consiste en que a metade da poboación só saiba falar galego e a outra metade só poida expresarse en español, senón en que todos os cidadáns galegos teñan acceso ás dúas linguas e poidan utilizalas con normalidade e naturalidade en calquera situación. Só o coñecemento garante a liberdade, pois quen ignora todas as linguas menos unha, está imposibilitado de escoller. En nome do coñecemento, da tolerancia e da convivencia, urxe a deslexitimación social e política dos argumentos da señora Lago e de Galicia Bilingüe, que pretenden conducirnos a un escenario de segregación social e de enfrontamento que estou seguro de que a inmensa maioría da sociedade galega rexeita.
Nenhum comentário:
Postar um comentário