16/04/2012

MpB fai públicas as resolucións da Conferencia Política do 31 de marzo

Tirado do site do Movemento pola Base (aquí).



Resolución nº 1

1º. O MpB dotarase dunha mínima organización e estrutura que lle permita actuar nos movementos sociais co fin de aglutinar persoas e/ou activistas que se movan nas mesmas coordenadas ideolóxicas e estratéxicas sen deixar de lado a necesidade de organizar o maior número de persoas no propio MpB.

2º. O MpB, como organización que procura como obxectivo central da súa acción a construción de espazos nos que, desde o soberanismo e a esquerda, se articulen ferramentas que contribúan a construír alternativas reais, vai centrar os seus esforzos no vindeiro período na extensión deste tipo de iniciativas.

3º. O MpB entende que a función de toda organización política galega que actúe desde parámetros nacionalistas e de esquerdas no momento actual é a de traballar para a construción dun movemento popular amplo, plural, que funcione como dique de contención fronte aos ataques recibidos pola maioría social e contribúa ao incremento da conciencia nacional e anticapitalista.

4º. O MpB acredita en que todas as iniciativas teñen que partir da base e rexerse polos principios de asemblearismo e participación.

5º. En consecuencia co anterior, o MpB vai focalizar a súa actividade nas estruturas que, partindo dos principios mencionados, contribúan para os obxectivos sinalados, e especialmente os seguintes:

.- Asembleas locais de carácter permanente que plasmen a auto-organización da veciñanza para a defensa dos servizos públicos, a participación popular na xestión das estruturas municipais e a articulación de espazos e medios auto-xestionados.

.- A extensión do sindicalismo nacionalista e de clase, combativo e asembleario, como alternativa da clase traballadora para a defensa dos seus intereses.

.- A participación ou creación cando non existan, en asembleas e plataformas para problemas e conflitos concretos.

.- Iniciativas para a creación de estruturas e medios entre a mocidade, as mulleres e a incorporación do feminismo á centralidade do discurso político, centros sociais e iniciativas comunitarias

6º. O MpB mantén unha oposición de principio a calquera tipo de política de carácter dirixista que instrumentalice os movementos e plataformas de carácter amplo e plural en beneficio dos intereses de grupo.


Resolución nº 2

1º. O MpB mantén unha oposición de principio a calquera tipo de política de carácter dirixista que instrumentalice os movementos e plataformas de carácter amplo e plural en beneficio dos intereses particulares dun determinado grupo.

2º. Desde ese punto de vista, constatamos que a evolución de Causa Galiza afasta a esta entidade dos seus obxectivos orixinais, e que esta marca xa non é asumida como propia polo conxunto de grupos e individuos que neste País asumen e defenden unha prática soberanista e de esquerdas.

3º. A militancia do MpB asume sen ningún tipo de escusa as responsabilidades que lle corresponden na deriva de Causa Galiza cara a dinámicas propias de plataformas interpartidarias así como no feito de non dar mudado desde dentro as dinámicas que consideraba nocivas e destrutivas

4º. O MpB rexeita de plano que a actual dirección de Causa Galiza se arrogue máis representatividade que a que lle confiren as persoas que seguen a participar e acreditar na entidade. O capital simbólico acumulado é en todo caso patrimonio de todas as persoas que contribuíron fortalecemento da entidade desde a súa creación.

5º. A militancia do MpB deixa de participar nas estruturas de Causa Galiza e de recoñecer a representatividade da mesma como foro unitario.

6º. O MpB continuará a traballar pola construción de espazos comúns e foros amplos e plurais nos que teña cabida o conxunto da militancia soberanista e de esquerdas baixo os inquebrantábeis principios do asemblearismo, o consenso, a confianza mutua e a non instrumentalización partidista.

Resolución nº 3

1º. O MpB entende necesaria a acumulación de forzas e a suma de esforzos para a construción dun polo nacionalista e de esquerdas que defenda os intereses da maioría social, estenda a conciencia nacional e interactúe co movemento social e popular de cara a recuperar e abrir novos espazos para a construción nacional e de poder popular.

2º. O MpB entende que todo proceso que se abra destas características ten que alicerzar nos principios do asemblearismo e a construción desde a base, sen pactos entre cúpulas que furten a soberanía do conxunto de persoas dispostas a participar no proceso. Calquera dinámica destas características suporá repetir as formas viciadas que provocaron o fracaso de procesos anteriores. O novo proceso ten de superar as dinámicas representantes/representados e estabelecer novas dinámicas que faciliten a integración e participación en pé de igualdade de toda a militancia.

3º. O MpB entende que é a maioría social deste país, é dicir, a clase traballadora e aqueles outros sectores prexudicados pola dependencia e o sistema socio-económico vixente, o suxeito político que precisa dotarse desta nova ferramenta e falar e actuar con voz propia, sen subordinar as súas necesidades e intereses.

4º. O MpB participará de calquer novo proxecto alicerzando a súa proposta sobre catro eixes que entendemos imprescindíbeis no contexto actual:

.- As dinámicas electorais non deben, en ningún caso, condicionar o proceso, pois o que cómpre é dotármonos dunha organización política para a construción de alternativas, o aumento da masa crítica e a transformación social, nun proceso que vai moito máis aló da representación institucional que en ningún caso pode ser o vieiro de acción único, nin tan sequera o prioritario. En todo caso, ten de existir unha práctica institucional diferente da vixente até o de agora.

.- O novo proxecto ten que se construír desde a base, a horizontalidade e o asemblearismo, coa participación activa de toda a militancia, o respecto á diferenza e a construción de pontes e dinámicas de colaboración coa sociedade organizada en relación de igualdade.

.- O novo proxecto ten de apostar claramente pola soberanía nacional deste país e a auto-organización da sociedade galega co horizonte estratéxico da Independencia Nacional, a consecución dun estado propio.

.- O novo proxecto defenderá e practicará unha alternativa política de esquerda transformadora, poñendo o acento na posta dos recursos e medios económicos ao servizo da maioría social, apostando pola autoxestión, o cooperativismo e a economía social na acción cotiá, co horizonte estratéxico da superación do sistema socio-económico capitalista.

Resolución nº 4

1º. O MpB acorda convocar nas vindeiras semanas unha Asemblea Nacional da corrente sindical que arredor da organización actúa na Confederación Intersindical Galega.

2º. O MpB propón a necesidade de manter a mobilización continua contra os recortes de dereitos laborais, o desmantelamento dos servizos básicos e das coberturas sociais.


3º. O MpB entende que nese camiño se ten que atopar a convocatoria dunha nova Folga Xeral Nacional en Galiza nos vindeiros meses.

4º. O MpB defende como eixes da súa estratexia sindical a necesaria unidade de clase partindo da unidade interna sen exclusións e o desenvolvemento dunha rede de solidariedade obreira no acceso á alimentación, á vivenda, economía social e fomento do cooperativismo.



Nenhum comentário: