07/02/2011

África organiza, Senegal acolle

Manoel Santos. Tirado de aqui.
http://farm6.static.flickr.com/5098/5422300132_b3d8e6ed5a_m.jpg
Crónica e imagens de Manoel Santos 7/2/2011
O FSM de Dakar comezou o día 6 de febreiro cunha longa marcha dende a grande mesquita até a Universidade Cheik Anta Dioup. O día 7, totalmente dedicado a África e á diáspora africana espera a intervención do ex-presidente Lula ás 12:30.

http://farm6.static.flickr.com/5174/5421687739_a7e9c1cc0e_m.jpg

A radiación solar senegalesa e os 30 graos de temperatura fixeron que a colorida marcha de apertura, caracterizada pola presenza de moitísimos colectivos africanos, parecera ser dunha ducia de quilómetros, malia que só foron catro. Ao remate houbo intervencións de moitos colectivos continentais, amais do presidente de Bolivia Evo Morales e de Gilberto Carvalho, o ministro da Secretaría Xeral da Presidencia do Brasil, cuxo goberno quere demostrar así que segue a ter moi en conta o proceso dos altermundistas.

Evo Morales celebrou as revoltas nos países árabes, enmarcándoas nunha loita dos pobos contra o neoliberalismo e un capitalismo que agoniza. Pola súa banda, Carvalho apuntou que “A crise nos levou a fugir do caminho imposto pelo FMI e outros órgãos, que levou à recessão e miséria”.

Na marcha inaugural destacou a presenza da delegación do Sáhara, que o goberno marroquí quixo contrarrestar pagando a máis de 400 persoas o seu viaxe ao FSM. Deste xeito, a organización viuse na obriga de establecer unha dupla corda de seguridade ao redor dos saharauis, diante dun espectáculo patético da delegación de Marrocos.

http://farm6.static.flickr.com/5018/5422305768_2f7ea92c03_m.jpg

Mais o verdadeiramente salientábel da Marcha foi a presenza física de multitude de organizacións sociais de toda África, especialmente do Oeste, dende Malí a Burkina Fasso, Gambia, Nixeria, etc, e a presenza no corazón das forzas sociais do Magreb, cuxos procesos de rebelión marcan moitos dos debates do FSM. Aí se concentraron dende colectivos que loitan contra o expolio de minerais, até grandes organizacións de desherdados, sen vivenda, sen terras, mesmo sen Estado, tamén colectivos que traballan con microcréditos, ou en diversos campos da economía social e solidaria, outros que loitan polo recoñecemento xurídico dos mercaderes ambulantes, ou pola igualdade de xénero, contra a explotación infantil ou contra os transxénicos e un sen fin de organizacións que andan na procura dun outro mundo posíbel. Deste xeito, o FSM non parece organizado por un só país, Senegal, senón por un inmenso colectivos de pobos que se definen a si mesmo como a nación africana: “África organiza, Senegal acolle”, berraban os manifestantes.

http://farm6.static.flickr.com/5180/5422969656_976512f409_m.jpg

A presenza de organizacións europeas é tamén moi relevante. O Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM), por exemplo, trouxo case 400 delegados, encabezados por Eric Toussaint e Olivier Boufond. Asímesmo a delegación brasileira é tamén importantísima, incluíndo a xente do grupo de Impulso do proceso do FSM (GRAP), con xente como Oded Grajew, Chico Whitaker ou Cândido Gryzibowski, que viron nacer o FSM hai once anos en Porto Alegre.

Tamén é moi salientábel o esforzo da prensa alternativa, con moitos medios locais, como Flammme d’Afrique, os medios compartillados do Fórum, como A Ciranda, e tamén IPS, a Carta Maior, e até 40 persoas da rede Indymedia.

Segundo día

http://farm6.static.flickr.com/5217/5422345153_09e54a082e_m.jpg
O día 7, dedicado a África, comezou co clásico caos do Fórum, que carece aínda de programa impreso, polo que a universidade é un ir e vir de xentes moi diversas na procura de información nos paneis estáticos que por agora constitúen a solución da organización.

No primeiro turno destaca a actividade do eixo 12, da Rede polos Dereitos Colectivos dos Pobos, na que participa a Fundación Galiza Sempre, que contará cunha palestra con representantes da Frente Polisaria, os tuareg de Malí, o Movemento de refuxiados Mauritanos no Senegal, o pobo Libou e un xurista de Casamança, rexión independentista do sur do Senegal

Neste mesmo eixo terá tamén as súas actividades o antedito GRAP. Logo dunha década de FSM cómpre repensalo dende a crítica dos ideiais do crecemento e do progreso argallando novos xeitos de expansión e de procura de alternativas efectivas á crise civilizatoria. Amais, está en discusión tamén a sede do vindeiro FSM, en 2013. A postulación de Porto Alegre, que para iso montou unha tenda nos espazos da Universidade, non parece contar co apoio do GRAP. Cândido Gryzbowski, o director do Ibase, por exemplo, apoia con levar por vez primeira o FSM a Europa, “en solidariedade cos efectos nocivos da crise nas poboacións e contra os plans de axuste do FMI”. Todo está aberto aínda, mais malia as xa usuais dificultades organizativas do FSM, que conta aquí con máis de 45.000 delegados duns 130 países –sen contar as nacións sen estado–, intúese un grande foro africano.

Ás 12:30 de hoxe espérase a reaparición pública internacional do ex presidente Lula, que falará sobre África na xeopolítica mundial co presidente do Senegal, moi preto da Universidade. Para aló imos.

Un outro mundo é posíbel.
http://farm6.static.flickr.com/5174/5422325179_58ef987326_m.jpg



Nenhum comentário: