O avogado e pensador republicano Antonio García-Trevijano (Selecta, 1927), fundador da Xunta Democrática, foi un dos máis destacados opositores á ditadura franquista. Trevijano, que hoxe presenta na Fundación Caixa Galicia da Coruña o seu último libro, Teoría pura de la República, da editorial El Buei Mudo, defínese como "un revolucionario" e asegura que en España "non hai democracia". Este afervoado intelectual, cabeza visíbel do Movemento dos Cidadáns cara á República Constitucional, que foi encarcerado por orde de Fraga polas súas declaracións sobre Franco nos estertores do réxime, sostén que "os partidos políticos son tiránicos". No seu último libro trata a revolución francesa desde unha nova visión.
Defendo unha tese contraria á que defenderon os grandes historiadores da revolución francesa do século XIX. Non se escribiu a historia do seu pasado senón que os historiadores defenderon as súas posicións ideolóxicas, e eu fixen unha análise obxectiva. Case todos os historiadores defenderon a mentira de que o rei non fuxira senón que fora secuestrado. A morte de Robespierre deu paso a modernidade, a un pacto do poder coas finanzas para estabelecer a corrupción como sistema de goberno, e niso estamos.
Asegura que os partidos actúan como aliados das oligarquías.
Afirma que en España non existe democracia.Moitísimo máis grave que iso. Todos os partidos actuais son ditatoriais e tiránicos. Franco tiña un partido único, como Mussolini e Hitler, e a monarquía española ten, no canto dun partido único estatal, varios. A diferenza entre a Falanxe, o PP, o PSOE e EU é nula, son partidos estatais e traidores á sociedade civil, inimigos dos electores, que os votan porque son incautos e non saben que están a votar ao Estado, inimigo da sociedade civil. Os partidos estatais son unha monstruosidade xurídica e política, un circuíto pechado de intereses. Que isto sexa aceptado polos españois significa que os medios de comunicación e as universidades están ao servizo da oligarquía que controla o Estado. Os que votan están en servidume voluntaria aos partidos estatais. É un termo de Étienne da Boétie, amigo de Montaigne. Refírese a que temos tiranos porque os sostemos.
Como vai existir se o sistema electoral prohibe que a sociedade civil e os electores estean representados no Parlamento? Aí só están os partidos e as listas fanas os xefes de partido. O sistema nin sequera é representativo e tería que haber separación de poderes, que non a hai. Así que non existe democracia. Hai 35 anos era eu só, desde a Xunta Democrática, o único que se opuxo ao Pacto da Moncloa, ao acordo dos partidos, con Suárez e coa Falanxe, e fun o único que atacou á constitución dicindo que era froito da oligarquía. É un escándalo que se tolere que os partidos e os sindicatos estean pagados polo Estado.
Presume de non cambiar de opinión desde hai máis de 30 anos.
Son un revolucionario, quero cambiar de verdade o réxime de partidos por un sistema democrático, e avogo pola acción colectiva. O Movemento dos Cidadáns cara á República Constitucional, que fundei, postula isto. Non hai esquerda política, só hai pobres e esquerda social porque EU forma parte da oligarquía, ao estar subvencionada polo estado monárquico. É unha vergoña que teñan a ousadía de chamarse republicanos. No franquismo a miña voz era a máis escoitada, pero os partidos pactaron coa corrupción e fun relegado ao ostracismo.
Segue sendo un tema tabú o 23-F?
Que opina da Transición?Séguese ocultando que o promotor do 23-F foi o Rei Juan Carlos I. Isto díxeno entón. Ao pouco de publicar esta opinión miña nun xornal, Sabino Fernández Campos -Secretario Xeral da Casa Real española- díxome que eu fora o único que dixera a verdade sobre aqueles feitos. Ademais, confirmoume que a miña interpretación fora exacta e que o Rei fora o responsábel de todo. En vida, Sabino xamais o desmentiu.
A Transición foi unha permanencia no mesmo a través dunha transacción, á renuncia ao esencial por parte dos partidos para chegar a un consenso. A ditadura dun partido deixou paso á ditadura de varios partidos. O partido Comunista renunciou a ser comunista, o Partido Socialista renunciou a ser socialista e o Partido Popular non tivo que renunciar a nada, porque procedía do franquismo de Fraga e seguiu sendo fiel a si mesmo. E ese pacto horríbel e ese engano ao pobo é a Transición. Ademais, o pobo non puido manifestar a súa opinión sobre a Constitución, como vai ser democrática se non se aprobou en referendo?
Fraga podería ser xulgado se prospera a querela arxentina para xulgar o xenocidio franquista. Que lle parece?
Fraga é responsábel de mortes e secuestros. É o símbolo do crime e da vergoña da Galiza, e non porque me metese no cárcere, senón porque foi a icona da represión.
Nenhum comentário:
Postar um comentário