04/02/2011

Compromisos e necesidades

Martiño Noriega en A Nosa Terra (aquí).
Unha das evidencias do abafante peso do pensamento único, catalizada na imposición de solucións á crise económica, é a perda de autonomía para responder dende as institucións con posicionamentos e opcións políticas situadas na esquerda real e na defensa identitaria. Despois dun primeiro momento na dixestión da crise no que asistimos, nun estado de shock, á reanimación cardiopulmonar histórica de Keynes, á recuperación da intervención pública na vida económica e á posta en valor do principio de sustentabilidade, comprobamos, co paso do tempo, como o propósito de emenda se converteu nun paso atrás para coller impulso nunha fuxida do sistema cara a diante. Unha vez reafirmadas as directrices neoliberais como solución á crise, co conseguinte deterioro dos dereitos sociais e laborais da cidadanía, atopámonos vivindo no paradoxo de saber que  a pluralidade de lecturas políticas ou a autonomía na toma de decisións atópase absolutamente recortada nos espazos institucionais políticos estatais e supraestatais por un poder económico que nunca pasou por unhas votacións. Significa isto a morte da política? Eu quero pensar que non, mais si dun fallo sistémico da política institucional que só atopa espazos de liberdade nas institucións máis próximas á cidadanía. Iso implica, ao meu entender, un descrédito das distintas opcións políticas ben por homologación (“ao final son todos iguais”), ben por falta de credibilidade (“está ben o que din pero non lles van deixar levalo a cabo”) ou ben pola imposibilidade de artellar xestións alternativas dende proxectos políticos radicalmente distintos.

Algo semellante está a acontecer tamén nun mundo sindical cun descrédito acelerado do seu rol necesario, ben por crítica comprensíbel de posicións submisas que confunden pacto con entrega, como pola limitada valorización cidadá de posicións combativas que erguen a voz para non renunciar no futuro ao presente que nos foi entregado.
Da crise de credibilidade, non tanto por crítica como por falta de apoio, tampouco son quen de fuxir os movementos sociais, movementos chamados a catalizar a nova esquerda do século XXI e que a día de hoxe traballan en daren o salto da diagnose ás propostas, sen recoller significativamente en termos de adscrición cidadá o malestar existente na situación de desamparo.
Neste contaxio impulsado polo actual poder económico do global ao local e do central ao periférico, esta situación beneficia os intereses que non precisan filtros (nin sindicais, nin políticos, nin sociais) para conseguir un aumento de beneficios en detrimento dos nosos dereitos e tamén, para opcións de corte totalitario e fascistoide que funcionan moi ben baixo o principio de diante do caos, un salvador.
Cómpre, polo tanto, asumir e trasladarlle á cidadanía crítica e á pasiva dende os valores republicanos, identitarios e de esquerda, a necesidade de implicarse en algo novo e distinto se non nos vale o que hai, ou ben a necesidade de priorizar, participar e lles esixir contas aos proxectos políticos, sindicais e sociais que defendan modelos alternativos ao inxusto e fracasado modelo actual. Nesas coordenadas xogámonos o futuro e ninguén o vai a defender por nós.

Nenhum comentário: