Liberado das cargas e mordazas da presidencia, Lula foi moi crítico co G20, ao que acusou de non ter a máis mínima sensibilidade coa fame e a pobreza no mundo.
Non decepcionou un chisco. A visita de Luiz Inacio Lula da Silva a Senegal durante a celebración do onceavo Foro Social Mundial só se pode entender como o seu radical aliñamento coa opción altermundista para un outro mundo posíbel. Sendo se cadra o mandatario que abandona o seu cargo coa cota de popularidade máis alta da historia, e non só a nivel brasileiro, Lula podería escoller para a súa reaparición a nivel internacional calquera lugar, a ONU, Davos ou calquera dos foros dos poderosos, mais escolleu África e o Foro Social Mundial.
Así, o ex presidente, que estivo acompañado pola directora xeral da Unesco, Irina Bokova, representacións do Comité Organizador do FSM de Dakar e da Unión Africa, do director do Foro Mundial das Alternativas, Samir Amin e do presidente de Senegal, Abdulaye Wade, fixo un discurso con reminiscencias de estadista pero extremadamente antineoliberal, amosándose moi crítico coas potencias occidentais. Entre o público e en primeira liña, os grandes gurús do FSM, dende Cândido Gryzbowski ao portugués Boaventura de Sousa Santos ou Oded Grajew, varios ministros senegaleses e brasileiros –a representación brasileira neste FSM é impresionante en número– e un Emir Sader que mesmo fixo a tradución consecutiva da súa intervención ao francés.
Lula, despois de saudar a todos os habitantes da terra e aos activistas do FSM afirmou en primeira instancia que o soño dun outro mundo posíbel non o imos abandonar nunca. Asemade, fixo moitas referencias a África. “Brasil ten a segunda comunidade negra do mundo despois de Nixeria, con 80 millóns de afrodescendentes. Traio a palabra franca dun admirador deste berce da humanidade”, afirmou. Apelou aos países africanos a construír as súas sociedades sen inxerencias estranxeiras, procurando a democracia, a soberanía e a cooperación entre estados. “África ten un futuro extraordinario, un futuro que está a chegar hoxe pero que debe ser acelerado”, dixo. Tamén lembrou a súa estadía no Senegal en 2005, cando visitou a illa de Goré, onde se amoreaban os escravos para as Américas e que arrepía de só vela, e pediu perdón pola escravitude a todos os africanos e africanas.
Seguidamente, e xa desprendido do seu rol de presidente, certificou o fracaso absoluto do Consenso de Wáshington: “os países ricos sempre nos viron como unha periferia pobre e dominábel, pero hoxe somos a parte fundamental para sacar á humanidade da súa crise, desa crise que agromou pola anarquía dos mercados e a irresponsabilidade de moitos gobernantes que non souberon regular”, afirmou.
“A pobreza e a exclusión non son inherentes ao ser humano e moito menos inevitábeis”, seguiu. “Non é admisíbel que millóns de homes e de mulleres fosen vistos como un estorbo por non estar inseridos na produción e no mercado, que é o que aconteceu aquí, en África, porque eses homes e mulleres son vitais para construír as nosas sociedades”, e continuou “a historia está enchida de dogmas falsos e mentiras, como o da necesidade dos Estados mínimos. O mercado non é panacea ningunha”.
Aínda así, insistiu en que para rematar co neoliberalismo non podemos caer en nacionalismos primitivos, conservadores e autoritarios, como a política dos Estados Unidos e a Unión Europea cos migrantes. E lembrou a moitos líderes das revolucións africanas e as súas tradicións humanistas.
Despois puxo o logrado en Brasil como un exemplo a seguir por África. “A partir de 2003 Brasil afastouse do neoliberalismo e emprendeu un novo modelo de desenvolvemento que permitiu redistribuír moita renda. Tiramos do limiar da pobreza a 28 millóns de persoas e inserimos a 35 millóns na clase media na meirande mobilización social da nosa historia”, dixo con orgullo, e afirmou que hogano a democracia no Brasil é máis participativa que nunca. Tamén puxo como exemplo para África os seus programas en agricultura e se amosou alarmado porque na sabana, que ocupa 25 países de África, só se cultive o 2% da terra. De feito, Lula pensa que unha nova revolución agrícola, con outros parámetros –non precisou se falaba de agroindustria, dunha nova revolución verde ou de que modelo en cuestión–, é o que sacaría a África da pobreza e ademais serviría ao mundo para obter alimentos para todos. “África pode ser o celeiro da humanidade”, remataba.
Finalmente arremeteu contra as organizacións financeiras internacionais e o G20. “É inexplicábel que a fame non estea nos obxectivos de loita de moitos dos que gobernan, como se a fame fose invisíbel. O FMI e o Banco Mundial impuxeron e impoñen plans de axustamento estrutural que imposibilitan o desenvolvemento dos países pobres. Mais que axuda, África o que precisa son oportunidades para redistribuír e construír”.
Sen esquecer acusar e rexeitar o feito de que unha puñada de grandes potencias dominen a seguridade mundial -ou a inseguridade- Lula apostou tamén pola promoción dunha cultura de Paz para eliminar a desigualdade e o desemprego, resistindo ás intolerancias étnicas, relixiosas, culturais e ideolóxicas.
Tampouco esqueceu as revoltas do Norte de África e acusou ás “grandes potencias” de seren febles e cínicas nas súas políticas exteriores, afirmando que a solución á crise de Oriente Medio require novas políticas, entre elas a creación inmediata dun Estado palestino que poida convivir en paz co Israel.
Porén, a mais pechada ovación conseguiuna Lula cando rematou de ler o discurso e falou cara a cara co público. Logo de pedir ao FSM que dedique 2011 ao obxectivo de axudar ao desenvolvemento da agricultura en África lembrou que el estivo no G20 e que Dilma Roussef vai seguir aló, mais “non pensen que no G20 teñen sensibilidade coa fame e a pobreza. Nós só fomos chamados a este G20 cando as grandes potencias entraron en crise e nos necesitaban”, e seguiu “a Organización Mundial do Comercio (OMC) non cumpriu en 2008 co acordo de Doha porque o goberno dos Estados Unidos non quixo, porque tiñan eleccións. Estas situacións inadmisíbeis non podemos evitalas nós… ese é o voso traballo, o dos activistas políticos que debedes estar os 365 días do ano a procurar un outro mundo posíbel”. E o estadista mudou en altermundista.
Nenhum comentário:
Postar um comentário